Baltar
Municipio da comarca da Limia, situado na provincia de Ourense ao S da Comunidade Autónoma, na Raia Seca, na fronteira con Portugal(41º 56’ 57 ‘’ latitude N e 71 43 ‘ 00’’ lonxitude O ). Limita ao N cos concellos dos Blancos e Xinzo de Limia (A Limia), ao S con Portugal, ao L co concello de Calvos de Randín (A Limia) e ao O co de Cualedro (Verín). Abrangue unha superficie de 94 km 2 cunha poboación de 1.126 h (2007), distribuídos nas parroquias de Abades, Baltar, Garabelos do Bouzo, Niñodaguia, Texós, Tosende e Vilamaior da Boullosa. A capital está no lugar de Baltar, na parroquia homónima. Dista 172 km de Santiago de Compostela e 55 km de Ourense e está adscrito ao partido xudicial de Xinzo de Limia e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O concello de Baltar está baixo a influencia do dominio climático oceánico de montaña, propio dunha área cunha elevada altitude media (a capital está a 900 m sobre o nivel do mar) e interior, relativamente lonxe das influencias atlánticas. En consecuencia, pódese dicir que o clima amosa certos matices de continentalización, que se poñen de manifesto sobre todo na elevada amplitude térmica anual (a oscilación entre os meses de xaneiro e xullo é de 13,5°C, cunha temperatura media de xaneiro de 4,5°C e unha media de xullo de 18°C). A precipitación total anual, debido a que Baltar se atopa nunha área de montaña, reflicte esta influencia, e é de 1.240 mm anuais. Esta precipitación repártese de xeito moi desigual ao longo do ano, evidenciando a existencia dunha clara seca estival. O 37% do total das precipitacións recóllense durante o inverno, fronte a un 9% recollido durante os meses do verán. O relevo de Baltar presenta unha organización singular e característica. Todas as unidades do relevo seguen a dirección SO-NL. Dúas aliñacións serranas pechan o concello polo N e polo S. Polo N, os montes de Montecelo e Boullosa; polo S, e servindo de límite con Portugal, os montes de Larouco, cunha cota máxima de 1.397 m no monte Tabrelo, se ben existen cotas tamén importantes nos montes de Cereiro (1.264 m), Arando (1.117 m) ou Pedrolo (958 m). Entre estas dúas aliñacións montañosas sitúase o val formado polos ríos Salas, que flúe cara ao SO e Faramontaos, que o fai cara ao NL para integrarse logo na rede fluvial do río Limia. A divisoria de augas sitúase aproximadamente no centro xeométrico do termo municipal. Estes dous ríos son os que organizan a rede hidrográfica do concello, constituída ademais por numerosos regatos procedentes dos montes próximos, moi influenciados polo réxime pluviométrico estacional. O concello de Baltar, aínda que non na súa totalidade, sitúase dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, e goza do grao de protección propio deste tipo de espazos naturais para a conservación das súas singulares paisaxes naturais.
Xeografía humana
A pesar de ser un concello do interior e eminentemente rural, Baltar experimentou nos últimos dous séculos unha evolución un tanto diferente á do modelo xeral descrito para os territorios do noso país con características similares. Así, responde perfectamente ao modelo de crecemento demográfico lento e sostido ata 1950: a evolución demográfica foi, con altibaixos, positiva ata esa cata censal. A partir desa data, a poboación non só non sufriu un descenso brusco, como aconteceu noutros concellos de características similares, senón que mesmo aumentou, aínda que só lixeiramente, ata 1981, ano en que rexistra o máximo histórico na serie manexada (1887-1996) cunha poboación de 3.956 h. Despois, a dinámica demográfica de Baltar sufriu unha volta e entre 1981 e 1991 a poboación reduciuse a menos da metade, con 1.861 h en 1991, o que supón unha taxa de decrecemento do 11,2%. O avellentamento da poboación xunto cun tardío éxodo rural son as causas desta dinámica, que ten continuidade segundo as cifras de 1996, cando o concello de Baltar reducira aínda máis a súa poboación, ata un total de 1.361 h, o que supuxo un decremento intercensal anual do 7,3%. Dende entón o concello continua perdendo poboación a un ritmo do 9,40% (1996-2001) e do 8.67% (2001-2007). A análise destas cifras reflicte unha situación demográfica dramática, caracterizada por un elevado grao de