atmosfera
(< gr ἀτμός‘vapor, aire’ + σϕαῐρα‘esfera’)
-
[ASTRON/METEOR]
-
s
f
Capa gasosa que envolve algúns corpos celestes. Nos corpos celestes gasosos a atmosfera está constituída polo conxunto de estratos máis exteriores e menos densos. A composición e o grosor de cada atmosfera varía dun planeta ou estrela a outro.
-
s
f
Capa gasosa que envolve a Terra.
-
atmosfera estelar
Conxunto de capas exteriores da estrela, directamente accesibles á observación. Os límites da atmosfera estelar non están ben definidos, nin cara ao centro da estrela, nin cara a fóra; dunha banda, as capas máis exteriores (chamadas cromosféricas) non contribúen moito á formación do espectro; doutra banda, tampouco se consideran incluídas as capas máis profundas. O estudo teórico das atmosferas estelares é básico para explicar a información espectroscópica que chega ao observador terrestre. Nunha primeira investigación considerouse a atmosfera estelar un gas non uniforme. En 1906, Schwarzschild introduciu a hipótese do equilibrio da radiación e mostrou como obter a distribución das temperaturas. Coa lei da radiación de Planck-Kirchhoff chegouse á teoría do equilibrio termodinámico local (ETL), segundo a que o gas está, en cada punto, moi cerca do equilibrio termodinámico. O modelo Schuster-Schwarzschild (SS) suxeriu a existencia dunha fotosfera responsable do fondo continuo do espectro. En 1929, Eddington mostrou a posibilidade dunha alternativa á hipótese SS. O modelo Milne-Eddington (ME) corresponde a unha relación entre a absorción continua e a absorción á liña, independentemente da profundidade.
-
atmosfera planetaria
Conxunto das capas gasosas externas. A súa profundidade óptica pode ser grande (como é o caso de Xúpiter), pequena (como é o caso de Marte e da Terra), ou simplemente non existir (como é o caso de Mercurio, da Lúa ou dos principais satélites). A atmosfera planetaria contribúe decisivamente ao albedo do planeta.
-
atmosfera terrestre
Capa gasosa de forma sensiblemente esferoidal que envolve a Terra. A mestura de gases pola que está formada recibe o nome de aire. Para facer a análise da atmosfera cómpre considerar a estrutura, a orixe, a composición e a participación no balance enerxético do planeta. Resulta útil considerar unha división en cinco rexións de diferente comportamento térmico. A capa inmediata á superficie terrestre é a troposfera; excepto os dous primeiros quilómetros, constátase xeralmente un descenso de 6,5°C por quilómetro ascendido. O descenso de temperatura párase na tropopausa, onde é duns -53°C. A altura da tropopausa varía segundo a latitude, a estación e o tempo, pero, xeralmente, é duns 8-10 km nos polos no inverno e duns 16-18 km no ecuador e trópicos. Nela teñen lugar case todos os fenómenos meteorolóxicos e climáticos, como tamén o ciclo hidrolóxico e o balance O 2 -CO 2 dos seres vivos. Por riba da tropopausa está a estratosfera, zona máis estable, sen practicamente movementos verticais, na que a temperatura medra coa altura, primeiro lentamente, pero máis rapidamente despois, a consecuencia da absorción da calor na ozonosfera. O límite superior, a estratopausa, está a uns 50 km de altura e a temperatura é de 0°C. Por riba atópase a mesosfera, na que a temperatura volve decrecer coa altura ata os 80-90 km (mesopausa), en que se consegue a mínima temperatura da atmosfera, uns -90°C. A capa seguinte é a termosfera, cun límite superior indefinido. Por riba dos 200 km a temperatura crece ata valores máximos que dependen da actividade solar. A exosfera esténdese por riba dos 550 km; nesta zona as moléculas teñen suficiente enerxía cinética para escapar da gravidade terrestre. O límite superior da atmosfera é indefinido, a pesar de que pode considerarse que está situado a uns 5.000 km de altura. Por outra banda, por riba dos 800 km de altura o efecto do campo magnético terrestre é case predominante (magnetosfera). A ionosfera esténdese dende os 60 aos 600 km e contén fortes concentracións de ións orixinados polas radiacións ultravioletas. Dende o punto de vista da composición, a atmosfera divídese na homosfera (ata os 80-100 km de altura), de composición practicamente uniforme, e a heterosfera, de densidade moi baixa (a súa masa é unha millonésima da total atmosférica) e con catro capas caracterizadas polo predominio de N 2 , O, He e N, respectivamente. A composición da atmosfera non varía case coa altura, excepto as cantidades de vapor de auga, dióxido de carbono e ozono. O vapor de auga está practicamente