Avellaneda

Avellaneda
[HIST/HERÁLD]

Liñaxe procedente de Bizkaia que pasou a Galicia fundando varias casas. Hai investigadores que pensan que a súa verdadeira orixe está na terra galaica aínda que logo se estendeu por La Rioja, Bizkaia, Castela, Murcia, Andalucía e outras rexións españolas. Unha rama pasou tamén a América. Diego López de Avellaneda, señor da casa de Avellaneda, en Logroño, asistiu á conquista de Sevilla en 1248. Xoán de Avellaneda, oriúndo de Galicia, levaba como armas: en campo de ouro, sete roeles de goles, 2, 2, 2 e 1; partido de prata, cunha venera de azul en xefe e un lobo cebado dun cordeiro de prata, pasante e de sable, colocado en punta. Outra variante nas armas dos Avellaneda trae: en campo de ouro, dous lobos de sable, un sobre o outro, cebados de dous cordeiros, e bordo de goles con oito aspas de ouro. Algúns ostentan: na primeira partición, sobre campo de azul, trece besantes de prata colocados en tres paos, con cinco besantes o do centro; na segunda partición, en campo de prata, dous lobos de sable, un sobre o outro. Outros levan escudo partido: na primeira partición, en campo de ouro, sete roeles de goles colocados dous a dous e un de non; na segunda partición, en campo de prata, un lobo pasante de sable, cebado dun cordeiro e superado dunha venera de azul.