arxila

arxila

(< lat argilla)

s f [XEOL]

Nome común dun tipo de rochas sedimentarias non consolidadas, formadas principalmente por silicatos de aluminio hidratados, de diámetro inferior aos 0,001 mm. Teñen propiedades máis ou menos plásticas, refractarias e absorbentes e desengraxantes en seco. Cando se empapan de auga poden aumentar de volume ata un 40% ou 50%, e vólvense plásticas e brandas (ráianse coa unlla), ata chegar a perder a cohesión e a dispersarse na auga dando unha disolución coloidal. Se se cocen non se deforman, senón que se endurecen; apértanse un pouco e cambian de cor se conteñen óxidos de ferro. As arxilas poden ter unha orixe detrítica ou química; no primeiro caso (ou máis frecuente) fórmanse por residuos sólidos desprendidos pola alteración química das rochas (granitos, gneis e outras) e dispostas nas concas sedimentarias (arxilas detríticas); noutros casos, as arxilas poden formarse por precipitación química nas augas mariñas, a partir da alumina coloidal e do sílice achegados polos ríos (arxilas de neoformación). As arxilas están formadas esencialmente por caolinita, illita e montmorillonita, ou por mesturas entre estas especies minerais. No primeiro caso trátase de arxilas monominerais (ilíticas, montmorilloníticas), no segundo, de arxilas mixtas. Estas partículas minerais só son visibles no microscopio electrónico, e determinables pola análise térmico-diferencial e difractométrica. Outros minerais (clorita, sepiolita, atapulxita) poden constituír excepcionalmente a base dalgunhas variedades de arxilas. As arxilas impermeabilizan a terra de cultivo e fan que se convertan en difíciles de traballar; o poder absorbente das arxilas, sen embargo, dálle fertilidade química. Un solo con máis dun 30% de arxila considérase un solo arxiloso. As arxilas máis puras son de cor branca; a causa das impurezas poden presentar cores moi variadas. As impurezas poden ser grans de cuarzo (arxilas areosas), micas (arxilas pelíticas e shales), carbonatos (arxilas calcarias e dolomíticas, margas), limonita (ocres) e tamén materia orgánica. Por diaxénese, as arxilas solidifícanse e cohesionan expulsando auga de embebemento, transformándose en arxilitas. A explotación mineira realízase habitualmente a ceo aberto e presenta algúns problemas específicos (evacuación das augas pluviais, prevención de derrubamentos e afondamentos) ocasionados pola impermeabilidade e a plasticidade das arxilas. Pola súa plasticidade e comportamento na cocción as arxilas son a primeira materia principal da industria cerámica. O poder absorbente das arxilas esmécticas pódese aumentar por activación, e certas arxilas que non o posúen, tales como a bentonita, poden adquirilo cun tratamento axeitado (arxilas activables). A activación realízase habitualmente cun tratamento de ácidos minerais (clorhídrico ou sulfúrico). As arxilas activadas empréganse para a purificación e decoloración dos aceites vexetais ou minerais; algunhas do tipo dos bolos utilízanse como pigmentos en pintura e reciben a denominación xenérica de ocre, ou nomes específicos como almagre, terra de Siena e terra de sombra, entre outros. As arxilas coloidais como a bentonita empréganse industrialmente como emulsionantes e para preparados dermatolóxicos. Outras aplicacións das arxilas son a súa utilización como ingredientes da pasta na fabricación de cemento, como carga nas industria papeleira, téxtil, do caucho e de pinturas; para formar barros tixotrópicos nas perforacións; como soporte de pólvora e diluente de insecticidas e como medio de filtración. Na industria cerámica distínguense dous tipos principais de arxilas, as graxas, moi plásticas e untuosas ao tacto e as magras, pouco plásticas, fráxiles e areosas. As arxilas que conteñen pequenas cantidades das impurezas, que baixan o punto de fusión e que poden resistir temperaturas elevadas, chámanse arxilas refractarias. Sóese esixir que a temperatura de fusión sobrepase os 1.600°C (ou que corresponda, como mínimo, ao cono de Seger número 26). Empréganse para a fabricación de ladrillos refractarios, crisois e retortas, entre outras.

Frases feitas

  • Ídolo con pés de arxila. Persoa ou cousa cunha grandeza ou forza que ten unha base fráxil.

Palabras veciñas

arxidal | Arxidal | Arxidales | arxila | Arxila | arxilar | Arxilar