Balears, Illes

Balears, Illes

Comunidade autónoma do estado español que comprende o arquipélago balear, situado no Mediterráneo occidental (5.014 km2; 760.379 h [1996]). Correspóndese coa provincia homónima e está constituída polas illas de Mallorca (609.150 h), Menorca (67.009 h), Eivissa (78.867 h), Formentera (5.353 h), Cabrera (base militar e parque natural) e outras illas menores (Illa dels Conills, sa Dragonera, s’Espalmador, s’Espardell, Illa de l’Aire, Tagomago, Illa d’en Colom, etc).
Xeografía física
O arquipélago balear aséntase sobre un zócolo submariño separado das costas peninsulares por un canal de máis de 1.000 m de profundidade. As illas teñen a súa orixe no xeosinclinal profundo onde se depositaron os materiais do Secundario e do Terciario. As Balears emerxeron no dobramento alpino estiriano. A emersión de Menorca foi, sen embargo, anterior á das outras illas, polo cal é a única na que afloran sedimentos paleozoicos (era Primaria). A historia xeolóxica das outras illas iniciouse ao principio da era Secundaria, pero foi na era Terciaria cando os materiais sedimentados foron violentamente pregados pola oroxenia alpina. A partir daquel momento, na depresión situada entre as cordilleiras setentrional e meridional de Mallorca e tamén nas pequenas Pitiusas (Eivissa e Formentera), acumuláronse os depósitos horizontais do Mioceno. Foi ao remate do Terciario e principio do Cuaternario cando a fragmentación da Tirrénida a illou, individualizando cada unha das illas. Menorca é a máis oriental das illas, e a súa forma é compacta. Unha liña máis ou menos recta de dirección SL-NO, dende o porto de Maó ata Ciutadella, separa dous conxuntos xeolóxicos diferentes. A principal característica de Mallorca é a variedade das paisaxes en relación coa súa reducida superficie. O clima das Balears é temperado. A humidade relativa é, por mor da insularidade, constante en valores ao redor do 66%. O réxime pluvial ten o máximo no outono e o mínimo no verán. Aos veráns moi secos (8,6 mm de media en xullo na illa de Mallorca), sucédenlles outonos caracterizados polas chuvias torrenciais (67 mm en setembro). No inverno as chuvias adquiren un carácter máis suave que na primavera, transformándose en tempestuosas, duran ata maio. Os ventos locais inflúen notablemente no clima insular. Nas estacións de transición (outono e primavera) dominan os ventos do N (tramuntana) e do SO (llebeig ou lebeche). No verán aparece o xaloc ou siroco (vento do SL) que despois de percorrer Tunicia e o S de Italia chega ás illas seco e frouxo. De maio a setembro rexe un réxime de brisas polo que as correntes centrípetas penetran profundamente ata o interior da illa de Mallorca. O carácter torrencial é o primeiro trazo definitorio da rede fluvial balear, composta por leitos secos de torrentes que só se inundan de xeito efémero logo das precipitacións torrenciais do outono. Na desembocadura dalgúns torrentes, en áreas baixas e planas, hai lagoas e albufeiras. A maior é a de Alcúdia-Muro-sa Pobla, no NL de Mallorca. Tamén destaca en Menorca a Albufera des Grau. A litoloxía cárstica fai que o solo absorba inmediatamente a auga da chuvia e cree bolsas freáticas que o home aproveita mediante a apertura de pozos. Hai poucas fontes naturais e o seu emprazamento rexístrase maioritariamente ao pé da serra da Tramuntana, no NO de Mallorca. A flora das Balears é tipicamente mediterránea cun predominio paisaxístico da garriga, matogueira de arbustos de folla pequena e dura como oliveiras silvestres, sabinas e lentiscos, que en Mallorca e Menorca ten afinidades florísticas tirrénicas e en Eivissa e Formentera fundamentalmente ibéricas. A vexetación potencial das zonas máis chuviosas de Mallorca e Menorca son non obstante os aciñeirais, fortemente restrinxidos na actualidade, non tendo lugar as especies arbóreas caducifólias. Consérvanse bosques de piñeiros de Alepo e bosquetes de buxo balear. A vexetación disposta sobre numerosas illas e illotes ten dado numerosas formas endémicas, especialmente nos cumios calcáreos das montañas mallorquinas e nos rochedos litorais das costas ventosas de Mallorca e Menorca. O grupo de réptiles máis singulares das illas Balears constitúeno as máis de 20 subespecies das illas e illotes tanto a lagartixa balear como a lagartixa das Pitiusas endémicas do arquipélago. Tamén están presentes as dúas especies de tartarugas terrestres e a salmantesa rosada. Entre os anfibios destaca o sapiño balear e entre os mamíferos só son autóctonos os morcegos; os demais foron levados polo home, o ourizocacho mediterráneo, a marta e a xeneta, o gato e a rata. Entre as aves máis singulares cóntanse as mariñas coloniais como a gaivota patiamarela e a de audouin, o corvo mariño cristado e os paíños, a pardela cinsenta e a mediterránea, exclusiva das Balears, que inverna nas augas costeiras de Galicia. Nos cantís aniñan dúas rapaces de alto interese como son a aguia peixeira e o falcón de Eleonora, endemismo mediterráneo. O acoso medioambiental que supón a alta densidade poboacional, a especulación e o turismo masivo puxeron en grave risco a especies e medios baleares conservándose como santuario desta diversidade o Parc Nacional del’Arxipèlag de Cabrera.
