Banco de España

Banco de España

Organismo financeiro español dependente do estado que cumpre as funcións de banco central. Ata o 1782 non se conseguiu a fundación dun banco oficial, o Banco de San Carlos, que foi substituído no 1829 polo Banco español de San Fernando. Logo de fusionarse co Banco de Isabel II (que fora fundado en 1844) orixinou o Novo Banco Español de San Fernando, e foille concedido o privilexio da emisión de billetes para todo o estado, feito que lle foi outorgado en monopolio, no 1874, por un período de 30 anos. No ano 1856 recibiu a denominación actual. Nesa época estableceu as súas primeiras sucursais en Galicia: na Coruña en 1874 e en Vigo en 1875; en 1886 abriunas en Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra. Coa lei de reforma bancaria do 1962, o banco quedou estruturado como columna vertebral do sistema financeiro do estado español. Foi absorbido polo estado e convertido nun organismo público autónomo, dependente do Ministerio de Finanzas, coas funcións de asesorar e executar a política monetaria e crediticia, emitir a moeda de curso legal e inspeccionar a actividade da banca privada, entre outras. Unha lei do 1993 concedeulle unha maior autonomía ao banco.