Avilés Vinagre, Antón

Avilés Vinagre, Antón

ou Antón Avilés de Taramancos (Taramancos, Noia 6.4.1935 - A Coruña 22.3.1992) Escritor. Fixo estudios de Náutica na Coruña, onde contactou co movemento galeguista de esquerdas. Emigrou despois a Colombia durante vinte anos. Neste período mantivo un silencio literario que se rompeu trala súa volta definitiva a Galicia en 1980. Nos seus últimos anos desenvolveu unha constante actividade cultural -con colaboracións en diversos medios como Grial, Dorna ou Luzes de Galiza- e política, chegando a ser concelleiro en Noia polo BNG en 1987. En 1986 foi elixido Presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Na súa primeira etapa publicou os poemarios As moradías do vento (1955) e A flauta i o garamelo (1959), e obtivo o Premio da Colección Brais Pinto co relato “Pequeño canto”. Despois da súa estadía americana deu ao prelo o poemario O tempo no espello (1982), que recolle toda a produción anterior á etapa americana, os versos escritos durante eses vinte anos e o escrito á volta. Seguiron Cantos caucanos (1985, Premio Nacional da Crítica), As torres no ar (1989) e Última fuxida a Harar (1992; Premio da Crítica Galega 1993) e o libro en prosa Nova crónica das indias (1989). É tamen autor da obra de teatro Tres capitáns de tempos idos (1983), representada pero non publicada, e da escolma de ensaios Obra viva (1992). Postumamente no ano 1992, apareceu ao coidado de Miguel Anxo Fernán-Vello Antoloxía poética (1955-1990).