Xeografía humana e económica
A causa da súa situación estratéxica no Mediterráneo, as Balears sufriron numerosas dominacións ao longo da historia que achegaron diversos elementos étnicos. A poboación medrou considerablemente no s XX, sobre todo en Mallorca, onde o aumento baséase fundamentalmente en función do de Palma de Mallorca. A poboación de Eivissa, que logo dun notable crecemento estabilizárase dende 1940, experimentou dende 1960 un incremento vencellado á actividade turística. Menorca, aínda que en menor medida, tamén levou un ritmo de crecemento similar. As Balears, tradicionalmente terra de emigrantes, convertéronse en núcleo receptor dunha inmigración procedente do S da Península Ibérica, relacionada co desenvolvemento do sector turístico. Este é o responsable das transformacións que se observan na estrutura da poboación activa, definida por unha hipertrofia do sector terciario e o declive do primario. O sector dos servicios concentra aproximadamente o 70% dos activos mentres que o secundario, no que destaca a construción, ocupa ao 25%, ficando no primario só o 5%. A orientación turística da economía balear provocou fondas alteracións na paisaxe das illas ( balearización). A bonanza climática e o grao de desenvolvemento socioeconómico da comunidade favoreceu que xurdira, ao carón do turismo ocasional tradicional, un novo tipo de turista que estableceu no arquipélago a súa residencia, estacional ou permanente, formando auténticas colonias nacionais, entre as que destaca a alemana. O alto poder adquisitivo destes individuos, que obteñen os seus ingresos das rendas do capital ou da percepción de pensións de xubilación, incide en que, polo xeral, manifesten un interese mínimo pola integración na sociedade e na cultura autóctona, ou pola aprendizaxe das linguas oficiais locais (castelán ou catalán). Este fenómeno provoca, pola adaptación da oferta á demanda, a proliferación de establecementos onde o alemán é a principal lingua de uso, habendo lugares nos que é case exclusivo. O desenvolvemento do sector turístico na comunidade é o principal responsable de que se sitúe no primeiro lugar do estado español no referente a indicadores económicos, como renda per cápita ou PIB, e no derradeiro en canto á taxa de paro.
Historia
En Mallorca e Menorca desenvolveuse a cultura megalítica dos talaiots. Eivissa e Formentera estaban poboadas antes da chegada dos cartaxineses; estes establecéronse en Eivissa no 654 a C. Os gregos mantiveron contactos comerciais cos habitantes da illa. No ano 122 a C Quintio Cecilio Metelo dirixiu unha expedición e as illas pasaron a formar parte da provincia Citerior ata o s IV, data na que se formou a Baleárica. Cristianizada nos s IV e V, foi ocupada polos vándalos e desde o 534 pertenceu ao Imperio Bizantino. No s X foi incorporada a Al-Andalus co nome de Illas Orientais e no s XI creouse a taifa de Mallorca. Os almohades mantivéronse nas illas ata a conquista catalana. Xaime I iniciou a súa conquista: Mallorca (1229), Eivissa (1235) e Menorca (1287). Xaime II creou en 1262 o Reino de Mallorca. En 1349 Xaime III de Mallorca perdeu o reino que foi anexionado por Pedro III a Catalunya. Pola súa posición xeográfica foron un centro comercial importante durante a baixa Idade Media. Durante a Idade Moderna o centro comercial desprazouse ao Atlántico e as illas sufriron un certo estancamento. Durante a Guerra de Sucesión Menorca foi anexionada a Inglaterra, ata a súa incorporación definitiva a España en 1802. En 1833 creouse a provincia de Palma de Mallorca. En 1906 creouse en Mallorca o Fomento do Turismo e estimulouse por primeira vez este sector. Os primeiros grupos autonomistas datan de inicios do s XX no seo da pequena burguesía. En 1921 naceu a Associació per la Cultura de Mallorca, que coa chegada da II República preparou un proxecto de Estatut d’Autonomia de Mallorca e Eivissa (1931). Durante a Guerra Civil, Mallorca e Eivissa permaneceron baixo o mando das tropas franquistas e Menorca foi republicana durante toda a guerra. Trala posguerra abriuse unha nova etapa en 1950 co boom turístico, base económica das illas. Co retorno da democracia en 1978, estableceuse un réxime preautonómico e creouse un Consell General Interinsular, presidido por Jeroni Albertí (1978-1982) e Francesc Tutzó (1982-1983) e tres consellos insulares (Mallorca, Menorca e Eivissa e Formentera) que se constituíron o 3 de abril de 1979. En 1983 foi aprobado o Estatut d’Autonomia de les Illes Balears. As primeiras eleccións celebráronse en maio do mesmo ano, o primeiro presidente da Comunidade Autónoma foi Gabriel Cañellas. O actual presidente é Francesc Antich Oliver. Consérvanse manifestacións artísticas megalíticas como os talaiots, as navetas e as taulas, da época romana o teatro de Alcudia e da musulmá o pazo da Almudaina e a residencia Alfabia. Do Gótico do s XIII salientan a catedral, a lonxa de Palma de Mallorca e o castelo de Bellver.