arqueobotánica

arqueobotánica

(< arqueo- + botánica)

s f [ARQUEOL/BOT]

Estudios e técnicas de análise e identificación de restos orgánicos vexetais recuperados en xacementos arqueolóxicos, ben directamente (restos de madeira: antracoloxía), mediante o peneirado fino ou flotación das terras en auga (sementes: carpoloxía) ou mediante a extracción no laboratorio de mostras do sedimento (fitolitos, pole: palinoloxía). Así mesmo, cómpre distinguir entre restos microbotánicos (pole, cutículas, fitolitos ou diatomeas) e restos macrobotánicos (sementes, froitos, madeira e outros vestixios vexetais). O principal obxectivo da arqueobotánica é a reconstrución do medio ambiente no que se inserían os restos contidos no rexistro arqueolóxico. Posto que as plantas se encontran na base da cadea alimenticia, a análise da comunidade vexetal dunha rexión é unha boa metodoloxía para o coñecemento de datos sobre a dieta alimenticia e as actividades económicas dos ocupantes dun xacemento. A comunidade vexetal dunha rexión e dunha época determinadas, ademais de proporcionar pistas sobre a vida vexetal e animal, tamén reflicte as características do chan e do clima. Certos tipos de plantas reaccionan con relativa rapidez ante os cambios climáticos, sendo os desprazamentos das comunidades vexetais un dos indicios máis claros de cambio climático durante os períodos glaciares.