arqueoloxía

arqueoloxía

(

[ARQUEOL]

Disciplina que se interesa polo coñecemento global da experiencia humana no pasado: cómo se organizaba a xente en grupos sociais e cómo explotaba o entorno; qué comían, facían e crían; cómo se comunicaban e por qué cambiaron as súas sociedades. Consiste, tamén, no descubrimento dos restos e obxectos do pasado, no traballo meticuloso do analista científico e no exercicio da imaxinación creativa e, así mesmo na escavación dun depósito ou xacemento e na busca de depósitos submarinos. A Arqueoloxía é, pois, tanto unha actividade física de campo como unha busca intelectual no estudo ou no laboratorio, residindo na súa historia a mellor explicación do seu obxecto e finalidade. A súa orixe estivo en Italia, especialmente en Roma, dende onde se espallou polo resto dos países europeos; sen embargo, foi no s XIX cando se configurou como campo de estudio. A Arqueoloxía anticuarista (defendida por Aubrey), moi vinculada ao crecemento do concepto de nacionalidade, tendeu ao descubrimento e coñecemento do celta, bretón ou galo que permitise elaborar un pasado épico con independencia do denominador común romano; fronte a esta corrente arqueolóxica, está a Arqueoloxía clásica (representada por Winckelman), entendida como unha prolongación do Humanismo renacentista e cunha forte compoñente estética. Unha corrente non propiamente arqueolóxica é, no século pasado, a Paleolítico-evolucionista (defendida por Boucher de Perthes, Lubbock) que xorde co descubrimento da Prehistoria máis remota como eido de coñecemento científico grazas aos descubrimentos da Xeoloxía, a Bioloxía e a mesma Arqueoloxía. Co século XX aparecen as que serán correntes maioritarias da Arqueoloxía: o Historicismo e o Evolucionismo. A Arqueoloxía historicista representou un esforzo serio e profundamente científico por superar as numerosas deficiencias ofrecidas pola excesivamente simplista orientación evolucionista clásica: toma do propio evolucionismo as ideas que considera máis acertadas, profundizando e mellorando a súa metodoloxía, e chega a crear un dos cadros interpretativos máis universal, coherente e comprensivo de cantos se elaboraran para explicar as grandes diferencias e profundas semellanzas entre as culturas do pasado e do presente da Humanidade. Pódese considerar a Montelius, autor da primeira síntese sobre a Prehistoria europea, o primeiro representante de importancia desta escola. A súa interpretación do pasado influíu en diversos arqueólogos que crearon escolas nacionais poderosas: Kossina, na Sociedade de Prehistoria Alemana, Menghin, na Escola de Viena, Elliot Smith, na Escola de Manchester, Boas e a súa escola (Thompson ou Kidder), Bordes, Breuil e a escola francesa e Obermaier e a súa escola (Martínez Santa Olalla, Ballesteros ou Almagro Basch). A Arqueoloxía neoevolucionista ou o evolucionismo cultural, como consecuencia da reacción historicista de comezos do século XX, renaceu   nos anos trinta e corenta, constituíndo na actualidade unha das tendencias máis positivas e coherentes. Non obstante , o evolucionismo non é homoxéneo: por unha banda están os denominados “deterministas ecolóxicos” (Childe, White, Wittfogel, entre outros) fronte aos “evolucionistas multilineais” (como: Steward, Palerm, Ribeiro, entre outros). O desenvolvemento da teoría evolucionista multilineal foi realmente extraordinario, introducindo o concepto de ecoloxía cultural, que se debe entender como a interacción dos procesos culturais co medio, relacionado coa “arqueoloxía de asentamentos”. Non obstante , a reacción máis positiva e fecunda ao historicismo foi a que representou a Arqueoloxía funcionalista, adoptando o Funcionalimo, como un enfoque, un corpo de doutrina e unha metodoloxía. Quizais os primeiros introdutores desta concepción foron Childe, dun xeito esporádico e pragmático, e Taylor, quen realmente creou un verdadeiro corpo teórico funcionalista na Arqueoloxía. Co seu sistema teórico tanto a recollida de datos como todos os aspectos da investigación inciden, fundamentalmente: no aspecto