Assembleia do Povo Unido
Grupo político xurdido en 1989 logo dunha escisión da Frente Popular Galega (FPG) liderada por Manuel Carneiro González e Antom Arias Curto. A escisión, protagonizada por Galicia Ceive (OLN) e consumada no Congreso Extraordinario da FPG o 25 de xuño de 1989, debeuse a diferencias na concepción da estratexia independentista. O 28 e 29 de outubro de 1989, coincidindo coa data das eleccións xerais, celebrouse en Santiago de Compostela o seu congreso constituínte. Nel definíronse como principios políticos a independencia nacional, o socialismo e a loita antipatriarcal, fixáronse como obxectivos a independencia de Galicia, a creación dun goberno nacional e dunha asemblea nacional constituínte e proclamouse como única vía para acadalos a estratexia político-militar. A APU estableceu relacións con organizacións dos países lusófonos e cos movementos de liberación nacional de Euskadi, Catalunya e Canarias. Na súa presentación pública, o 24 de novembro de 1989 interveu un representante da fronte abertzale vasca Herri Batasuna. Tamén manifestou o seu apoio total ás Juntas Galegas pola Amnistía (JUGA). En 1993 fixo público o seu proxecto de Constituição da República da Galiza. A APU disolveuse finalmente en 1996.