ausente por riba dos 8-18 km; situado na troposfera, é a orixe da formación das nubes e das precipitacións. A cantidade de dióxido de carbono varía a causa da respiración animal, a actividade volcánica e o aumento antrópico. Un aumento da cantidade de CO 2 na atmosfera pode representar un cambio considerable da temperatura global do planeta (efecto invernadoiro). O ozono prodúcese a uns 30-60 km de altura; a causa da circulación atmosférica, o ozono acumúlase nunha capa situada a uns 25 km de altura. A existencia desta ozonosfera é dunha importancia crucial, xa que a molécula de ozono absorbe a radiación ultravioleta solar comprendida entre os 0,2 e 0,3 μm de lonxitude de onda, letal para as formas terrestres da vida. A existencia da atmosfera permite o equilibrio entre a radiación solar recibida e a radiación terrestre emitida, e asegura a estabilidade térmica do planeta. Os movementos, tanto verticais como horizontais, constitúen a circulación xeral atmosférica. A enerxía solar incidente na atmosfera exterior é absorbida, reflectida ou transmitida polas nubes e a atmosfera clara. A enerxía térmica emitida pola Terra (en infravermello) máis o albedo global igualan a enerxía recibida do Sol; deste xeito hai equilibrio. A presión e a densidade da atmosfera decrecen exponencialmente coa altura. A presión atmosférica foi medida por primeira vez por Torricelli en 1643. Adóptase, por convención, como presión atmosférica media sobre o nivel do mar a de 760 mm de altura barométrica. A humidade atmosférica, outro dato de interese meteorolóxico, decrece moi rapidamente coa altura.
-
s
f
-
-
s
f
Aire que hai ao noso redor ou porción de aire contido nun local.
-
s
f
Estado xeral das condicións e circunstancias dalgún sitio, principalmente reunións de persoas, que repercuten sobre as cousas e especialmente sobre outras persoas.
Ex: Hai unha atmosfera enrarecida na súa casa desde que morreu o seu avó.
-
atmosfera viciada
Proporción de osíxeno do aire dun recipiente que minguou sensiblemente, e que estivo enrarecido, por exemplo, con dióxido de carbono, por efecto da respiración animal, dalgunha combustión ou de calquera outra emanación.
-
s
f
-
[METROL]
-
s
f
Unidade de presión, denominada tamén atmosfera normal ou física, igual a 101.325 N/m 2 . Equivale á presión exercida por unha columna de 760 mm convencionais de mercurio; 1 atm = 760 mmHg (un mmHg é a presión exercida por unha columna de mercurio dun mm de alto, de densidade 13,5951 g/cm 3 , nun lugar onde a aceleración da gravidade é de 9,80665 m/s 2 = 14,6960 psi).
-
atmosfera absoluta [ata]
Expresión para indicar que as presións mídense en atmosferas a partir do cero de presións.
-
atmosfera estándar internacional
Atmosfera estándar definida pola ICAO, equivalente a 1.013,25 milibares (ou ben 1,033 kp/cm 2 ) ao nivel do mar, a unha temperatura de 15°C, cun gradiente de -6,5°C/km dende o nivel do mar ata unha altura de 11 km. Por riba desta atmosfera considérase que a temperatura é constante e igual a -56,50°C.
-
atmosfera relativa [atm]
Expresión para indicar que as presións están medidas en atmosferas, e que se considera a presión atmosférica do momento como cero de presión.
-
atmosfera técnica [at]
Unidade de presión igual a un quilopondio por centímetro cadrado: 1 at = 1 kp/cm 2 . Equivale a 0,967841 atm.
-
s
f
-
s
f
[QUÍM]
Gas ou mestura de gases presentes nunha cámara de reacción. Segundo a acción que exerce dise atmosfera oxidante ou redutora e se non provoca ningún efecto, denomínase atmosfera inerte.
-
atmosfera controlada
[TECNOL]
-
Medio gasoso, de características físico-químicas controladas, que enche o recinto pechado onde se realizan determinados procesos produtivos, para evitar reaccións de oxidación de metais fundidos, para modificar a coloración do vidro fundido, para favorecer certas reaccións químicas superficiais nos fornos de tratamento térmico, etc.
-
Procesos que se realizan neste medio.
Ex: Redución da atmosfera controlada.
-
Dise dos aparellos que conteñen este medio.
Ex: Forno de atmosfera controlada.
-
-
atmosfera estándar
[AERON]
Calquera atmosfera definida hipoteticamente, atribuíndo ao aire propiedades físicas próximas aos medios reais. Para poder comparar os resultados experimentais dos voos das aeronaves, cómpre referir as variables físicas a unhas condicións tipo. Definíronse diferentes atmosferas estándar: internacionalmente está adoptada a atmosfera ICAO ata os 25 km de altura e, por riba, a atmosfera ARDC (Air Research and Development Committee).