2 balea
(
-
s
f
[ANIMAL]
Nome aplicado aos cetáceos da suborde dos misticetos, especialmente os pertencentes á familia dos balénidos, dos neobalénidos e dos estríctidos; os da familia dos balenoptéridos denomínanse comunmente rorcuais ( rorcual). As baleas son mamíferos exclusivamente mariños que poden acadar ata os 30 m de lonxitude e un peso de 150.000 kg. As baleas típicas carecen de dentes, no seu lugar teñen unhas formacións córneas denominadas barbas, estas son unhas composicións de queratina que presentan unha forma triangular e colgan da mandíbula superior aloxándose na inferior. As barbas actúan como filtro para reter o plancto do que se alimentan, especialmente crustáceos eufasiáceos coñecidos co nome de krill. Nadan coa boca aberta e, cando a pechan expulsan a auga coa axuda da lingua, de xeito que o alimento queda retido. Como todos os cetáceos e a diferenza dos peixes, as baleas teñen a cola disposta no plano horizontal, con dous espiráculos ou orificios nasais, situados na parte máis elevada da cabeza, polos que expulsan o aire dos pulmóns acompañado a miúdo de mucosidades e de vapor de auga. A cabeza pode acadar ata un terzo da lonxitude total do corpo. Poden nadar a gran velocidade e a moita profundidade (algúns centos de metros) e permanecer baixo a auga durante bastante tempo (ata 60 minutos nalgúns casos); isto último debido á diminución do ritmo cardíaco e á riqueza de mioglobina do tecido muscular. En xeral son monógamas; a xestación dura arredor dun ano, e raramente nace máis dunha cría (coñecida como baleato) que mide no momento de nacer uns 6 m e ten un peso de 6.000 kg. A cría aliméntase, como o resto dos mamíferos, de leite materno e acadan a madurez sexual aos 3-4 anos. As baleas reprodúcense cada 2-3 anos e a súa esperanza de vida é duns 30 anos. Viven en bandadas e realizan grandes migracións; durante o verán habitan nos mares fríos, polares e subpolares, e durante o inverno nos temperados, onde nacen as crías. Os baleatos, ao non ter unha capa adiposa tan grosa (ata 50 cm nalgúns adultos), non sobrevivirían ás baixas temperaturas das augas polares. A caza da balea estendeuse por Europa a partir da Idade Media e tivo un forte auxe coa invención do arpón explosivo (1877). No s XX os barcos baleeiros transformáronse en auténticas fábricas flotantes apoiados por unha pequena flota de barcos cazadores. A pesca da balea tivo unha relativa importancia para as pesquerías do norte peninsular durante a Idade Media, principalmente para as vascas. Os principais portos de Euskadi adicábanse á captura e comercialización da carne e da graxa da balea, pero esta actividade ficou abandonada ante a posterior escaseza do mamífero nas costas norteñas. Ao longo da Historia, e con posterioridade á Idade Media, houbo diferentes tentativas de recuperar a pesca da balea. Das máis documentadas son as acontecidas no século XX. En 1924 constituíronse dúas empresas con este obxectivo: Sociedad Española Corona SA e a Compañía Ballenera Española. Na primeira delas aparece Afonso XIII como propietario maioritario do capital financeiro da sociedade, valorado nun millón de pesetas da época. A empresa Corona SA posuía unha factoría flotante de 8.000 toneladas, e catro vapores de gran tonelaxe de procedencia noruega. A área de actuación desta empresa eran as costas galegas. A factoría flotante permanecía fondeada na enseada de Barra (Cangas) case todo o ano, e no inverno operaba no litoral de Algeciras e Huelva. Esta iniciativa empresarial vai durar tres anos, cuns valores produtivos moi altos. Pero a actividade tivo que ser abandonada debido, fundamentalmente, a un radical descenso no número de capturas, que produciu a disolución definitiva da sociedade, en 1929. A outra empresa baleeira, Compañía Ballenera Española, ofrece poucos datos da súa actividade. Sabemos que, como no caso da anterior, a participación dos industriais conserveiros Massó foi moi importante. Estableceu a súa factoría en Canceliñas (Corcubión), tendo uns baremos produtivos similares aos da sociedade Corona. Dende 1930 tívose que afrontar ao problema da extinción das especies, xa que as capturas eran considerablemente superiores ao ritmo de reprodución dos animais. No 1949 creouse a Comisión Baleeira Internacional (CBI), coa finalidade de controlar e regulamentar a caza de baleas, fixar o número de capturas, e a temporada e as zonas de caza; pero as súas recomendacións tiveron pouco éxito. O ano 1972, a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio reclamou a suspensión total da caza durante dez anos, pero a proposta foi retirada en 1977 baixo presións da URSS e do Xapón. Posteriormente, os estados membros da Comisión acordaron limitar as capturas na temporada 1977-1978 e sucesivas. A CBI na súa reunión de 1985-1986 declarou unha moratoria internacional indefinida de caza de baleas, pero algúns países seguiron co exterminio, entre eles varios europeos, baixo varios pretextos: a tradición de caza que mantiñan algunhas culturas (como na illa de Pagalú), a supervivencia de certas poboacións esquimós que precisan da carne e da graxa