Baal

Baal
[MIT]

Divindade masculina suprema dos pobos semitas occidentais (fenicios, cananeos e hebreos) equivalente ao Adad mesopotámico e ao Hadad sirio, co significado de ‘señor’. Aínda que nun primeiro momento presidía a terra cultivada e a chuvia, máis tarde identificouse co Sol e co ceo. A súa parella feminina era Baalat, asociada despois con outras deusas. O seu animal emblemático era o touro. Foi representado como un home novo cun casco decorado con cornos, símbolo da divindade en Mesopotamia, un mazo nunha man e un feixe de raios na outra. Os textos de Ugarit represéntano como fillo de El e de Ašerat, pero en conflito con esta e coa súa descendencia, especialmente con Mot, a quen matou despois de baixar aos infernos acompañado do seu fillo Aliyan. Este mito representa o triunfo da chuvia e da fertilidade (Baal) sobre o bochorno e a secura (Mot). En Fenicia adaptouse con diversos cualificativos: Baal-roš (‘señor do promontorio’), Baal-safon (‘señor do norte’), Baal-šamen (‘señor dos ceos’). En Cartago foi adorado como Baal-hammon (‘señor das estrelas’); foi identificado nas fontes clásicas con Zeus e despois, de forma definitiva, con Saturno (Cronos). O seu culto callou entre os israelitas, como demostra a adoración do xato de ouro, duramente censurado polos profetas. Entre os semitas orientais tomou a forma de Bel. Os gregos asimilárono con Apolo e os romanos con Saturno.