avicultura

avicultura

(

s f

Técnica para a cría de aves en xeral e, máis particularmente, das aves de curral (galiñas, gansos, e tamén pombas, paspallás, perdices, faisáns, pavos, etc). Pode ter interese para a obtención de exemplares ornamentais (gansos, cisnes e outros anátidos) ou aptas para algún tipo de exhibición (galos de pelexa), pero a súa finalidade principal é a obtención de ovos, carne e plumas. A gran demanda destes produtos avícolas trouxo consigo a necesidade dunha gran produción e dun rendemento óptimo dos animais, conseguidos mediante a selección dos mellores reprodutores e pola creación de híbridos que reúnan unhas características de calidade e de rendemento superiores ás das razas orixinais. A produción industrializada de carne (polos de pouca idade, chamados broilers) experimentou nos últimos anos un pulo moi grande iniciado despois da proliferación das granxas dedicadas á produción de ovos. É importante o fenómeno da integración na Avicultura; mentres que a produción de ovos está dominada, xeralmente, polos produtores de pensos, que son os verdadeiros financiadores de todo o ciclo de produción e venda, a produción de carne está dominada polos matadoiros industriais. A economía da avicultura estudia o aproveitamento das aves para a alimentación humana (carne e ovos principalmente).

Palabras veciñas

avicularia | avicúlido -da | avicultor -ra | avicultura | avidez | avidina | avido -da