baldaquino

baldaquino

(< topónimo Baldac

  1. s m [ARTE]

    Dosel de tea preciosa ou de mármore, madeira ou metal, sostido por columnas, suspendido ou apoiado na parede, que cobre un altar, unha imaxe, unha tumba santa ou outro obxecto relixioso. Destaca o baldaquino de bronce de San Pedro do Vaticano, en Roma, realizado por Bernini entre 1624 e 1633. En Galicia este tipo de construcións alcanzou difusión por ser o que acubillaba a tumba do Apóstolo Santiago, tanto durante a época románica (s XII), coma no período tardogótico (1482-1543), cando se imitou o que mandara facer o arcebispo Fonseca I (1476). Esta construción compostelá foi imitada en numerosos baldaquinos pétreos como o de San Salvador de Vilar de Donas. Entre 1658 e 1677 o baldaquino da Catedral de Santiago substituíuse polo actual de estilo Barroco co que se iniciou unha nova serie na que destacan o da Capela do Santo Cristo da Catedral de Ourense (1674-1704), o da Capela da Virxe dos Ollos Grandes da Catedral de Lugo (1734) e o do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela (1730), un dos máis espectaculares de Europa. Xa en época neoclásica farase o do altar maior da Catedral de Lugo (1768).

  2. s m [TÉXT]

    Tecido de seda, adamascado, labrado, brocado e con incrustacións de pedras preciosas, moi apreciado durante a Idade Media. Producíase en Baldac (Bagdad), cidade da que tomaba a denominación. Era moi empregado para facer doseis e cortinas.