das baleas para superar os invernos daquelas latitudes, e a ciencia, que supostamente realizan investigadores xaponeses, noruegueses e islandeses que, despois de observar a peza capturada, a comercializan. Das baleas pódese obter carne fresca, en conserva ou como extracto; as súas barbas poden empregarse para facer variñas ou baleas; a pel utilízase para a obtención de coiro; tamén se extraen aceites, como o aceite de fígado, fariña de ósos, vitaminas e produtos hormonais, e da graxa da cabeza obtense o chamado esperma de balea; aínda así existen substitutos sintéticos para todos estes produtos naturais. Por estas causas, dende que se aprobou a moratoria, ata o ano dous mil cazáronse máis de 20.000 baleas. A poboación mundial de certas especies, a pesar da vixencia, polo menos en teoría, desta moratoria, segue sen recuperarse e máis da metade das grandes baleas considéranse en risco de extinción ou, en todo caso, en situación de extrema vulnerabilidade. A comunidade internacional preocupada polo tema da conservación destes animais, creou en 1979 o Santuario Índico para baleas, que foi o primeiro espazo protexido a nivel mundial e que está situado no Océano Índico, entre Madagascar e Australia. Posteriormente, en 1994, creouse o Santuario Antártico, que abarca dende o paralelo 40° S ata o continente Antártico. Ambos santuarios representan, en conxunto, case a terceira parte da superficie de todos os mares. Non obstante , no hemisferio setentrional non había ningún espazo protexido dedicado exclusivamente aos cetáceos, ata que o 25 de novembro de 1999 se decretou, no Mar Mediterráneo, entre a illa de Cerdeña e maila costa italiana e francesa, un novo santuario para baleas e golfiños. Os romanos xa bautizaran estas augas co nome de Costae Balanae, que ten a mesma orixe que o nome actual das Illes Balears.
-
s
f
Cada unha das láminas que presenta este mamífero na mandíbula superior que pola súa dureza ten diferentes aplicacións.
-
s
f
Lámina de calquera material semellante ao que se extrae da mandíbula superior do cetáceo do mesmo nome.
Ex: Teño que levar a amañar o paraugas porque co vento que ía onte rompeu unha balea.
-
s
f
[ALIM]
En Galicia existiron ata a década de 1980 tres factorías baleeiras, situadas en Cangas do Morrazo, Caneliñas de Cee e O Portiño de Morás en Xove, que se encargaban da súa pesca e da preparación dos produtos para a súa distribución no mercado. A carne, rica en proteínas, destinábase ao consumo humano e a graxa para a obtención de aceites.
-
balea azul
[ANIMAL]
rorcual azul.
-
balea boba
[ANIMAL]
rorcual común.
-
balea branca
[ANIMAL]
Denominación que reciben certos cetáceos de gran tamaño e de cor branca como a beluga ou, como no caso da coñecida Moby Dick, cachalotes albinos.
-
balea chepuda
[ANIMAL]
xibarte.
-
balea franca
[ANIMAL]
Nome que reciben as baleas da familia dos balénidos que se caracterizan por ter a mandíbula inferior arqueada e non presentar aleta dorsal.
-
balea grenlandesa/polar
[ANIMAL]
Balea ártica de ata 20 m de lonxitude, con 250-350 barbas de ata 4 m de longo, manchas brancas debaixo da cabeza, que carece de calosidades, e beizo inferior branco. É unha especie case que extinguida; a poboación do Océano Atlántico desapareceu no século XIX e sobrevive, en pequeno número, preto de Alasca e das illas Baffin.
-
balea gris
[ANIMAL]
Balea de ata 15 m de lonxitude, coa aleta dorsal pouco prominente, a mandíbula inferior lixeiramente arqueada e entre 130 e 180 barbas curtas. Ten características anatómicas singulares e primitivas dentro das baleas. Só sobrevive no Pacífico Norte.
-
balea pigmea/anana
[ANIMAL]
Balea de ata 15 m de lonxitude, coa aleta dorsal prominente e a boca arqueada, na que presenta de 210 a 230 barbas. Habita en augas do hemisferio sur.
-
balea pintada
[ANIMAL]
rorcual boreal.
-
balea vasca
[ANIMAL]
Balea peláxica de ata 18 m de lonxitude e 100 tm de peso. Ten mandíbulas arqueadas cara a arriba, con 200-270 barbas de 2,8 m de longo e cor negra. Presenta calosidades na rexión cefálica, é de cor amarelenta e está infestada de ciámidos. Vive no Atlántico Norte e no Pacífico Norte. A poboación europea, que se estende dende o sur de Grenlandia e Spitzbergen ata a zona dos Açores, atopa nas costas cantábrica e atlántica da Península Ibérica unha importante área de invernada. Foi explotada dende o s X na costa vasca e dende o s XVI na galega, o que a levou a unha práctica extinción. A poboación americana, que non supera o medio millar de exemplares, permanece no verán en Terranova, na baía de Fundy e no banco de Boston, e no inverno migra cara ao sur ata as costas de Florida, Bermudas e norte do Golfo de México. A balea vasca viaxa en pequenos grupos de tres ou catro individuos que se comunican mediante unha ampla gama de sons complexos de baixa frecuencia. Para comunicarse con outros grupos distantes emiten uns sons sinxelos e de curta duración. Algúns autores consideran especies diferentes as poboacións do xénero Eubalaena que viven nos mares do Pacífico oriental, balea de Siebold (E. japonica), e as que viven no Antártico, balea austral (E. australis).