autobús

autobús

(< fr autobus < auto + omnibus)

s m [TRANSP]

ehículo automóbil destinado ao transporte colectivo de persoas; resérvase esta denominación case exclusivamente para os de uso urbano, mentres que se adoita chamar autocar ao autobús de uso interurbano, destinado, polo tanto e sobre todo, ao transporte por estrada. O autobús urbano, concibido para transportar moitas persoas a distancias relativamente curtas, ten varias portas e amplos espacios para as persoas que viaxen de pé. A disposición horizontal do motor baixo o piso, ou ben dereito ao final do vehículo, permite unhas plataformas baixas de entrada e saída que facilitan unha elevada cadencia de renovación dos pasaxeiros. Son vehículos de estrutura autoportante, equipados con motores diesel (aínda que se están introducindo, actualmente, motorizacións alternativas como por exemplo o gas natural, motivado pola crecente preocupación por evitar o forte impacto medioambiental que producen aqueles) dunhas potencias que oscilan entre os 110 kW (150 CV) e os 235 kW (320 CV), con caixas de cambio automáticas dotadas de convertedores de par e freo hidráulico. Como modelos de gran capacidade estarían os autobuses de dous pisos e os autobuses articulados.

Confrontacións

autocar