cultural, no aspecto antropolobiolóxico e no aspecto ambiental, que serán analizados en función do tempo e do espacio. Así mesmo, establécese unha vinculación entre a Antropoloxía cultural e Arqueoloxía. Esta formulación teórica é a que desenvolveu Phillips, creador da escola normativista da Arqueoloxía, para quen “a arqueoloxía ou é antropoloxía ou non é nada”. A antedita afirmación baseouse en dous supostos teóricos: a antropoloxía é máis científica ca a historia e que o obxecto de estudo da Antropoloxía é duplo, a sociedade e a cultura. Con esta corrente teórica nace a tendencia, de procurar criterios metodolóxicos explicitamente científicos. Como consecuencia da Revolución Rusa aparece unha nova corrente arqueolóxica pouco ou nada desenvolvida ata ese momento: a Arqueoloxía marxista. Ravdonikas e os seus colegas intentaron outorgar aos datos arqueolóxicos un valor para a sociedade, facéndoos útiles para o estudo marxista da historia. O contexto primario do que partiron os arqueólogos soviéticos non foi a tecnoloxía, senón a organización social; así, procuraron non só describir os seus achados, senón tamén reconstruír as sociedades que os fixeron (o que implicaba o grao tecnolóxico, a súa organización social e os seus conceptos ideolóxicos). Este enfoque tivo consecuencias moi importantes: comezáronse as escavacións en área e investigáronse os asentamentos no seu conxunto. Evitando o determinismo externo e incidindo na evolución socialmente condicionada das relacións de produción como o principal factor que desencadea a evolución cultural, a Arqueoloxía marxista soviética tivo un carácter único ao asignar o papel principal na explicación da historia á acción humana. Como resultado do desenvolvemento das disciplinas científicas nos últimos anos variouse a finalidade e obxectivos da investigación, os métodos de análise científica e os paradigmas, produciuse unha verdadeira revolución científica no seo da Arqueoloxía que, partindo da formulación da Arqueoloxía como antropoloxía, fundou a Nova Arqueoloxía. A Nova Arqueoloxía inicia un novo período de desenvolvemento da historia da Arqueoloxía que se vén chamando “explicativo”, xa que o trazo máis significativo desta nova corrente é o que se refire ao uso crecente dun razoamento hipotético-dedutivo, derivado dun enfoque explicitamente científico do neopositivismo. Así, o obxectivo destes arqueólogos será a formulación e contrastación de leis hipotéticas xerais; este enfoque é o que defenderon Watson, LeBlanc e Redman. Para L.R. Binford, o sistema cultural implica a sinalización de dous subsistemas fundamentais: o subsistema socio-cultural (xentes e cousas) e o subsistema ambiental; neste sentido, a cultura agora será entendida como un fenómeno multivariable, polo que a tarefa do arqueólogo é illar os factores causais da variabilidade e descubrir relacións regulares, constatables e predicibles. Un último desenvolvemento, dentro deste enfoque sistémico, é o proposto por Clarke; para quen a Arqueoloxía só debe ser Arqueoloxía. Fronte a esta teoría claramente “procesualista”, xorde un enfoque social da arqueoloxía que se caracteriza en Occidente pola recuperación do Marxismo para a Arqueoloxía. A Arqueoloxía social afirma como obxecto da arqueoloxía a historia do devir social, a historia da Humanidade. Este enfoque social atópase na escola neo-marxista británica (Fiedman e Spriggs), herdeira de Childe e na escola latinoamericana (Bate, Lumbreras o Veloz Maggiolo), compartindo todos eles tres aspectos comúns: a recuperación dos conceptos analíticos fundamentais do Marxismo para o estudo das sociedades pasadas; que todo acontecemento histórico é un feito social, polo que alén da simple descrición de acontecementos a historia debe ter un enfoque sociolóxico; e o compromiso social da Arqueoloxía, entendido como un procedemento de busca e afianzamento da identidade cultural e social. Dende os anos oitenta a Arqueoloxía experimentou unha verdadeira eclosión de múltiples “arqueoloxías” que se poden agrupar de diferentes xeitos;   atendendo ao seu