bananeiro -ra

bananeiro -ra

(< banana)

  1. adx

    Relativo á banana ou ao seu cultivo.

  2. s f [PLANTA]

    Planta herbácea, do xénero Musa pertencente a familia das musáceas, de talo subterráneo, que orixina unha parte aérea, de ata 9 m de altura, constituída polos pecíolos envaiñadores das follas. As follas son grandes e oblongas, de máis de 3 m de longo e 60 cm de ancho. As flores, con anchas brácteas púrpuras, dispóñense en espigas pendurantes. A polonización das bananeiras silvestres realízana morcegos e aves. A planta morre logo de producir os froitos denominados bananas. A bananeira nace de xeito espontáneo nas zonas chuviosas da India e de Malaisia, e cultívase en toda a rexión tropical e subtropical. Das follas e do estípite pódense obter fibras que, cando se secan e se trituran, serven, xunto coa casca do froito, para forraxe. Tamén se cultiva como planta ornamental.

  3. república bananeira

    Denominación que se aplica aos estados soberanos nos que as institucións do estado quedan subordinadas aos intereses de compañías transnacionais. Deste xeito, o capital transnacional apoia a chegada ao poder daqueles elementos que, ao seu xuízo, garanten as condicións máis favorables ao desenvolvemento das súas actividades económicas. Estes estados adoitan estar formalmente lexitimados por unha constitución democrática que enmascara unha situación oligárquica que pode derivar en réximes ditatoriais. Historicamente o termo ten a súa orixe nas prácticas empregadas en diversos países da América Central pola United Fruit Company, sociedade estadounidense dedicada á produción en explotacións de froitas tropicais, entre as que destacan as bananas. Durante o primeiro terzo do s XX e ata o crack bursátil de 1929, os compromisos políticos e económicos que a United Fruit estableceu en países como Colombia, Costa Rica, Cuba, Guatemala, Honduras, Nicaragua, Panamá ou Xamaica, constituíron un dos principais elementos sobre os que se baseou a expansión do imperialismo norteamericano na América Central e Meridional.

Palabras veciñas

banana | Banana Azul | bananal | bananeiro -ra | bañar | banarés | banaro