autor -ra

autor -ra

(< lat auctōre ‘o que aumenta’)

  1. s

    Persoa que realiza algu-nha cousa.

    Ex: A autora deste cadro é unha veciña miña.

  2. s [LIT]

    Termo polisémico que foi evolucionando no decurso da historia e da crítica literaria. Na Idade Media recibía esta denominación o copista que caligrafaba obras alleas e, durante o século XVII, aplicábase ao director dunha compañía de teatro que se ocupaba tanto da escenografía das pezas como das condicións económicas da compañía. O concepto de autor, como produtor orixinal da súa obra, é propio dunha tradición literaria culta fronte á literatura de tradición oral (cantos populares, cantares de xesta, etc) onde o anonimato é o máis frecuente. No ámbito da teoría literaria, o coñecemento do autor (biografía e contexto sociocultural e estético) interesou particularmente ás correntes historicista, sociolóxica e psicoanalítica. Estas dúas últimas rexistraron na obra literaria, respectivamente, qué determinacións de clase e formación, por unha banda, e qué complexos e imaxes do subconsciente, pola outra, se materializaron nos aspectos formais do texto. Polo contrario, os formalistas entenderon a obra literaria como unha realidade autónoma e prescindiron dos compoñentes biográfico e contextual. Para a semiótica, o autor conta exclusivamente como emisor da mensaxe textual que establece unha relación cos seus destinatarios baseada na súa adscrición a unhas coordenadas culturais específicas. A teoría literaria contemporánea posmoderna e postestruturalista problematizou o concepto. Roland Barthes negou a existencia do autor como instancia individual e substituíuno pola suma de afirmacións que se xeran nos múltiples focos de cultura dos que depende toda obra, o que implica a imposibilidade dunha interpretación definitiva, na medida que a destrución do autor deixa paso á liberdade do lector. Michel Foucault cuestionou tamén a autoría como obra dun individuo concreto e apuntou cara á disolución da súa entidade persoal como unha convención dun tipo de discurso derivado dun contexto sociocultural determinado. Por último, dende a perspectiva narratolóxica, estúdianse as distintas formas de presenza do autor-emisor no texto, precisados baixo os conceptos de autor real e autor implícito representado e non representado.

  3. s [BIOL]

    Persoa que publicou validamente por primeira vez a descrición dun taxon determinado.

  4. s [DER]

    Persoa que participa no delito ou falta mediante a execución directa do feito punible. Cando isto non foi realizado polo axente dun xeito persoal ou directo, a doutrina científica fala de autor mediato. Son autores aqueles que participan directamente na execución do feito, os que forzan ou inducen a outros a executalo e os que cooperan na execución mediante un acto sen o que aquela non se podería verificar.

    Ex: O autor do asasinato está en liberdade.

  5. s [ESPECT]

    Responsable artístico dun filme. Figura xurídica mal definida. A crítica considerou tradicionalmente que o creador e responsable artístico dunha película é o director.

  6. autor corporativo [BIBLIOG]

    Entidade estatal ou privada responsable do contido e da publicación dunha obra.

  7. dereitos de autor [DER]

    Conxunto de dereitos subxectivos e facultades xurídicas exclusivas e potestativas que derivan daquelas e que corresponden aos autores dunha obra literaria, científica, musical, dramática ou artística. Poden ser agrupados en dúas categorías: os dereitos morais personalísimos, inalienables e imprescritibles, polos que o autor pode defender a súa creación e preservar a obra de calquera deformación que afecte á súa dignidade, e os dereitos patrimoniais polos que o autor pode dispoñer da obra intelectual que creou e explotala libremente. En varios países latinos os dereitos de autor son chamados propiedade intelectual e nos países saxóns copyright.