Bande

Bande


Concello da comarca da Baixa Limia situado na provincia de Ourense no sector meridional da comunidade autónoma de Galicia (42° 02’ 20’’ de latitude N- 7° 50’ 03’’ de lonxitude O). Limita ao N co concello de Verea (A Terra de Celanova), ao L cos concellos de Rairiz de Veiga e Porqueira (A Limia), ao S (a través do río Limia) co de Muíños (A Limia) e ao O co de Lobeira (A Limia). Abrangue unha superficie de 99 km 2 cunha poboación 2.292 h (2007) distribuídos nas parroquias de Bande, Os Baños, Cadós, Calvoa, Carpazás, Corvelle, Garabelos, Güín Nigueiroá, O Ribeiro, Santa Comba e Vilar. Dista 153 km de Santiago de Compostela e 39 km de Ourense. Cabeza de partido xudicial, está adscrito á á diocese de Ourense.
Xeografía física
A influencia do relevo e o seu carácter interior, afastado da suavización térmica que imprime a cercanía ao mar, queda contrarrestada pola presenza do val do río Limia que exerce un papel de corredor hidrográfico aberto á penetración das masas de aire húmidas procedentes do S e SO. Debido a estas singulares condicións xeográficas, o termo municipal de Bande rexistra unhas pautas climáticas moi orixinais, cun importante temperamento dos trazos continentais. Intégrase, polo tanto, dentro do denominado dominio climático oceánico de montaña, caracterizado pola súa elevada pluviosidade (1.400 mm de media anual), similar á dalgúns espazos da orla litoral, e pola presencia dun réxime térmico non moi contrastado (14,2°C de oscilación), con temperaturas agradables durante o verán (media das máximas de 17,1°C) e baixas durante o inverno (media das mínimas de 9°C). Topograficamente o concello de Bande caracterízase pola súa elevada altitude media, con cotas mínimas superiores aos 500 m, que exercen un marcado contraste coa horizontalidade do terreo na conca alta do río Limia. Dentro do concello dáse unha gradación altitudinal do relevo de N a S, de xeito que no sector setentrional atopamos un cordón montañoso, de litoloxía predominantemente granítica, onde se rexistran as cotas máximas: Porto Lamas (1.146 m), ao NO, cerca da Serra do Laboreiro, e os cumes de Fonte Santa (1.088 m) ou Arando (1.053 m), ao NL. Pola contra, cara ao S, prodúcese unha progresiva suavización do relevo, cunha paisaxe marcada polo cauce medio do río Limia que discorre en sentido NL-SO. Outro elemento moi importante na organización da densa rede hidrográfica do concello de Bande é o río Cadós, que nace na Serra do Laboreiro, preto dos 1.000 m de altitude, e desemboca no encoro das Conchas a 520 m. O seu percorrido, cunha dirección NO-SL, vai case na súa totalidade por terras do concello de Bande e caracterízase por ser moi irregular e accidentado.
Xeografía humana
Dende a última década do s XIX o concello presenta unha evolución demográfica tendente á regresión, consonte coa observada nas áreas rurais do interior do país. A fonda incidencia da emigración neste espazo montañoso, cunhas condicións escasamente favorables para a explotación agraria, constitúe o principal factor explicativo do seu constante retroceso demográfico durante o s XX. O municipio, que contaba en 1889 con 5.733 h, rexistrou dende ese mesmo ano unha progresiva perda de poboación, coincidindo coa etapa de apoxeo das migracións transoceánicas. Non obstante , a partir de 1930, e sobre todo na década de 1940, cando acadou a cifra máxima de poboación do século XX, con 6.275 h, iniciouse unha fase de rápida recuperación demográfica motivada polo freo das migracións exteriores tralo crac bolsista do 1929, e posteriormente pola Guerra Civil española e a Segunda Guerra Mundial, que cortaron totalmente os transvasamentos de poboación cara ao exterior. A década de 1950, a pesar das altas taxas de natalidade derivadas do pulo demográfico dos anos anteriores, marcou o punto de partida dun retroceso demográfico constante ata o mínimo de 1991 (2.617 h), vinculado ao inicio dos movementos interiores cara ás grandes urbes industriais do estado español (Bilbao, Barcelona ou Madrid) e das grandes migracións europeas. Se ben no en 1996 rexistrou un aumento da poboación, 2.798 h, en 2001 reflitiu 2.422 h, o que supuxo unha perda de poboación do1 3,43%, e en 2007 rexistrou 2.292 h, o que supuxo unha perda do 5,36% respecto da data anterior. En 2006 a taxa de natalidade era do1,6‰ e a de mortalidade do 20,1‰. A estrutura por idades da poboación presenta unha sociedade moi avellentada na que o 39,3% da poboación son maiores de 65 anos fronte ao 7,5% dos menores de 20 anos. O grupo intermedio representa o 53,3%. A distribución por sexos amosa un desequilibrio a favor das mulleres: 53,57% fronte ao 46,42% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Bande é do 40,5% (50,3% a masculina e 32% a feminina); a taxa de ocupación é do 33% (40,8% a masculina e 26,3% a feminina) e a taxa de paro é do 18,5% (1,9% a masculina e 17,9% a feminina). A economía do concello de Bande baseouse tradicionalmente nas actividades agropecuarias aínda que nos últimos anos a ocupación maioritaria da poboación activa é a do sector servizos. Cunha superficie agraria utilizada de de 833 ha (1999), os produtos principais son o millo, centeo, a pataca e, en menor medida, os cultivos hortofructícolas.Trátase dunha actividade destinada basicamente ao autoconsumo e que, na maior parte dos casos, se realiza a tempo parcial. A gandería, que nas dúas últimas décadas sufriu unha substitución do gando vacún a prol das reses de ovino, acadou unha certa importancia a nivel comarcal e mesmo rexional, destinándose á comercialización nos centros urbanos de Celanova e Ourense. A industria ten unha escasa representación ocupando tan só o 10% dos traballadores, mentres que as actividades ligadas á construción lle dan emprego ao 19,8%. O sector servizos, cun claro predominio do comercio, as reparacións e a administración pública, céntrase na capital municipal e ocupa o 59,4% das persoas activas. A progresiva terciarización do concello supón unha saída alternativa ao desenvolvemento local, co impulso de actividades vencelladas ao emprego do tempo de lecer. A estrada nacional OU-540 constitúe a principal vía de comunicación do municipio.
