bantustán

bantustán
s m

Na República Sudafricana durante a vixencia do réxime do apartheid, territorio reservado aos pobos indíxenas africanos, nos que gozaban, en teoría, dos mesmos dereitos ca os brancos nos seus territorios. Os bantustáns (Bantu Homelands) instituíronse en 1951, mediante a promulgación da Bantu Authorities Act, sobre a base das reservas de negros creadas en 1913 e 1936, co obxectivo de que os indíxenas puidesen conservar a súa identidade étnica e desenvolver a súa cultura, ata chegar, nun futuro indeterminado, ao pleno autogoberno. A Promotion of Bantu Self-Government Act de 1959 previña a creación de bantustáns polos principais grupos étnicos, dotados dunha autonomía limitada. Transkei (1962-1963) foi o primeiro bantustán creado, ao que lle seguiron Bophuthatswana (1972), Ciskei (1972), Lebowa (1972), Venda (1973), Gazankulu (1973), KwaZulu (1973), Qwaqwa (1974), KwaNdebele (1977) e KaNgwane (1984). En virtude da Bantu Homelands Constitution Act de 1971, que previña a progresiva independencia dos bantustáns, Transkei (1976), Bophuthaswana (1977), Venda (1979) e Ciskei (1979), acadaron a independencia, recoñecidos soamente pola República Sudafricana pero non pola comunidade internacional. A superficie dos bantustáns foi de 162.150 km2 e en 1980 tiñan unha poboación de 11.930.930 h. A escaseza e a degradación, provocadas polo cultivo e polo pastoreo abusivo do solo dispoñible, obrigaron a unha gran parte dos seus habitantes a trasladarse temporalmente na busca de traballo aos territorios dos brancos, onde perdían os seus dereitos civís. Concibidos como reservas de man de obra para as industrias dos brancos situadas no bordo dos seus límites, a fin do apartheid (1992-1993) significou a súa desaparición. Os seus habitantes son cidadáns de pleno dereito da República Sudafricana.

Palabras veciñas

Banton, Travis | Bantry Bay | bantú | bantustán | Banū | Banū ahwar | Banū Birzal