Aquiles

Aquiles

Heroe mítico da Guerra de Troia, tamén chamado Aquileo, fillo de Peleo e da deusa Tetis. Rei dos mirmidóns, na cidade de Tesalia, marchou cos seus súbditos á Guerra de Troia. Enfrontado con Agamemnon, xefe da expedición aquea, pola posesión da escrava Briseida, abandonou a loita e non regresou ata que o seu amigo Patroclo morreu en combate contra Héctor, o campión dos heroes troianos e fillo de Príamo, Rei de Troia. Por mor deste feito, Aquiles desafiou a Héctor a un combate singular no que conseguiu matalo, o que, segundo a profecía que o propio Aquiles coñecía, daría lugar á súa morte pouco despois. En efecto, o príncipe Paris, irmán de Héctor e raptor de Helena, muller de Menelao, irmán de Agamemnon (feito que disculpara o inicio da guerra dos gregos contra o estratéxico enclave troiano), matouno disparándolle unha frecha ao calcañar, único punto vulnerable do heroe. A figura de Aquiles, eixe da historia que deu lugar á Ilíada de Homero, aparece en abundantes obras posteriores, como a de Shakespeare, Racine, Giradoux e outros.

Palabras veciñas

Aquileo | Aquileo, santo | Aquiles | Aquiles | Aquiles Tacio | Aquiles, tendón de | aquilia