astroloxía

astroloxía

(

  1. s f [ESOT]

    Doutrina e estudo especulativo das influencias dos astros sobre o mundo sublunar, especialmente sobre o destino dos homes (astroloxía xudiciaria), e sobre os fenómenos meteorolóxicos (astroloxía natural), segundo os conceptos predominantes antes do nacemento da ciencia moderna. Atópanse as primeiras manifestacións en Mesopotamia (3.000 a C), en China (1.500 a C), e en datas imprecisas pero posteriores, na civilización maia. Os astrólogos do pasado, predicían o tempo e os sucesos humanos amais de regular os actos rituais. En Mesopotamia creáronse regras prácticas (zodíaco, horóscopo, etc) aínda que a súa fixación foi tardía: o primeiro horóscopo babilonio conservado é do s IV a C. Chegou a Grecia coas expedicións de Alexandre o Grande onde, ben acollida polos pitagóricos, platónicos e aristotélicos, os estoicos elaboraron a principal base doutrinal coa súa teoría da harmonía entre o microcosmos (home) e o macrocosmos (universo). O Almaxesto e o Tetrabiblon de Ptolomeo son os textos clásicos. En Roma no s II a C esta teoría foi atacada (Catón, Cicerón) e os seus practicantes perseguidos; non obstante os emperadores acudían a ela a miúdo. A través dos xudeus e dos bizantinos a astroloxía da Grecia clásica chegou á India e ao mundo islámico: en Bagdad, principal centro da astroloxía islámica, construíuse un observatorio e traducíronse as obras de Ptolomeo. En Occidente, a condena feita pola Igrexa e polo dereito civil de Xustiniano fixo desaparecer case todas as obras astrolóxicas. No s XI apareceu algunha versión, quizais hispánica, dunha obra de filiación clásica, hebrea, arábiga ou siria, coñecida co título de Mathematica Alhandri, mestura de Astronomía e Astroloxía. Entre os xudeus se chegaron a considerar as prácticas astrolóxicas como parte integrante dos ritos talmúdicos e cabalísticos. Na Europa cristiá a Astroloxía propiamente dita non se propagou antes do s XII, e faino mesturada coa Alquimia e con elementos místicos. En xeral observábase con desconfianza polos pensadores cristiáns, que a consideraban unha negación ou limitación do libre albedrío, aínda que se impuxo pola influencia dos filósofos gregos e pola utilización por papas e príncipes. A época de maior florecemento en Europa foron os ss XIV e XV, durante os cales foi ensinada nas universidades, fomentándose o seu estudio. Chaucer, Tomás de Aquino, Francesc Eiximenis, Francis Bacon, Milton, defendérona, e Arnaud de Vilanova, P. de Ailly, A. Turmeda, Cardano, T. Brahe ou Kepler, practicárona. Impugnada por Paolo Toscanelli e Pico della Mirandola (s XV), foi a través da aplicación da Astroloxía á Medicina onde se orixinaron as máis grandes polémicas. Con todo, xa a partir do s XVI, con Copérnico, a Astroloxía foi apartada gradualmente da ciencia. A pesar de todo tivo cultivadores famosos no s XVI como Nostradamus e renaceu no s XVIII e comezos do XIX. A finais do século XX pasou a ser aproveitada pola prensa máis ou menos sensacionalista.

  2. astroloxía esférica [ESOT]

    Nome dado antigamente á Astronomía.