Atlántica
Proposta artística iniciada en 1980 polos pintores Menchu Lamas, Antón Patiño, Ánxel Huete e Guillerme Monroy. Naceu pola necesidade de renovar as estruturas artísticas que ata ese momento se desenvolvían en Galicia. Estiveron vencellados á estética dos anos oitenta por unha serie de constantes: a adscrición a unha corrente romántica, a volta á pintura ou ao vitalismo artístico, así como a organización de exposicións de arte nova e macroexposicións. As vinculacións coas estéticas románticas e expresionistas veñen dadas pola admiración que os catro fundadores do grupo sentían polo Action Painting americano. A subxectividade, as referencias a un mundo mítico, a creación de novos deuses a partir de elementos naturais, o gusto polas situacións límites, ou o panteísmo, achégaos ao pensamento artístico romántico. No caso de Menchu Lamas ou Antón Patiño, implica a utilización de signos-símbolos dunha iconografía indefinida que se move entre as coordenadas do relixioso, o ateo e unha determinación concreta de símbolos pagáns moi ligados á tradición telúrica. Outros compoñentes románticos foron a necesidade da viaxe, que ademais de física é interior ou arqueolóxica, viaxe que atopamos tanto na actitude vital de Ánxel Huete como nas ventás de Monroy, e o uso da cor que, aínda que diferenciada en cada un deles, se asocia xeralmente a unha experiencia espiritual, valorando o seu potencial emotivo e excluíndo a utilización das cores planas, afastándose da transparencia visual que caracteriza os artistas dos pobos mediterráneos, e achegándose máis á estética do mundo nórdico. O gusto pola rotundidade nas obras, a construción de emblemas, a espontaneidade formal e a maneira de traballar dos expresionistas americanos, están presentes nas obras do grupo. O expresionismo dos artistas de Atlántica vencéllase ao mesmo tempo ao antropolóxico e ao ancestral, nunha recuperación da memoria e nun intento de renovación da plástica galega, sen esquecer as súas raíces, dentro sempre dun respecto ao pasado. Neste sentido é fundamental a achega de artistas como Ignacio Basallo ou Francisco Leiro, que redefiniron a linguaxe escultórica popular para, desde parámetros urbanos, reinterpretar o mundo mítico e etnográfico, e reconsiderar a escultura como un método operativo de recuperación das súas raíces. Na obra de Menchu Lamas e Antón Patiño, a dimensión do simbólico e o raíz mítico, aparecen como resposta á pervivencia dunha colectividade, coa intención de transgredir os arquetipos que pervivían na plástica galega, por medio da evocación dun mundo que nos remitiría a un principio xerador, pero dun xeito máis acorde cos tempos. No caso de Antón Lamazares, a volta ás raíces atópase nas referencias dun mundo románico, que reexamina desde a perspectiva dunha nova iconografía e desde un modo distinto de operar sobre todo no uso dos materiais. Por outra banda, Atlántica presentou similitudes cos Novos Salvaxes alemáns e coa Transvangarda italiana. O interese por reclamar unha arte internacional afastada das estéticas provincianas; a recorrencia a elementos do pasado, da mitoloxía precristiá ou pagá, coa presenza da terra e coa revisión dos mitos antigos; e o uso de cores expresivas e do graffiti relaciónaos co grupo alemán. Así coma o retorno á figuración, nunha revitalización das raíces na busca da identidade do país. A Transvangarda italiana revalorizou a pintura figurativa, os artistas buscaron na súa memoria os mitos e as imaxes da súa propia mitoloxía. Mentres os artistas italianos revalorizaron o oficio de pintor cunha volta ás técnicas tradicionais (carbón, lapis, uso da perspectiva e das sombras, frescos, vernices), os galegos incorporaron as técnicas máis novidosas como o acrílico, a utilización do cartón e o papel como soporte pictórico ou o emprego de graffitis. No eido da escultura empregaron os materiais tradicionais galegos como a pedra ou a madeira. O panorama artístico español dos anos oitenta estivo marcado polas linguaxes individuais