Ávila y la Cueva
Liñaxe antiga que se asentou en Pedrafita, Santiago de Parada, concello de Nigrán. Un dos seus sucesores, Isidro de la Cueva, casou na casa de Molanes con María Rodríguez, que tamén aparecen entre os ascendentes dos Ávila y la Cueva. Estes dous apelidos, oriúndos de Jerez de la Frontera, entroncaron cos Fernández de Valvieja, da xurisdición da vila de Ayllón, no bispado de Sigüenza. En 1790 foille outorgada real provisión de fidalguía, pola Real Chancelería de Valladolid, ao escribán tudense Xoán Antonio Ávila y la Cueva. Outras figuras destacadas desta familia foron Francisco Xosé Vicente Ávila y la Cueva, quen escribiu Historia Civil y Eclesiástica de la ciudad de Tuy y su Obispado; e Xosé Ávila y Lamas, bispo de Plasencia e Ourense. Houbo tamén en Vigo unha familia chamada Da Vila, De Avila ou Dávila á que pertencía Alonso de Ávila, que probou a súa fidalguía en 1551. Membros desta liñaxe foron donos do pazo casa do Casal, na freguesía de Santo Estevo de Noalla, concello de Sanxenxo, partido de Cambados, ao casar cunha señora dona daquela casa.