Bandeira de Galicia

Bandeira de Galicia

O artigo 6 do Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado en 1981, sinala que a bandeira de Galicia é branca cunha banda diagonal de cor azul que a atravesa desde o ángulo superior esquerdo ao inferior dereito. A Lei de Símbolos de Galicia, promulgada en 1984, establece a disposición, cor e símbolos da bandeira de Galicia. Segundo esta lei, a bandeira ten tres módulos de longo por dous de ancho e a banda é de cor azul celeste subido ou cobalto claro. Así mesmo, obriga a que conteña o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma; a disposición do escudo ten que ser centrada e a súa altura debe ser igual á metade do ancho da bandeira. A orixe da bandeira galega remóntase o s XVII, momento no que era de cor branca cun copón amarelo no centro, rodeado de seis cruces recortadas. Unha bandeira destas características foi empregada polo Batallón Literario durante a Guerra de Independencia. A orixe da faixa de cor azul, que a incorporou o movemento rexionalista cara ao final do s XIX e comezos do s XX, semella que foi o resultado dunha confusión cunha bandeira que ondeaba na Comandancia de Mariña da Coruña. A bandeira así configurada, foi adoptada polos emigrantes en América e, posteriormente, polas Irmandades da Fala (1917) e polo Partido Galeguista (1931), que a empregou durante a II República. O Anteproxecto de Estatuto de Autonomía foi a primeira tentativa de converter esta bandeira en oficial, feito que se acadou coa aprobación do Estatuto de Autonomía de 1981.