Arteixo
Concello da comarca e da provincia da Coruña, situado no N da comunidade autónoma (43° 17’ latitude N - 8° 30’ loxitude O). Limita ao L cos concellos da Coruña e de Culleredo (comarca da Coruña), ao S e ao O co concello de Laracha e ao O co concello de Carballo, ambos os dous da comarca de Bergantiños. Abrangue unha superficie de 93,4 km 2 cunha poboación de 27.713 h (2007) distribuídos nas parroquias de Armentón, Arteixo, Barrañán, Chamín, Lañas, Larín, Loureda, Monteagud, Morás, Oseiro, Pastoriza, Sorrizo e Suevos. A capital municipal é o núcleo urbano constituído nos lugares de Arteixo e A Baiuca, na parroquia de Arteixo. Situado a 11 km da Coruña e 73 km de Santiago de Compostela, pertence ao partido xudicial da Coruña e á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
O territorio do concello de Arteixo atópase baixo o dominio climático Oceánico húmido. As frontes da circulación do O achegan precipitacións que acadan unha media anual ao redor dos 1.000 mm, cunha distribución estacional que amosa unha lixeira seca estival (nos meses do verán recóllese o 12% anual, fronte ao 36% do inverno, quedando a primavera e o outono en valores medios). A temperatura media anual chega aos 14° C, sendo a media do mes máis frío (xaneiro) 9,9° C e a do mes máis cálido (agosto) 18,8° C. O relevo do municipio aséntase sobre unha litoloxía moi fracturada e diversa, con fallas en sentido SL-NO e transversais en sentido SO-NL. Os materiais adoptan unha disposición en bandas paralelas de dirección SO-NL. Altérnanse xistos, ortoneises, filóns de seixo, granodioritas, granitos de dúas micas, gabros, leucogranitos, migmatitas, depósitos de praia e coluvións fluviais. Na metade meridional acádanse as máximas cotas (374 m de altitude na Fonte do Boi, 373 m no Coto de Santa Leocadia, 357 m na Pedra do Boi Branco), todas na parroquia de Loureda. O municipio está drenado por unha serie de ríos e regos entre os que destacan o Seixedo e o Arteixo. O encoro de Rosadoiro, entre as parroquias de Arteixo e Oseiro, recolle as augas do Seixedo antes da súa desembocadura, na praia de Alba. Nas marxes desta praia desembocan tanto o Seixedo (ao NL) como o Arteixo (ao SO). O litoral do concello de Arteixo esténdese ao longo duns 19 km dende a punta Regueiro, ao NL, ata a enseada de Lourido ao O. O porto de Suevos, no extremo NL é o maior do municipio. Amais da praia de Alba, varias calas e praias ocupan a franxa costeira, como a praia de Barrañán (ao O) ou a praia da Vaca.
Xeografía humana
A poboación do concello de Arteixo experimentou nos últimos dous séculos un incremento do 161,84% logrado ao abeiro do desenvolvemento industrial activado como consecuencia da súa proximidade á cidade da Coruña. Dos 7.981 h en 1887 pasou aos 20.898 en 1996, nun proceso que se acelerou a partir da década de 1970 (cun incremento do 71,77% entre 1970 e 1996). No período 1996-2001 o incremento foi do 11,04% e entre 2001 e 2007 o 18,90%. En 2006 a taxa de natalidade era elevada (11,4 ‰) e a de mortalidade do 6,8‰, o crecemento natural é pois positivo, 4,6‰. Desta evolución obtense unha pirámide demográfica na que os menores de 20 anos son o 19,1% da poboación, fronte ao 68,3% dos de 65 e máis anos, mentres que o grupo intermedio é do 12,6%. A distribución por sexos da poboación está practicamente equilibrada : 50,03% de homes e 49,96% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Arteixo é do 60,9% (72,9% a masculina e 49,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 53,1% (66,2% a masculina e 40,3% a feminina) e a taxa de paro é do 12,8% (9,2% a masculina e 18,1% a feminina). A inserción do concello de Arteixo na órbita urbana da Coruña converteuno nunha área de localización