Assam

Assam

Estado federal da India, ao NL do país (78.438 km2; 24.200.000 h [estim 1994]). A capital é Dispur. O clima é trópical monzónico, con precipitacións anuais moi abundantes. O estado comprende a conca alta e media do Brahmaputra, o río máis importante da rexión. A poboación é etnicamente moi diversa: fálanse máis de 100 linguas e dialectos diferentes. É unha rexión esencialmente agrícola e mineira. Coñecido polo nome de Kāmarūpa, Assam formou unha marca do Imperio gupta, a súa historia é pouco coñecida ata o s VII, cando Chachangka, despois de instalarse en Bengala, conquistou Assam e iniciou unha persecución contra os budistas que remataba coa conquista do val pola dinastía Pāla, budista, na primeira metade do s IX. En 1229, Assam pasou a mans da dinastía birmana Āhom (da que tomou o nome) e resistiu aos intentos de islamización durante o s XIII procedentes de Bengala. En 1663, o baixo Assam rendiuse ao imperio musulmán de Aurangzeb, feito que contribuíu á islamización do país. Ao comezo do s XIX, Assam volveuse unha dependencia birmana, e polo tratado de Yahdabo, asinado despois da primeira guerra anglo-birmana (1826), Birmania cedeu o seu dominio a Gran Bretaña que o converteu en protectorado dependente do gobernador de Bengala ata 1874, ano no que foi unha delegación separada. En 1937 converteuse en provincia autónoma e serviu de fronte aos aliados na súa axuda a China. Ao declararse a independencia da India e Paquistán (1947), a maior parte de Assam foi entregado á Unión India, mentres que o Baixo Assam pasou a formar parte de Paquistán. O goberno indio decidiu en 1960 crear o estado de Nāgāland, cunha parte do territorio de Assam. En setembro de 1968 outra parte de Assam pasou a conformar o novo estado de Meghalaya.

Palabras veciñas

assai* | Assal | Assam | Assam | assamés -sa | Assarhaddon | Assarino, Luca