1 ávaro -ra
-
adx
[HIST]
Relativo ou pertencente aos ávaros.
-
s
[HIST]
Individuo dun pobo nómade de Asia central, de orixe turca ou mongólica, que adoptou o nome de ávaro no s V. Empuxados cara a Occidente, dominaron as estepas do Volga ata a segunda metade do s VI. Someteron e incorporaron tribos de hunos e asentáronse no norte do Cáucaso, ofrecéndose ao servizo de Bizancio. O Emperador Xustiniano tomounos a soldo contra búlgaros e eslavos, e autorizounos a que se establecesen na Península Balcánica (561). Aliáronse cos lombardos contra os xépidos, que foron derrotados no 567. Como consecuencia, ocuparon a bacía do Danubio-Tisza, onde fixaron o centro do seu dominio que, baixo o Khan Baian (565?-602), estendíase dende o Volga ata o Elba e o mar Báltico. Atacaron repentinamente Turinxia (568 e 596) e constituíron unha ameaza para o Imperio Bizantino (580-626). No s VII iniciouse a decadencia dos ávaros. Os búlgaros establecidos en Dobrudja abandonaron os seus dominios. No 791 Carlomagno iniciou unha serie de campañas anuais contra os ávaros atacando, ao mesmo tempo, polo Danubio e polo Frioli e Carintia. No 795 ocupou a capital ávara, unha fortaleza de madeira chamada ring, e apoderouse do seu tesouro. O Khan Tudum tivo que prestar homenaxe a Carlomagno. Os ávaros rebeláronse no 799 e no 803 pero foron sometidos novamente. Os seus vestixios quedaron espallados por Carintia e Hungría, e unha fracción emigrou ao Cáucaso.