Associaçom Galega da Língua
Naceu en 1981 co obxectivo de “acadar umna substancial reintegraçom idiomática e cultural do galego” na área galego-luso-africana-brasileira. Tendo como principal referente a Carbalho Calero, busca a normalización dos usos lingüísticos do galego e o favorecemento dunha normativa lingüística reintegracionista, científica e independente. Desde 1982 está presidida por Mª do Carmo Henríquez Salido. A súa estrutura de funcionamento componse dunha asembleia de sócios e dun conselho formado por investigadores como Monterroso Devesa, Gil Hernández, Filipe Seném, Ramom Lôpez-Suevos, Elvira Souto, Nemésio Barxa, Manuel Portas, Luís Gonçalez Blasco, Joám Costa ou Bernardo Penabade. Componse tamén de diversas comisións como “Textos Religiosos”, “Sociolingüística” e “Comissom Lingüística” integrada, entre outros, por Isaac Alonso Estravis, Henrique Rabunhal, José Luís Rodríguez Fernández ou José A. Souto Cabo. Esta comisión elaborou tres libros que recollen o pensamento lingüístico da entidade: Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1983 e 1989), Prontuário Ortográfico Galego (1985) e Guia prática de verbos galegos conjugados (1988). Publica ademais a revista Agália, e desde 1984 vén celebrando os Congressos Internacionais da Língua Galego-Portuguesa na Galiza centrados na área cultural galego-luso-brasileira coas respectivas Actas, e as tres Colecçons: Universália, Clássicos e Criaçom.