pero a existencia de Atlántica pódese relacionar con outras experiencias como a Nova Figuración Madrileña, o grupo Trama de Catalunya ou o grupo andaluz liderado por Paneque, Espaliu e Agredano. A composición do grupo non foi uniforme participando diversos artistas nas diferentes exposicións que realizaron entre 1980 e 1983. A primeira mostra, Atlántica 80, tivo lugar en Baiona na primavera de 1980. Xestionada integramente polos membros do grupo, reuniu obras pitóricas, escultóricas e propostas arquitectónicas. Participaron os pintores Alberto Datas, Manuel Facal, Xosé Freixanes, Antón Goyanes, Armando Guerra, Ánxel Huete, Menchu Lamas, Antón Lamazares, Lodeiro, Francisco Mantecón, Manuel Moldes, Guillerme Monroy, Antón Patiño, Reimundo Patiño, Manuel Ruibal, Vidal Souto, Xaime Cabanas e Correa Corredoira. Presentaron obra escultórica Basallo, Díaz Fuentes, Mon Vasco, Saco e Silverio Rivas. A arquitectura estaba representada polos proxectos de Fernando Blanco Guerra e María Jesús Blanco Piñeiro, Alfredo Freixedo, Luis Pérez de Juan Romero e Iago Seara, Celestino García Braña e Rosario Gutiérrez, F. Javier Pena e J. Luis Sáez, Felipe Peña, Ignacio Ugalde, Javier Corazón e Carlos Sánchez-Casas. En 1981 tiveron lugar tres exposicións. En febreiro celebrouse a exposición O Feito Plástico na que se presentaron obras de Basallo, Cabanas, Correa Corredoira, Datas, Fernández Encinar, Freixanes, Goyanes, Guerra, Lodeiro, Matecón, Moldes, Monroy, César Otero, A. Patiño, R. Patiño, Quintana e Mon Vasco. En abril dese mesmo ano realizouse unha exposición no Centro Cultural da Vila de Madrid coa participación de Basallo, Cabanas, Correa Corredoira, Datas, Freixanes, Goyanes, Guerra, Huete, Menchu Lamas, Lamazares, Lodeiro, Matecón, Moldes, Monroy, A. Patiño, R. Patiño, Silverio Rivas, Ruibal, Mon Vasco e Vidal Souto. Polas mesmas datas tivo lugar en Vigo unha exposición antolóxica de Laxeiro na que participaron os membros do grupo. En 1983 tivo lugar a derradeira exposición en Santiago de Compostela, no Pazo de Xelmírez. Presentaron obra pictórica Baixeras, Bibián, Correa Corredoira, Datas, Freixanes, Goyanes, Guerra, Huete, Menchu Lamas, Lamazares, Matecón, Moldes, Monroy, Otero, A. Patiño, R. Patiño, Permuy, Quintana, X. Vázquez, e obra escultórica Basallo, Borrajo, Leiro, Mon Vasco, Rivas e Ruibal. Os textos que acompañaron ás exposicións foron realizados por escritores e intelectuais galegos como o Grupo de Comunicación Visual Poética Rompente, Xosé Luís Mendez Ferrín e Uxío Novoneyra, ou por críticos de arte como Bonet Correa e Antón Castro. O coleccionista e crítico de arte Román Pereiro, presidente de Atlántica, realizou un labor importante na autoxestión do grupo, xa que nun principio case non houbo axudas institucionais. Na arte galega Atlántica significou unha poética de ruptura coas fórmulas artísticas de carácter folclorista e pintoresco que impedían a irrupción dunha arte de vangarda ligada ás propostas internacionais. Xurdiu non como un movemento -no sentido artístico- senón como un grupo de artistas que pretendían “discutir o país” e crear un ámbito de reflexión sobre os métodos e as poéticas da plástica. A súa poética achegouse ás contribucións de índole nacionalista reivindicando un certo genius loci pero tamén procuraron unha volta ao pasado, enmarcada nas propostas internacionais. A arte galega dos oitenta, mirou ao pasado mediante a recuperación de símbolos míticos relacionados co mundo precristián ou céltico e coa intención de renovar a plástica a partir dunha ollada ás achegas técnicas vinculadas ao Expresionismo Abstracto americano, e, en xeral, ás distintas propostas internacionais. Non obstante , o individualismo destes anos reflectiuse na inexistencia dun verdadeiro corpus teórico. Atlántica desapareceu como grupo a mediados dos oitenta pero permaneceu como referente para os artistas da década seguinte. Axudou a que a arte galega fose recoñecida fóra do país e revitalizou o mercado artístico e o coleccionismo.