Ballesteros

Ballesteros
  1. [ONOM]

    Forma castelá correspondente ao apelido galego Besteiro.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe orixinaria de Castela, que se espallou por todo o territorio español. En Galicia exerceron señorío xurisdicional no couto de Saiar (Caldas de Reis), na casa-torre de Laíño e no lugar de Tarrío (Dodro). Os López Ballesteros, da casa da Golpelleira, preto de Vilagarcía de Arousa, posuíron capela propia na igrexa parroquial onde abundan os brasóns desta estirpe. Emparentaron, así mesmo, cos señores do pazo de Bergondo e espalláronse por terras mexicanas. A rama galega leva como armas: en campo de ouro, cinco paos (ou béstas) de sinople, dereitos e postos en faixa, e cinco flores de lis de goles, colocadas catro en faixa na parte superior dos espacios que deixan entre si os paos e unha en punta. Outra variante trae escudo partido: na primeira partición, de goles, un brazo de sable vestido e non armado, cunha espada denuda de prata, coa gornición de ouro na man, movente do flanco sinistro, e na punta tres cabezas de mouros do revés, coroadas e con turbantes, chorreando sangue; na segunda partición, tamén de goles, unha banda de ouro, engulida en cabezas de dragóns de sinople; medio partido de goles cun castelo de prata e bordo de prata con oito M de sable.