baltoeslavo -va

baltoeslavo -va

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao baltoeslavo.

  2. s m [LING]

    Termo que abrangue, baixo unha designación común, dúas familias de linguas indoeuropeas: a das linguas bálticas e a das eslavas. Máis que pola contigüidade xeográfica destes dous grupos, a designación conxunta xustifícase a partir da noción da árbore xenealóxica das linguas, que puidese probar a súa descendencia dunha lingua común báltica da que se ramificaron posteriormente, aínda que algúns estudiosos discuten que esa semellanza constitúa unha proba da súa orixe común e pensan que podería responder a unha influencia mutua máis recente. Conxuntamente acadan os trescentos millóns de falantes aproximadamente, dos que máis da metade empregan tamén o ruso. Entre as principais linguas bálticas cóntase o letón (ou letonio) e o lituano. Algunhas das linguas pertencentes a este grupo extinguíronse, aínda que si se conservan restos escritos en prusiano antigo. Os primeiros textos documentados nestas linguas son do s XIV. Ambas as dúas posúen unha norma propia pero rexistran numerosos dialectos. Aproximadamente, uns catro millóns de falantes utilízanas na área báltica e cerca dun millón máis noutros lugares do mundo, principalmente nos EE UU. Pola súa banda, as linguas eslavas son un conxunto máis numeroso no que se acostuman distinguir tres grupos diferenciados: o eslavo meridional, falado en Bulgaria, ex-Iugoslavia e parte de Grecia, (dentro do que se engloban o búlgaro, o macedonio, o serbocroata e o esloveno); o eslavo occidental, empregado na República Checa, Eslovaquia, Polonia e Alemaña Oriental (a el pertencen o checo, eslovaco, o serbio e o polaco) e, finalmente, o eslavo oriental que se estende pola antiga Unión Soviética (incluíndo o ruso, o ruso branco e o ucraíno). As principais destas linguas eslavas aínda que posúen unha norma presentan numerosas variacións dialectais nos seus agrupamentos. O antigo eslavo rexístrase en textos eclesiásticos do s IX, e a súa forma posterior, o eslavo eclesiástico, consérvase aínda na lingua litúrxica da igrexa ortodoxa oriental. Os trazos arcaicos maniféstanse tamén na utilización do chamado alfabeto cirílico aínda empregado para escribir en búlgaro, serbio, macedonio e todas as linguas eslavas orientais. Na súa forma modificada emprégano unhas cen linguas minoritarias non eslavas nos países da antiga Unión Soviética.

Palabras veciñas

Baltistán | balto -ta | balto- | baltoeslavo -va | baltofinés -sa | baltooriental | baltra