Artello
Compañía profesional creada en Vigo en 1978 e que na súa primeira etapa se denominou Teatro Popular Galego. Iniciaron a súa traxectoria con dous espectáculos, Tarará Chis Púm (1978), creación colectiva e unha das primeiras propostas de teatro infantil feita en Galicia, e Pic-Nic (1979) a partir do texto homónimo de Fernando Arrabal. A estas representacións seguiron As nubes (1980), adaptación da obra de Aristófanes; A cantante calva (1981), sobre un texto de Eugène Ionesco e dirección de Manuel Pombal; e Mandatruco!! (1982), nova creación colectiva dirixida ao público infantil. En 1983 estrearon Celtas sen filtro, a partir de textos propios e de Xosé Luís Méndez Ferrín, con dirección de Eduardo Alonso. A partir dese momento, no que Santiago Montenegro ocupou o cargo de director de escena, Artello desenvolveu unha liña de traballo baseada na lectura lúdica e irónica da realidade galega, producindo espectáculos como Gulliver F.M. (1985), a partir dun texto de A. R. Reixa, Gran venta 10º aniversario (1988) ou Batea (1990); estes dous últimos a partir de creacións propias do colectivo. Dous anos despois realizaron A matanza dos Seixas, a partir dun texto de Antonio Blanco, con dirección de Santiago Montenegro e en 1995 Manuel Pombal volveu dirixir a compañía, que produciría o espectáculo A do libro, posteriormente distribuído pola compañía Teatro Alla Scala 1:15. En 1999 a compañía estreou o espectáculo Unha de amor, inspirada nun conto de Jorge Amado e con dirección de Manuel Pombal.