autovía

autovía

(< auto- + vía)

s f

Estradas que, sen reunir todos os requisitos das autoestradas, posúen calzadas separadas para cada sentido da circulación e limitación de accesos ás fincas lindeiras. As autovías, tamén a diferenza das autoestradas, non se ceden en explotación a empresas concesionarias; nelas, a circulación é libre e non está sometida a peaxe, quedando a súa xestión e conservación en mans das administracións públicas competentes. A construción de autovías en España tivo un enorme impulso na década de 1980. A partir de entón optouse decididamente por esta tipoloxía de estrada para construír vías de alta capacidade por todo o territorio español, abríndose unha gran cantidade de quilómetros que facilitan unha comunicación máis fluída tanto entre o centro peninsular e a periferia como, en menor medida, entre distintas rexións periféricas. En Galicia existen actualmente dúas grandes autovías deseñadas coa finalidade de axilizar as comunicacións co centro da Meseta. A primeira delas é a A-6 ou Autovía do Noroeste, que se superpón ao trazado da estrada nacional radial N-6 (Madrid-A Coruña). Esta vía permitirá canalizar cara á Meseta as viaxes con orixe ou destino no norte de Galicia. A segunda é a Autovía das Rías Baixas ou A-52 que parte de Vigo e entronca coa anterior en Benavente. Cumpre para o S de Galicia o mesmo papel que a A-6 para o N; coa súa construción supérase a unión totalmente insuficiente que se tiña coas infraestruturas precedentes, nadas ao abeiro do Plan Redia de mediados da década de 1970. A partir de 1993 comezaron a adxudicarse distintos treitos destas autovías que, pouco a pouco, irían poñéndose en servizo durante a segunda metade da década de 1990. Na Autovía do Noroeste, con 167,1 km en terras galegas dos 328 que comprende, investíronse máis de 46.000 millóns de pesetas nos tramos rematados ata xullo de 1999. Os primeiros en ser concluídos foron os tramos que enlazan A Coruña e Lugo; deles, o único en demorarse na súa conclusión foi o de Rábade a Baamonde. Do resto, os que separan Lugo de Cereixal, fóronse finalizando. A partir dese lugar ata o porto de Pedrafita os traballos de construción sufriron unha forte demora: o dobre túnel de Pedrafita (Doncos-Espariz) rematouse de perforar o 3 de decembro de 1999. A Autovía das Rías Baixas, con 192,9 km dos seus 300 km na nosa Comunidade Autónoma, foise construíndo a un ritmo máis lento ca a anterior. A importancia estratéxica destas autovías é moi significativa. Reducen os tempos de desprazamento desde Galicia ao resto da Península e vinculan as comarcas interiores coas litorais, o que supón un forte aforro para as empresas galegas en canto a custos de transporte. As consecuencias positivas serán os efectos beneficiosos na actividade económica galega e unha superior interrelación entre as capitais do interior e as cidades da costa. Á parte dos tramos anteriores, existen pequenos viais de autovía de transcendencia moito menor, en forma de desdobramentos de estradas nos accesos ás principais cidades do país. A súa relevancia redúcese á desconxestión do tráfico de penetración ás mesmas, agás en dous casos: un é o treito de autovía inaugurado a principios de 1999 que une Santiago de Compostela co aeroporto de Labacolla. Esta autovía favorece a comunicación entre os dous puntos citados, pero tamén supón un primeiro avance na conexión entre esta cidade e a Autovía do Noroeste, pendente só dunha futura actuación que as enlace integramente. O segundo é a Autovía do Atlántico que une Vigo con Tui, serve de acceso a Vigo desde a A-52 e dá continuidade ás comunicacións entre o eixe litoral galego e Portugal, ao enlazar coa autoestrada de Lisboa a Valença do Minho.

Ex: As autovías e as autoestradas axilizan o tránsito dos vehículos.

Citas

  • As autovías e as autoestradas axilizan o tránsito dos vehículos.