Ashikaga
Familia nobre xaponesa á cal estivo vencellado o shogunato entre 1338 e 1573. Señores de Mikawa e de Kazusa colaboraron, primeiramente baixo o seu xefe Takauji, na tentativa de restauración do poder imperial contra os shōgun Kamakura por parte de Go-Daigo en 1331-1336. Non obstante , ese ano (1336), Ashikaga Takauji, irritado polas medidas centralistas do Emperador depúxoo e substituíuno por Kōmyō, membro da rama dinástica rival. Takauji accedeu ao shogunato no 1338. En 1392 rematou a guerra civil coa derrota dos partidarios de Go-Daigo a mans do terceiro shōgun Ashikaga, Yoshimitsu (1368-1394). Dende este momento os Ashikaga presidiron un período de absoluto predominio do feudalismo militar. En 1573 o derradeiro shōgun Ashikaga, Yoshiaki, foi deposto por Oda Nobunga. Malia a inestabilidade política, a época dos Ashikaga ou Muromachi coincidiu cun desenvolvemento notable da cultura e do comercio e significou o comezo dos contactos con Europa.