Balliol
Familia nobre escocesa de orixe normanda, moi poderosa nos ss XIII e XIV, coñecida tamén como Baliol ou Bailleul . O seu fundador foi Guido, señor de Bailleul e Harcourt (Normandía), que recibiu de Guillerme II (1087-1100) importantes feudos en Durham e mais en Northumberland. A viúva do seu neto, John de Balliol (morto en 1269), fundou o Balliol College de Oxford. O seu bisneto, John de Balliol , señor de Galloway, emparentado por liña materna cos reis de Escocia, fixo valer as súas pretensións ao trono, contra as de Bruce, cando morreu a Raíña Margarida I (1290). Coa axuda do Rei de Inglaterra foi recoñecido Rei (Xoán I) no ano 1292. Non obstante , rebelouse contra os ingleses e foi derrotado no ano 1296, polo que tivo que renunciar ao trono. O seu fillo Edward de Balliol intentou recuperar o trono no ano 1332 e foi coroado Rei de Escocia (Eduardo I), pero foi destronado en 1341 e morreu en 1364.