envellecemento e un estancamento poboacional: maiores de 65 supoñen o 41,3% do total da poboación fronte ao 5,9% dos menores de 20 anos e o 52,8% do grupo intermedio. Isto repercute nunha baixa taxa de natalidade, 2,2‰, e unha alta mortalidade, 20,5‰ (2006). A distribución desta poboación por sexos amosa un lixeiro predominio dos homes, que constitúen o 50,35% da poboación, fronte ao 49,64% das mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Baltar é do 41,5% (49.3% a masculina e 34% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,5% (44,4% a masculina e 30,7% a feminina) e a taxa de paro é do 9,7% (9,9% a masculina e 9,5% a feminina).A base da actividade económica é a agricultura, que dá emprego ao 32% da poboación ocupada. A industria dá emprego ao 11% da poboación e a construción ao 15,1%. Os servizos representan o 41,8% do total da poboación ocupada. A agricultura amosa unhas marcadas características familiares e de subsistencia, e compleméntase cunha gandería pouco importante dende o punto de vista cuantitativo e cualitativo. A superficie dedicada ás explotacións forestais supón o 77,7% da superficie agraria útil, destacando entre outros cultivos o trigo, o millo, a pataca, as forraxes e, propio destas terras altas de invernos crus, o centeo. Os prados e pastos, que proporcionan alimento á gandería, supoñen un 22,29% do total da SAU. Polo que se refire á gandería, destaca sobre todo a súa diversificación, debida tamén á orientación fundamentalmente familiar e de subsistencia das explotacións. Destaca o armentío porcino, con 1.589 cabezas (1999); a pequena distancia sitúase o armentío bovino, con 762cabezas, seguido do ovino, con 452, do avícola, con 175 cabezas, do equino, con 124 cabezas e do caprino, con 39. Tanto o sector secundario como o terciario están pouco desenvolvidos, aínda que a porcentaxe de poboación ocupada no terciario ten aumentado nos últimos anos. A principal vía de comunicación é a estrada local OU-304, desde Xinzo de Limia á fronteira portuguesa, que vertebra o termo municipal e discorre en sentido NL-SO. Nela converxen o resto de estradas e pistas que conforman a rede de comunicacións de Baltar.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento de Baltar son os gravados rupestres de Outeiro do Crego e os castros de Outeiro do Demo na Boullosa e Outeiro do Castreo en San Antoíño. Neste territorio asentáronse poboadores limiaos. Na chaira da Veiga atópanse uns montículos artificiais, canais e pozos cegos que puideron pertencer a unha explotación aurífera en tempos dos romanos. Durante a Idade Media, o territorio do actual concello de Baltar formaba parte dos dominios dos condes de Monterrei. No Antigo Réxime, o territorio do concello repartíase entre as xurisdicións de Baltar e Xinzo de Limia, todas elas pertencentes á provincia de Ourense. Coa creación dos primeiros concellos en 1813 estableceuse o concello de Baltar, integrado no partido de Xinzo de Limia e na provincia única de Galicia. No ano 1822, ao dividirse Galicia en catro provincias, pasou a integrarse na nova provincia de Ourense. En 1835, despois da desaparición momentánea deste primeiro concello de Baltar en 1823, reaparece como tal de novo. A constitución final do concello ten data do 15 de xullo de 1836. A partir deste momento xa non se produciron variacións territoriais, salvo a incorporación de Maus, que era couto mixto, á parroquia de Tosende como consecuencia do Tratado de Límites asinado por España e Portugal o 29 de setembro de 1864.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados cómpre destacar a igrexa de Santa María de Vilamaior da Boullosa (s XVIII) e os petos de ánimas de San Paio de Abades (1834), Santiago de Garabelos (s XVIII), San Lourenzo de Niñodáguia (1790), Santa María de Tixós (1797) e Tosende (1853). Balta conta co Museo Municipal Nelson Zumel. Celébranse, entre outras, as festas da Ascensión, as da Virxe do Carme en Tosende en xullo, as de San Salvador en Tixós en agosto e Os Remedios na Boullosa en setembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Limia, A |
| Extensión | 93 Km2 |
| Poboación Total | 1126 h |
| Poboación Homes | 567 h |
| Poboación Mulleres | 559 h |
| Densidade de poboación | 12.11 h/Km2 |