asiático -ca
(
-
adx
Relativo ou pertencente a Asia ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Asia.
-
adx
Dise do estilo literario artístico ou exuberante, complicado e artificioso.
-
forma social asiática
[SOCIOL]
Unha das formas sociais que teñen ou tiveron vixencia histórica segundo os autores que se inspiraron nos estudios de Marx sobre a evolución histórica das sociedades. O modo de produción que corresponde á forma social asiática baséase na propiedade estatal da terra, instituída para levar a cabo traballos colectivos a grande escala implicados nunha agricultura de irrigación artifical. No interior da comunidade local, moi cohesionada pola ausencia da propiedade privada do solo, existe un forte vencello entre a agricultura e o resto da produción. A necesidade de irrigación artifical reclama un poder central regulador. A supraestrutura política deste modo de produción é o despotismo oriental. Esta forma social foi dominante no Exipto, Mesopotamia, Persia, India, China e outros países dende o artellamento das comunicades primitivas ata a introdución do capitalismo comercial. A partir do 1956 ampliouse a países non asiáticos: América precolombina, África precolonial e Mediterráneo protohistórico.
-
luxo asiático
Luxo estremo.
-
teatro asiático
Os territorios que compoñen a ampla área de Asia e Oceanía, posúen de antigo unha rica tradición teatral que destaca pola súa orixinalidade e diversidade. Nos máis de corenta estados e nacións situados neste continente pódese identificar case un centenar de diversas formas de espectáculo teatral, con trazos pertinentes e diferenciais que refliten as características culturais, sociais e lingüísticas de cada comunidade na que se produce e desenvolve. Con todo, durante os séculos nos que esta tradición se creou e desenvolveu, producíronse interferencias, transferencias e intercambios. Así, malia os trazos diferenciais, é posible establecer paralelismos e características comúns; ademais, as diferentes escolas teñen unha mesma raíz, pois todas elas proceden do teatro pacego, folclórico, ritual ou relixioso. En xeral, pódense distinguir tres grandes liñas de traballo teatral: o teatro de actor, que é o máis importante e o que presenta maior número de variantes, o teatro de sombras e o teatro de marionetas. Estes dous últimos ámbitos de realización teatral, a diferenza do que acontece en Europa, non están dirixidos á infancia ou á mocidade de forma particular, senón que se orientan a todos os públicos. Un dos aspectos fundamentais desa rica e variada tradición teatral é a importancia da forma; os códigos de interpretación, actuación e representación están moi predeterminados, polo que se trata dun teatro sometido a escasas transformacións e no que os cambios se producen con lentitude. A extrema codificación da realización teatral, favoreceu o desenvolvemento dunha importante tradición pedagóxica, baseada fundamentalmente na relación entre un mestre cunha ampla experiencia e un grupo de aprendices que se someten a un longo e complexo proceso de aprendizaxe. En ocasións e en certos xéneros teatrais, a profesión teatral e o dereito a exercela é un privilexio case sagrado de determinadas familias que pasa de pais a fillos. Os gobernos de diferentes países desta área veñen promovendo a creación de escolas para salvagardar a tradición teatral e evitar a desaparición de tipoloxías espectaculares concretas. Un dos trazos que mellor define e caracteriza as diferentes tradicións teatrais de Asia e Oceanía é a teatralidade das súas prácticas, é dicir, a maneira cómo interaccionan as diferentes linguaxes escénicas, pois o traballo interpretativo do actor e da actriz susténtase no baile, na danza, no canto, na importancia da tradición oral e na transcendencia da expresión xestual e corporal, apoiándose no uso de máscaras, maquillaxe e diversos obxectos cunha singular forza simbólica. Ademais de xéneros xa coñecidos como o Nō ou o Kabuki de Xapón, a Opera chinesa ou os Dramas do Tíbet, hai que salientar outros como: o Wayang, teatro de marionetas practicado en Malaisia; o Bunraku e o Butō, teatro de marionetas e teatro danzado, practicados no Xapón; o Wayang balinés, teatro de sombras moi popular en toda a área de Indonesia e Malaisia; ou o Kathakali de Kerala, na India.