arquitecto -ta
(< lat architectu < gr ἀρχιτέκτων)
-
s
Profesional da Arquitectura. Combinando técnica e arte, ten ao seu cargo a concepción e proxecto da obra, o deseño dos planos, a elección dos materiais máis indicados, a supervisión da construción e o seguimento da mesma unha vez rematada. Para exercer a profesión esíxese o título académico da Escola Técnica Superior correspondente e a calidade de membro dun colexio oficial. Na Idade Media denominábase cos nomes de mestre de obras, mestre construtor ou mestre de mazonería. No Renacemento distínguese entre o mestre de obras como executor das mesmas e o arquitecto ou autor do deseño do edificio.
Confrontacións: urbanista. -
arquitecto técnico
Profesional da rama da construción encargado de aparellar e de comprobar a correcta execución dunha obra. Tamén resolve problemas de execución e revisa a boa calidade dos materiais, as medidas, os prezos unitarios e as facturas do construtor para autorizar o seu cobramento. Pode actuar en calidade de perito para sinalar límites de posesión, aforar caudais de auga, valorar obras, terreos, etc.