industrial e residencial que explica a distribución sectorial da súa poboación activa: a agricultura ocupa ao 2,2% dos empregados do municipio e a pesca ao 1%. A industria emprega ao 30,5% dos traballadores. No polígono industrial de Sabón, na parroquia de Oseiro, creado en 1964 ao abeiro do Polo de Desenvolvemento Industrial da Coruña, concéntrase o núcleo duro do grupo Inditex, a segunda empresa de Galicia en facturación e a primeira do estado no sector téxtil. Hai outras industrias radicadas no concello dos sectores metalúrxico, químico, alimentario (Leyma) ou enerxético (Central Térmica de Sabón). A construción, favorecida polo proceso de urbanización parello ao desenvolvemento industrial, dá traballo ao 16% e os servizos, dun xeito semellante, ao 50,4%. A situación de Arteixo como concello limítrofe coa Coruña permítelle beneficiarse das infraestruturas de comunicacións da cidade herculina. A autoestrada A-55 (da Coruña a Carballo) e a autovía A-6 (da Coruña a Madrid) son os eixes polos que se comunica o municipio, sen esquecer a estrada comarcal AC-552 (da Coruña a Cee), que atravesa o polígono industrial de Sabón, e outras estradas como a AC-410 ou a CP-3402.
Historia
Os primeiros testemuños arqueolóxicos no territorio municipal de Arteixo remóntanse a tempos mesolíticos (xacemento de Reiro-Barrañán). Na época castrexa foi territorio dos ártabros: hai castros en Anzobre, Arteixo, Figueiroa, Lañas, Larín, Morás, A Pastoriza, Oseiro e Sorrizo. En Oseiro escavouse unha necrópole sueva. Na Idade Media as terras pertenceron aos señores de Andeiro e aos descendentes de Gómez Pérez das Mariñas. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Arteixo pertencían ás xurisdicións señoriais de Anzobre, Erboedo, Loureda, Morás e Soandre e aos coutos redondos de Oseiro e Suevos; pola súa banda, as parroquias de Arteixo, Barrañán, Lañas e A Pastoriza pertencían á xurisdición de reguengo da Coruña. Co establecemento dos primeiros concellos en 1813 constituíuse o de Arteixo, adscrito aopartido da Coruña e á provincia de Galicia. En 1822, ao dividirse Galicia en catro provincias, Arteixo foi integrado na nova provincia da Coruña. Dende entón non houbo máis cambios territoriais. O balneario de Arteixo foi no s XIX un dos centros de ocio predilectos dos burgueses da Coruña. O s XX observou, especialmente a partir da década de 1960, un desenvolvemento industrial e urbanístico sen precedentes que alterou a súa morfoloxía tradicional, sempre en relación coa dinámica metropolitana da Coruña, dentro da que Arteixo se configurou como un núcleo fabril e residencial de primeira magnitude.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de orixe románica de San Tomé de Monteagudo, San Tirso de Osoño, Santa Mariña de Lañas, Santo Estevo de Morás, Santaia de Chamín e Santa María de Loureda, reconstruída en estilo neoclásico. O santuario da Virxe de Pastoriza é de estilo barroco. Da época romana consérvase a ponte de Brozos, sobre o río Arteixo en Suevos, paso da Via XX Per Loca Maritimae restaurado no s XIX. O patrimonio natural está representado polo espazo natural da Costa da Morte, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. A maioría das festas parroquias concéntranse no mes de agosto como as de Nosa Señora en Meicende, Pastoriza e Loureda e as de San Roque en Morás, ou xa en setembro as de Santa Eufemia. No mes de xullo celébrase a festa de Santiago, que conta co Concurso Hípico Nacional. No mes de maio ten lugar a Festa das Flores.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Coruña, A |
| Extensión | 93 Km2 |
| Poboación Total | 27713 h |
| Poboación Homes | 13865 h |
| Poboación Mulleres | 13848 h |
| Densidade de poboación | 297.99 h/Km2 |