obxecto cómpre mencionar as seguintes: Arqueoloxía ambiental, campo interdisciplinar que implica a arqueólogos e científicos da natureza, dirixida á reconstrución do uso das plantas e animais polos humanos e ao estudo da adaptación das sociedades pasadas aos cambios ecolóxicos. Arqueoloxía analítica, entendida como conxunto de técnicas matemáticas e estatísticas aplicadas aos datos arqueolóxicos, tanto artefactos como contextos, definidos por variables (atributos) e clasificados en tipos, culturas, grupos culturais e   complexos técnicos. Arqueoloxía cognitiva, dirixida ao estudo dos modos de pensamento e ás estruturas simbólicas do pasado a partir dos restos materiais. Arqueoloxía da paisaxe, dirixida ao estudo das estruturas individuais, incluídos os asentamentos, entendidas como simples compoñentes dentro dunha perspectiva máis ampla sobre as pautas de actividade nunha área máis extensa. Arqueoloxía do culto, dirixida ao estudo das pautas de comportamento desenvolvidas en resposta ás crenzas relixiosas.Arqueoloxía dos asentamentos, que propón adoptar o concepto de asentamento como unidade arqueolóxica primaria designadora dunha realidade empírica composta por obxectos culturais situados nunha determinada estrutura espacio-temporal. Arqueoloxía espacial, conxunto de técnicas gráficas e estatísticas aplicadas aos datos arqueolóxicos e xeográficos sobre a localización de depósitos na rexión para determinar os modelos de asentamento e o sistema político económico (macroespacio), a relación dun depósito arqueolóxico co seu entorno inmediato na explotación dos recursos (análise territorial ou de captación do depósito) e dos artefactos dentro do depósito arqueolóxico para determinar posibles áreas de especialización funcional (microespacio). A Arqueoloxía tamén se divide en múltiples “arqueoloxías” en función da súa aplicación ou finalidade: Arqueoloxía histórica, orientada á investigación de épocas históricas; en Europa oriéntase cara á época medieval e moderna, en Norteamérica céntrase no período colonial e poscolonial. Arqueoloxía industrial, orientada especificamente á análise do desenvolvemento industrial, en vellas factorías ou minas, a partir da tecnoloxía. Arqueoloxía prehistórica, orientada á investigación de épocas prehistóricas. Arqueoloxía submarina, centrada na análise dos restos, de calquera época, procedentes do medio subacuático (ríos, lagos e mares). Arqueoloxía experimental, entendida como o estudo dos procesos de comportamento no pasado mediante unha reconstrución experimental realizada baixo condicións científicas coidadosamente controladas. Dende os noventa, na Arqueoloxía occidental manifestouse de xeito moi virulento un debate entre a Arqueoloxía de investigación, orientada ao estudo do pasado, e a Arqueoloxía de xestión, centrada na xestión e administración dos recursos arqueolóxicos dun territorio. Ao abeiro da xestión do Patrimonio propiciado polas administracións públicas xurdiron unha serie de “arqueoloxías” que se deron en chamar de diferentes xeitos: Arqueoloxía contractual, de rescate, de urxencia, recuperativa ou preventiva, entendida como calquera tipo de intervención arqueolóxica realizada con fins de protección, preservación e conservación do Patrimonio Arqueolóxico. Entre os métodos de datación hoxe en día empregados pola Arqueoloxía cómpre mencionar a dendrocronoloxía; o do carbono 14; o do potasio-argón, descuberto por J. F. Everndern en 1958 e baseado na desintegración do isótopo de potasio (potasio 40) presente nos minerais volcánicos; o estudo do emparellamento das flutuacións climáticas coas modificacións da paleotemperatura mariña, obtidas da análise do seu contido en elementos derivados do uranio nas capas duras do fondo oceánico; a análise do fluor e do nitróxeno presente nos ósos tafonomía, desenvolvida por K. P. Oakley; o arqueomagnetismo; a palinoloxía; a   granulometría, que facilita a clasificación e a datación das terras; os métodos xeofísicos, aplicados á prospección arqueolóxica (prospección eléctrica ou mediante o magnetómetro de Aitken).