Historia
O territorio do actual concello de Bande estaba habitado na época castrexa polo pobo dos querquenos (querquenni), que aínda a mediados do s I d C mantiñan unha certa hostilidade con respecto ao poder romano. Deste momento son os castros de Vilela e Rubiáns, de onde procede a cabeza de guerreiro galaico que está na actualidade depositada no Museo Provincial de Ourense. Durante a romanización, o territorio dos querquenos quedou integrado no convento xurídico bracarense e estivo fortemente romanizado, sobre todo aproveitando o paso da vía XVIII do itinerario Antonino que unía Braga con Astorga, rematada na época de Tito (79 d C). Contemporánea da vía, é a terceira mansión e campamento de Aquis Querquennis que datan dos primeiros anos da dinastía Flavia (69-96 d C). A localización do campamento, que acollía unha unidade da Legio VII Gemina e quizais da Cohors I Gallica, obedece a uns criterios ben definidos: ten óptimas comunicacións naturais e está á beira dun río importante (o Limia) e preto dunha fonte de augas termais; ademais, facilitaba o control dun territorio dos querquenos. Así mesmo, non debeu permanecer máis alá do reinado de Antonino Pío (138 d C-161 d C). Fóra da área do campamento funcionou dende os primeiros tempos unha pequena cannaba ou asento de poboación civil. As parroquias que integran o actual concello de Bande pertenceron durante o Antigo Réxime ás xurisdicións de Bande, Güín e Casteláns e Rairiz de Veiga, adscritas á antiga provincia de Ourense. A xurisdición de Bande abranguía case todas elas (agás Güín e Carpazás) baixo o dominio señorial do abade do mosteiro beneditino de Celanova. A parroquia de Güín pertencía á xurisdición de reguengo de Güín e Casteláns e, pola súa banda, a de Carpazás á de Rairiz de Veiga, baixo o dominio do conde de Monterrei. Coa implantación dos concellos en 1821 establecéronse no territorio do actual concello os de Bande, Baños, Corvelle e O Ribeiro, adscritos á provincia única de Galicia. A nova ordenación municipal iniciada en 1835 creou o concello de Bande, adscrito á nova provincia de Ourense e integrado polas mesmas parroquias que o forman na actualidade, sen que se rexistrasen variacións posteriores. O distrito de Bande estivo representado por Saturnino Álvarez Bugallal, que obtivo acta de deputado pola Unión Liberal, que gobernou España entre o 1858 e o 1864. Posteriormente, os seus sobriños Gabino e Darío Bugallal Araújo volveron representar o distrito de Bande en diferentes lexislaturas durante a Restauración (1874-1923). Durante a Terceira Guerra Carlista (1872-1875) en Bande estiveron activas dúas faccións carlistas dirixidas por Santiago González de Lemos e Fortes.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar os vestixios romanos atopados no territorio municiapla como o o Mercurio de Vilar de Bande e a ara de Güín, ademais da ponte Pedriña (BIC, 1944). Do primeiro momento da cristianización son as columnas marmóreas tardorromanas da igrexa de Santa Comba de Bande e a lápida funeraria cristiá de Alepius (413 d C) procedente de San Xoán de Baños. Durante o período visigodo construíuse a igrexa de San Torcuato ou de Santa Comba (BIC, 1921), que segundo a tradición, erixiuse a finais do s VII, cando os cristiáns que fuxían da dominación árabe ocultaron aquí o corpo de san Torcuato, un dos primeiros discípulos do Apóstolo Santiago, que no ano 1601 foron trasladados ao veciño mosteiro de San Salvador de Celanova. Destaca tamén as igrexas de San Pedro de Bande, construída en 1785, San Xoán de Baños, Santiago de Cadós, Santa María de Corbelle e San Pedro Fiz de Vilar. O patrimonio natural está representado polo espazo natural da Baixa Limia, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, a romaría do monte Viso, coñecida como o Viso Grande, o fin de semana do domingo de Pentecoste, a festa gastronómica do Peixe, en xuño, e a feira de Cabaleiros.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Baixa Limia, A
Extensión 98 Km2
Poboación Total 2292 h
Poboación Homes 1064 h
Poboación Mulleres 1228 h
Densidade de poboación 23.39 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias