ASTANO

ASTANO
Nome científico: [Astilleros y Talleres del Noroeste SA]

Estaleiro situado na marxe dereita da ría de Ferrol, en Perlío (concello de Fene) que ocupa unha extensión de 755.000 m2. A súa superficie repártese entre diques, ramplas e integración de seccións e talleres. Constituíuse o 15 de outubro de 1941 cun capital social inicial de 1.600.000 pesetas e como sociedade de responsabilidade limitada cunha duración de 20 anos prorrogables para establecer un estaleiro e talleres onde construír e reparar buques de madeira e aceiro nunha superficie de 3.000 m2. Contaba cunha fundición e instalacións para realizar traballos de carpintería. Xosé María González-Llanos e Caruncho, capitán de navío e doutor enxeñeiro naval, dirixiu o estaleiro na súa primeira etapa. Durante os tres primeiros anos de actividade o estaleiro dedicouse á construción de pequenos buques de pesca de 20-30 m de eslora. En 1942 facturou 837.000 pesetas. O 15 de decembro de 1942 traballaban en ASTANO 34 empregados e un ano máis tarde contaba con 299 traballadores. O primeiro buque que construíu foi o Comandante Lobo, encargado por Planas & Cía SL, de 23 m de eslora por 5,55 m de manga e 3,66 m de puntal. O 2 de agosto de 1943 botouse o quinto barco construído, un pesqueiro de madeira con propulsión a vapor. En 1944 a empresa converteuse en SA e, en 1946, tiña sete talleres para naves de aceiro de 5.000 Tm de carga e catro talleres cubertos para buques de madeira. As melloras das comunicacións dentro do estaleiro complementáronse cunha grúa flotante de 30 Tm construída polo propio estaleiro. En 1948 Pedro Barrié de la Maza incorporouse ao seu consello de administración e impulsou un proceso de expansión apoiado polo Banco Pastor. Tamén colaborou economicamente FENYA (Fabricaciones Eléctricas, Navales y Artilleras SA). En 1950 construíu bacallaeiros como o Santa Inés, Santa Celia e Santa Amalia, e entregou os pesqueiros Massó 25, Massó 26 e Mar del Sur. O 9 de xullo de 1951 entregou o Massó 27 e o 23 de novembro de 1951 os pesqueiros Vispón e Muella, barcos prefabricados de estrutura soldada. A introdución de ASTANO no mercado da construción de buques de aceiro supuxo o despegue da empresa que en 1951 chegaba aos 1.225 traballadores. En 1952 construíu buques para a Mariña de Guerra e os gardapescas Centinela e Serviola entregados o 5 de xaneiro de 1953 e, o 7 de abril de 1953, entregou o bacallaeiro Santa Amalia encargado por Pebsa. A modernización e ampliación dos estaleiros realizouse en tres fases. Nunha primeira, que comezou en 1953, fixéronse investimentos en grúas e talleres, comezouse a construír un taller de maquinaria e edificouse un dique seco de 160 m de eslora e capacidade para varar barcos de ata 15.000 Tm. Na segunda fase abaratáronse os custos dos cascos metálicos con métodos máis modernos como o prefabricado de grandes bloques, a soldadura eléctrica e cambios organizativos no estaleiro. Tamén se fixeron obras de ampliación de novas ramplas para proporcionar un tamaño que permitise espallar a actividade do estaleiro a buques de maior demanda internacional. Na terceira fase instaláronse talleres de soldadura e prefabricación, dotándoos de grúas-ponte e cun trazado racional de movemento dos elementos de construción. Tamén se construíu un parque de almacenamento de elementos prefabricados servido por grúas-torre de 25 Tm e aumentouse a capacidade do taller de maquinaria. Os talleres de armamento e fundición equipáronse mediante a edificación do peirao nº 7 servido por grúas, e tamén se habilitaron liñas de peirao cunha lonxitude de 1.400 m. A influencia de ASTANO como sector dinamizador da comarca de Ferrol reflectiuse no incremento dos habitantes na parroquia de Perlío que duplicou a súa poboación pasando de ter 462 h en 1956 a 853 h en 1960. En 1956 o estaleiro recibiu un novo pulo de man da Lei de Protección á Mariña Mercante que estimulou a demanda de novos buques e apoiou a innovación dos estaleiros españois. Desde 1963, respondendo á demanda da construción de grandes buques, aceptou contratacións cunha cláusula a prezo fixo arriscándose á posibilidade da inestabilidade do prezo. Nestes anos construíu petroleiros de 98.500 de Tm de peso morto (TPM). O 26 de xullo de 1967 implantouse a Acción Concertada para a industria da construción naval co obxectivo de integrar as empresas do sector para competir no mercado internacional. O aumento do tamaño dos buques petroleiros formulou a posibilidade de mudar os medios tecnolóxicos no momento, modernizando as instalacións e introducindo adiantos tecnolóxicos cun custo máis baixo. Nos anos 1970 e 1971 a maioría das accións empresariais pasaron a ser propiedade do Instituto Nacional de Industria (INI), quen absorbeu en 1972 o 60% desta empresa debido ás dificultades que estaba atravesando. En 1973 a crise do petróleo e a reapertura do canal de Suez provocaron o descenso da demanda dos grandes petroleiros e a baixada do prezo motivada pola maior produtividade dos xaponeses. A Lei sindical aprobada en 1971 empeorou a situación dos traballadores, que solicitaban un convenio de factorías e reivindicaban cuestións relacionadas co sistema de cronometraxe, ritmos e control dos tempos, clasificacións profesionais, quendas de traballo, sistema de incentivos e valoración das primas. Esta proposta foi rexeitada polo secretario xeral do sindicato vertical Rodolfo Martín Villa en Febreiro de 1972. As tensións dentro da empresa tiveron como desenlace os sucesos do 9 e 10 de marzo de 1972 onde morreron dous traballadores -Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García- e houbo vinte e cinco feridos. A conflitividade e o enfrontamento entre as forzas públicas e os traballadores reflectiuse nos xornais e provocou a paralización da cidade. En 1979 o INI absorbeu o 100% do capital de ASTANO (3.500.000.000 de pesetas). O Decreto 643/1982, o Plan de reconversión dos grandes estaleiros de 1984 e as directrices de 1987 sobre a división da construción naval estableceron o marco legal a partir do que se iniciou unha etapa de redución da capacidade produtividade da empresa. En 1979 ASTANO contaba cun cadro de persoal de 6.670 persoas que se reduciu ata chegar aos 1.470 empregados en 1989. Ante a falta de expectativas laborais, parte da poboación de Ferrol emigrou, como unha posible saída á crise do tecido empresarial local. Entre 1981 e 1991 Ferrol acusou unha perda de poboación de 7.273 h. En 1984 ASTANO orientou a súa produción á fabricación de plataformas off-shore para garantir o seu futuro. Dende 1996, e trala desaparición do INI, a administración autonómica está presente no consello de administración. En outubro de 1997 a situación en ASTANO continuou coa tensión por mor do Proxecto Terranova, proxecto empresarial que foi parar aos estaleiros do Extremo Oriente.