avellentamento
(
-
s
m
Acción e efecto de avellentar.
Ex: O concello debe preocuparse polo avellentamento do centro histórico da cidade.
-
s
m
[DEMOG]
Termo que se utiliza para describir a estrutura por idades dunha poboación cando nesta hai unha proporción elevada de individuos de idade avanzada. Dende un punto de vista médico relacionase directamente co concepto da ancianidade, que é definido como o estado fisiolóxico do organismo no derradeiro período da vida. Cando o ancián perde algunha das facultades fisiolóxicas básicas para realizar a súa vida independente ou non pode valerse por si mesmo nas normas hixiénicas fundamentais, entón comeza a vellez, coas súas características propias: achaques, decrepitude, patoloxías, etc. Dende un punto de vista demográfico, a vellez significa o derradeiro período dos grupos da estrutura por idades: a poboación de 65 e máis anos. A porcentaxe de vellos sobre a poboación total ou, dito doutra maneira, a participación dos vellos no conxunto dos efectivos demográficos define o grao de avellentamento dunha poboación. O avellentamento demográfico, é dicir, o aumento porcentual da poboación vella sobre a total, é unha das principais características das poboacións dos países desenvolvidos. A pesar da súa grande importancia, só afecta a unha pequena parte da poboación mundial, aquela que completou o proceso de transición demográfica e constitúe unha consecuencia lóxica e directa do proceso de desenvolvemento socioeconómico que se deu nos países do Primeiro Mundo. Non obstante , este mesmo fenómeno demográfico trae consigo unha serie de implicacións no ámbito económico e social que pode chegar a pór en perigo o propio desenvolvemento. O avellentamento é quizais o trazo demográfico máis significativo en Galicia. A transición demográfica galega provocou un adianto no proceso de avellentamento con respecto ao resto do Estado español, o que provocou que Galicia sexa, a finais do s XX, un dos espacios máis envellecidos do continente europeo. Neste proceso teñen influído os tres elementos que caracterizan a toda a poboación: os nacementos, as defuncións e as migracións. A diminución da natalidade e da fecundidade é o principal factor que explica o proceso de avellentamento en Europa. Ao non nacer novos efectivos, a estrutura por idades desestabilízase, incrementándose progresivamente a proporción dos anciáns sobre a poboación total. Esta diminución das taxas de natalidade e fecundidade vénse producindo en Galicia dende principios do s XX e a un ritmo superior ao resto do Estado. A segunda causa habitualmente esgrimida para explicar o avellentamento poboacional está no descenso da mortalidade e no aumento da esperanza de vida. A diminución xeral da mortalidade non aumenta, en principio, o avellentamento da poboación, pero unha redución das taxas de mortalidade a idades avanzadas si repercute directamente nunha maior proporción de vellos sobre o total. A longa duración media da vida na actualidade conleva un avellentamento por dobre mecanismo: inflúe no incremento do grupo de persoas de máis idade e contribúe a reducir as taxas brutas de natalidade. O terceiro factor fundamental que axuda a aumentar a presenza porcentual de persoas anciás na nosa sociedade é a emigración, sen dúbida, a principal causa en Galicia. O continuo éxodo demográfico ao longo dos tres primeiros cuartos do s XX supuxo a perda potencial das xeracións máis novas. Ao emigrar os efectivos novos e adultos, a estrutura por idades desequilibrábase en favor doutros segmentos da poboación. Da mesma maneira, debido a que a maior parte dos emigrantes eran varóns, tamén se desequilibraba a estrutura por sexos, o que afectaba á diminución das taxas de nupcialidade e, consecuentemente, ás de natalidade e fecundidade. Xunto a isto, os efectos do fenómeno migratorio de antano aínda os apreciamos hoxe en día. Os movementos de retorno dos emigrantes que, xa xubilados, regresan á súa terra de orixe incrementan, de forma directa, o número de persoas de idade avanzada. Polo tanto, a emigración contribúe ao avellentamento polo dobre mecanismo da súa influencia desfavorable sobre os efectivos da poboación adulta-nova e, a máis longo prazo, porque a redución destas persoas acaba repercutindo nunha caída da fecundidade nas áreas emisoras. Xunto a estas causas demográficas existen outras de índole socioeconómica. As principais son o aumento do desemprego, sobre todo na poboación nova, coas súas consecuencias negativas sobre