ateísmo
(< ateo)
-
s
m
[FILOS/RELIX]
Doutrina ou actitude que nega a existencia de Deus. Cómpre distinguir Ateísmo propiamente dito, que afirma a non existencia de Deus, do Indiferentismo, Agnosticismo ou Escepticismo. Hegel, coa súa reacción contra a transcendencia, establece as bases do moderno ateísmo occidental que, de feito, principia con Feuerbach (para quen Deus non é senón o conxunto de obxectivacións e proxeccións de propiedades humanas nun alén da existencia concreta do home) e Nietzsche (que mantén que Deus é un espellismo do home). O triunfo do pensamento científico, que contén o xermolo dunha perspectiva materialista e monista, e das novas concepcións políticas foron fundamentais para a configuración do ateísmo moderno. En Marx a crítica da relixión ten un carácter secundario: o home refúxiase na relixión porque non é feliz na súa vida real, afastándoo as crenzas relixiosas da loita pola felicidade. Lenin, seguindo a Marx, cualificou a relixión como “o opio do pobo”. A psicoloxía freudiana atopa contradición entre plenitude humana e actitude relixiosa: o home é autónomo, tendo como tal que rexeitar toda fonte da súa vida que non sexa el mesmo. Para Camus, o mal no mundo é unha das fontes existenciais da negación de Deus. Esta negación é inevitable para poder afirmar a liberdade do home (M. Stirner, N. Hartmann). Para Sartre, Deus é o proxecto fundamental pero inútil e imposible da existencia humana. Partindo do home como liberdade absoluta, Deus faise imposible, porque como tal habería ser o creador que dá ao home a súa natureza sendo, xa que logo, negación do home como liberdade constitutiva; como o home existe, Deus non. O ateísmo actual quere ser unha doutrina do home e da posibilidade da súa plena realización na medida que o quere situar na súa verdade radical: é unha afirmación que posúe unha sorte de experiencia da posibilidade dunha vida sen Deus.
-
ateísmo cristián
[RELIX]
Movemento teolóxico dos países anglosaxóns, tamén chamado teoloxía radical ou da morte de Deus. Baséase no positivismo lóxico de Wittgenstein (unha proposición só di o que é verificable) e na teoloxía dialéctica protestante (a relixiosidade natural non ten valor ningún; só o ten a revelación cristiá). Afirma que o Cristianismo pode influír no mundo actual comprometéndose na loita pola liberdade do home. Foi unha das bases dos movementos contestatarios católicos.