Asurbanipal
Rei de Asiria (668-629 a C). Fillo de Assarhaddon, é o derradeiro dos grandes reis de Asiria, que desapareceu tralo seu reinado. Continuou a conquista de Exipto, que o seu pai principiara, derrotou a Taharka (667) e despois a Tanutanum (saqueo de Tebas, 663), pero finalmente foi expulsado por Psammético I (?656), fundador da dinastía XXVI. O sur e o oeste ameazaron o seu poder ao aliarse o seu irmán Shamash-shum-ukin, Rei de Babilonia, con Elam, o eterno inimigo do mundo mesopotámico. Nas súas campañas, os asirios ocuparon Babilonia (648) e Susa (639), capital de Elam, que perdeu a súa identidade ao ser anexionada a Asiria. Combateu tamén os árabes, activos desde o reinado de Sennāquerib. É ben coñecido polas súas construcións, especialmente en Nínive, e pola excelente biblioteca, a de máis sona da Antigüidade de Asia Menor, que axuntou un gran número de versións asirias de obras literarias e relixiosas mesopotámicas.