Ballotas

Ballotas

ou Ballotes Gravado rupestre situado na Torre dos Meadelos (Vilagarcía de Arousa). Esta estación está composta por varias rochas de granito de gran groso con representacións de tipoloxía moi ampla: coviñas, combinacións circulares, zoomorfos e unha posible escena de monta. Destacan tres grandes figuras de cérvidos, sumamente esquematizadas e de tamaño moi grande, gravadas na parede inclinada cara ao NO dunha das rochas. Os tres cervos camiñan, máis ou menos aliñados, en dirección N-S. A escena de doma ou monta está constituída por un cuadrúpede en actitude estática sobre a que aparecen uns trazos que delinean o torso e os brazos dunha figura humana.