a nupcialidade e natalidade, e, en segundo lugar, a redución no tamaño das familias imposta polos novos costumes sociais, nos que se opta por unha descendencia de 1-2 fillos, fenómeno moi relacionado cos cambios na condición feminina, sobre todo no que afecta á incorporación da muller ao mercado laboral, coa lóxica repercusión no descenso da fecundidade. Todos estes factores determinan unha estrutura demográfica moi avellentada en Galicia e con poucas posibilidades de renovación, de xeito que é un dos espacios europeos cun maior desequilibrio entre os seus grupos de idades. A análise da situación actual do avellentamento en Galicia pasa polo estudo da súa distribución territorial, tanto a nivel comarcal como municipal e o seu proceso é continuado e homoxéneo en todo o territorio da Comunidade Autónoma. Polo xeral as áreas litorais, máis dinámicas socioeconomicamente, son igualmente as máis novas. Mentres tanto as comarcas interiores son, con diferencia, as máis avellentadas. A súa estrutura demográfica pon de manifesto a gravidade deste proceso na actualidade, onde un de cada catro habitantes ten 65 ou máis anos. Estes diferentes comportamentos contribúen decisivamente ao incremento dos contrastes e desequilibrios territoriais en Galicia. As desigualdades demográficas obsérvanse máis claramente na análise do avellentamento por municipios. Os espacios máis envellecidos coinciden cos de maior despoboación e menor desenvolvemento socioeconómico. Os índices de avellentamento máis baixos, por debaixo do 20%, sitúanse fundamentalmente nas comarcas occidentais. Este superior dinamismo está presente nos sete principais concellos urbanos de Galicia (Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Pontevedra), nas periferias urbanizadas destes núcleos (Narón, Fene, Ares, Oleiros, Culleredo, Ames, Teo, Poio, Marín, Nigrán, Gondomar, Mos, Barbadás, etc), nas cabeceiras comarcais (Ordes, Carballo, Viveiro, Lalín, Tui, etc), e nos municipios costeiros de toda a comunidade, en especial das Rías Baixas, que amosan en conxunto o espazo menos avellentado de Galicia. Xunto a estes destacan, polos seus índices de avellentamento por debaixo da media, os concellos cun desenvolvemento industrial importante como O Barco de Valdeorras, Cervo, Carballeda de Valdeorras ou As Pontes, entre outros. Os concellos do interior son os que posúen superiores porcentaxes de vellos, unha característica que se agrava nos concellos de montaña. En municipios como Sober, O Bolo, Calvos de Randín, Parada de Sil, A Porqueira, Ramirás, Río e A Teixeira, a porcentaxe de poboación por riba dos 64 anos supera o 40%. As consecuencias desta estrutura por idades tan avellentada vai ser fundamental en dous campos: na política social e na economía do país. No aspecto social o avellentamento vai ser decisivo no crecente aumento das pensións de xubilación e na atención e asistencia socio-sanitaria -utilización de servicios e no crecemento constante do gasto en receitas de farmacia-. Débese ter en conta que os nosos maiores consomen máis do 80% das prestacións por pensións e sobre un 30% dos orzamentos en sanidade. O gasto en pensións en Galicia ascendeu en 1997 a uns 616.017 millóns de pesetas (3.702 millóns de euros). En receitas, ascendeu a 71.717.843.879 pesetas (431.032.923 euros), dos que os nosos maiores consomen sobre un 75% do total. No aspecto económico, o avellentamento ten importantes consecuencias en dúas áreas principais: no incremento da taxa de dependencia e no envellecemento da masa laboral. A taxa de dependencia da poboación vella, definida como a relación existente entre o número de persoas de idade avanzada (65 e máis) con respecto ao número de persoas en idade activa (16-64 anos), é un bo indicador para coñecer a porcentaxe dos vellos sobre o conxunto do gasto social e das transformacións operadas na estrutura demográfica. A relación desta taxa de dependencia é do 27,10% no 1996. Outra consecuencia económica importante é o envellecemento da masa laboral. A poboación traballadora maior de 55 anos tende paulatinamente a aumentar o seu peso relativo no conxunto do mercado de traballo. As consecuencias deste proceso sobre o dinamismo e a produtividade de determinados sectores está amplamente demostrado. Neste aspecto, o índice que relaciona a poboación en idade laboral, é dicir, as persoas de 55-59 anos sobre as de 20-24 é do 0,64 no 1996.
Ex: Co escaso nacemento de nenos a nosa poboación sofre un claro proceso de avellentamento.