Baleira

Baleira


Concello da comarca da Fonsagrada, situado na provincia de Lugo ao L da Comunidade Autónoma de Galicia (43º 00’ 53’’ latitude N e 7º 14’ 13’’ lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Pol e Ribeira de Piquín (comarca de Meira), ao O co de Castroverde (comarca de Lugo), ao S cos de Baralla e Becerreá (comarca dos Ancares) e ao L co da Fonsagrada, da comarca homónima. Abrangue unha superficie de 168,81 km2cunha poboación de 1.658 h (2007) distribuídos nas parroquias de A Braña, Córneas, Cubilledo, A Degolada, A Esperela, A Fontaneira, Fonteo, A Lastra, Librán, Martín, Pousada e Retizós. A capital é o lugar do Cádavo, na parroquia da Esperela. Situado a 142 km de distancia de Santiago de Compostela, a 24 km da Fonsagrada e a 32 km de Lugo, está adscrito ao partido xudicial da Fonsagrada e á diócese de Lugo.
Xeografía física
O territorio do concello de Baleira atópase nunha área de dominio climático oceánico de montaña. Deste xeito os rexistros termopluviométricos vense matizados por este factor, prolongándose a estación fría dende novembro ata abril, meses nos que a temperatura media rexistrada non sobe dos 6,4°C. A temperatura media anual queda nos 8,8°C, sendo as medias do mes máis cálido (agosto) e máis frío (xaneiro) de 16,0°C e 2,2°C respectivamente. A precipitación anual media está ao redor dos 1.750 mm cunha distribución estacional que acusa un leve descenso estival que non chega a traducirse nun déficit hídrico: 37% de precipitación recollida nos meses do inverno fronte ao 10% dos meses do verán, quedando a primavera e mailo outono como verdadeiras estacións de transición pluviométrica, con cadanseu 26%. O relevo do territorio municipal artéllase a partir de vales transversais, resultado da combinación da fracturación alpina sobre o vello macizo e os procesos de incisión e erosión fluvial, sobre unha litoloxía que alterna as pizarras e os xistos con cuarcitas e areniscas. As unidades do relevo artéllanse seguindo unha dirección xeral meridiana, NO-SL, respondendo aos dobramentos do Cámbrico-Ordovícico. Este concello está no inicio das serras orientais de Galicia, incluíndo no seu territorio as serras do Mirador, do Puñago e da Vaqueriza na metade occidental; no centro érguese a serra do Pozo; ao SL atópanse as serras do Portelo e Fonloria. As máximas cotas sitúanse na serra de Liñeira cos 1.099 m de altitude do monte dos Toxos, os 1.026 m do Pradairo e os 1.013 m do Restelo. A rede fluvial artéllase en torno ás cuncas dos ríos Eo e Neira, este último afluente do Miño, polo que aquí temos a divisoria entre as vertentes cantábrica e atlántica. Entre os espazos naturais de interese atópase a Fraga de Marronde.
Xeografía humana
A poboación do concello de Baleira experimentou ao longo dos últimos dous séculos unha evolución inserta na pauta de comportamento observada nos concellos do interior da nosa comunidade. Partindo dun volume inicial de 3.897 h en 1887, mantivo un moderado incremento ata a década de 1940, na que acadou o seu máximo histórico con 5.401 h para iniciar a partir de entón un descenso ininterrumpido que se prolongou ata a actualidade. Deste xeito entre 1887 e 1996 perdeu o 47,26% da poboación, e entre esta data e 2001 o 10,75% e o 9,59% entre 2001 e 2007. A emigración masiva ás cidades e ao exterior é a responsable do descenso, que provoca como resultado unha poboación moi avellentada, onde os menores de 20 anos representan tan só o 9% da poboación fronte o 37,9% dos de 65 e máis anos e o 53% do grupo intermedio. Deste xeito a taxa de natalidade é moi baixa 2,1‰ e a de mortalidade é elevada 13,4‰ (2006). A distribución por sexos amosa un leve desequilibrio a prol dos homes, 51,99%, fronte ao 48,01% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Baleira é do 50,9% (58,2% a masculina e 43,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 49,2% (56,6% a masculina e 41,3% a feminina) e a taxa de paro é do 3,3% (2,8% a masculina e 4% a feminina). A economía amosa un perfil acusadamente primario, cun 62,2% da poboación ocupada dedicada á agricultura, inmersos nun réxime de propiedade campesiña de explotación directa, no que o tamaño medio das explotacións supera as 18 ha e a orientación das mesmas mudou do policultivo tradicional cara ao predominio das explotacións gandeiras bovinas, combinando a especialización láctea e a cárnica. Con periodicidade mensual celébrase no Cádavo unha feira de gando. A explotación forestal achega unha porcentaxe importante dos ingresos das familias do concello titulares de parcelas rústicas. O sector terciario proporciona o 29% dos empregos, situándose no segundo lugar debido á concentración na capital municipal dunha serie de servizos de ensino, administrativos, sanitarios e comerciais. A industria e a construción ofrecen traballo ao 2,2% e ao 6,1% respectivamente. As comunicacións por estrada son bastante deficitarias quedando reducidas á comarcal C-630, que a une con Lugo e a Fonsagrada e a local LU-710.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento de Baleira atópanse no dolme atopado no Monte da Cruz, e os castro de Córneas, A Degolada, A Esperela, A Fontaneira e Retizós. En tempos de Afonso II tivo lugar un enfrontamento entre mouros e cristiáns (813) no Campo da Matanza, na Esperela. Durante a Idade Media e o Antigo Réxime as parroquias repartíanse entre as xurisdicións de Baleira, Castroverde, Neira de Rei e Pena Maior e o couto redondo de Córneas, pertencentes á antiga provincia de Lugo. Co establecemento dos primeiros concellos en 1813, formouse o concello de Baleira integrado polas mesmas parroquias que o fan na actualidade. Foi adscrito ao partido xudicial da Fonsagrada e á provincia de Galicia. Coa división de Galicia en catro provincias no 1822, o concello de Baleira pasou á nova provincia de Lugo. Dende entón non sufriu alteración ningunha. A súa historia recente vén marcada polo proceso emigratorio que padeceu durante segunda metade do s XX.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de San Pedro da Esperela, San Lourenzo de Pousada, Santa Mariña de Librán, de orixe románica, Santa Madalena de Retizós (ss XVII-XVIII) , Santiago de Cubilledo (s XVIII) e Santiago de Córneas (s XVIII). No eido da arquitectura civil sobresaen a casa de Luaces, na Esperela, a casa-pazo de Albaredo e a casa do Concello. No patrimonio natural destaca a Fraga da Marronda, declarada Lugar de Interese Comunitario (LIC) en 2004 dentro da Rede Natura. Celébranse, entre outras festas, as de Santiago Apóstolo en Martín en xullo, de San Lourenzo en Pousada en agosto, de San Cristovo no Cádavo en agosto e de San Ramón en Córneas-Gasalla en agosto, ademais da romaría de San Bernabé en xuño.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Fonsagrada, A
Extensión 168 Km2
Poboación Total 1658 h
Poboación Homes 862 h
Poboación Mulleres 796 h
Densidade de poboación 9.87 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias