Baños de Molgas
Concello da comarca de Allariz-Maceda situado na provincia de Ourense (42° 14’ 35’’ de latitude N-7° 41’ 40’’ de lonxitude O). Limita ao NL co concello de Maceda, ao NO cos de Allariz e Paderne de Allariz (Allariz-Maceda), ao SL co de Vilar de Barrio (A Limia) e ao SO co de Xunqueira de Ambía (Allariz-maceda). Abrangue unha superficie de 67,6 km 2 cunha poboación de 1.922 habitantes (2007) distribuídos nas parroquias de Almoite, Ambía, Baños de Molgas, Betán, Cantoña, Coucieiro, Guamil, Lama Má, Poedo, Ponte Ambía, Presqueira, Ribeira e Vide. A súa capital é a vila de Baños de Molgas. Localizado a 36 km da cidade de Ourense e 147 de Santiago de Compostela, está adscrito ao partido xudicial e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O concello de Baños de Molgas está nunha área de transición ao dominio climático oceánico continental, feito motivado polo seu afastamento do mar e a súa elevada altitude, sempre por riba da cota dos 450 m. Os invernos son relativamente fríos, cuns rexistros de temperaturas medias en xaneiro que acadan os 4,3°C. Pola contra, nos meses estivais as temperaturas medias adoitan ser más elevadas (17,8°C de media en agosto). O aspecto máis destacado é a ampla oscilación térmica, tanto diurna e nocturna como entre as medias dos meses do inverno e os do verán (ao redor de 13,5°C). As precipitacións achéganse aos 1.000 mm anuais, sendo frecuentes en forma de neve durante os meses máis fríos. Pola contra, entre xuño e setembro, percíbese unha certa aridez estival e o rexistro das precipitaciaons neste período non adoita superar o 7% do total anual. O elemento configurador do relevo no territorio municipal de Baños de Molgas é o río Arnoia, que nace na Serra de San Mamede (concello de Vilar de Barrio), a uns 1.500 m de altitude, e verte as súas augas no Miño. A súa conca está en íntima relaciaon coa tectaonica, xa que no seu curso alto se adapta a unha fractura de dirección NL-SO, rumbo que mantén ata a confluencia co seu principal afluente, o Tioira. A partir desta captura vira en sentido SSL-NNO, penetrando na depresión de Maceda. En conxunto, forma un amplo val que se estreita progresivamente cara á parte central do concello, preto da vila de Baños de Molgas, coincidindo co rexistro das máximas altitudes, localizadas ao S do municipio (os cumes de Areas, con 621 m e da Farria, con 830 m). Preto do límite co concello de Xunqueira de Ambía, o val ensánchase de novo a tan só 458 m de altitude. A fracturación tectónica do terreo favorece a presencia de varias fontes termais coas augas que teñen unha temperatura ao redor dos 49°C, e de mananciais de augas carbonatosódicas e silicatadas que supoñen unha das maiores riquezas naturais do municipio.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Baños de Molgas desde finais do século XIX presenta, igual ca na maior parte dos municipios do interior do país, unha clara tendencia negativa. As migracións transoceánicas de comezos do s XX non tiveron aquí unha repercusión tan evidente como noutras áreas veciñas e foron contrarrestadas cun importante crecemento natural. A partir da década de 1920, e ata 1940, ano no que se acada o máximo poboacional (6.055 h), o concello viviu un período de esplendor demográfico, consonte á dinámica rexistrada tamén na maior parte dos municipios galegos, como consecuencia do retorno de emigrantes trala crise económica mundial a partir de 1929, o peche das saídas provocado pola Guerra Civil española (1936-1939), e, durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945), a suspensión case total das liñas de transporte marítimo e mesmo da demanda de traballadores estranxeiros nos países envoltos no conflicto. Non obstante , este proceso de crecemento demográfico truncouse na década de 1960, co abandono das actividades económicas tradicionais e co inicio do traslado de poboación cara aos grandes centros industriais peninsulares (sobre todo ao Gran Bilbó e Madrid) e europeos, con Suíza como principal centro receptor. A este proceso hai que lle engadir as fondas modificacións que se deron no movemento natural nese mesmo período, cun continuado descenso das taxas de natalidade e de mortalidade, de xeito que desde o ano 1960, no que contaba con 5.102 h, ata 1996 o concello perdeu máis do 50% dos seus efectivos. Dende entón e ata 2001 o concello perdeu o 6,32% da poboación e, entre esta data e 2007, o 7,21%. En 2006 a taxa de natalidade era do 2,3‰ e a de mortalidade do19,3 ‰. O resultado desta evolución é unha poboación moi avellentada, na que o 41,7% dos seus habitantes son maiores de 65 anos, fronte ao 6,9% da poboación menor de 20 anos e o 51,4% do grupo intermedio. A distribución por sexos amosa un lixeiro desequilibrio das mulleres, 50,98% fronte ao 49,01% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Baños de Molgas é do 41,9% (48,1% a masculina e 36% a feminina); a taxa de ocupación é do 32,5% (41,5% a masculina e 24% a feminina) e a taxa de paro é do 22,5% (13,8% a masculina e 33,3% a feminina). A agricultura ocupa ao 17,8% dos traballadores. Trátase en xeral de labregos propietarios de pequenas explotacións mixtas, orientadas á produción de produtos hortícolas e gandeiros, de carácter familiar e dedicadas basicamente á produción para o autoconsumo das propias unidades domésticas. O 27,05% da superficie total do concello, 1.719 Ha (2004), están destinadas ao uso agrícola, destacando o cultivo dos cereais (millo e centeo), da pataca e das forraxeiras. O sector gandeiro está especializado no porcino e bovino con orientación láctea. A poboación dedicada ás activiades pesqueiras é mñinima, 0,3%. Aínda que o concello carece practicamente de establecementos industriais, o 15,27% da súa poboación activa traballa neste sector, desprazándose diariamente ás fábricas localizadas nos arredores da cidade de Ourense ou en municipios da súa área urbana. En moitos casos, estes obreiros combinan esta actividade coa agricultura a tempo parcial en pequenas explotacións da súa propiedade, o que supón un importante complemento para as rendas familiares. O ramo da construción, caracterizado pola atomización empresarial, xera unha cantidade maior de postos de traballo, dando emprego ao 16,2% da poboación ocupada do concello. A terciarización, paralela á que se está a dar noutros espazos tradicionalmente agrarios, fundaméntase no pulo experimentado pola demanda das actividades balnearias e do turismo rural durante os últimos anos, para as que o concello goza de excepcionais condicións. Deste xeito, a poboación activa ocupada no sector servizos representa o 50,7%. As augas da estación termal de Baños de Molgas, especialmente indicadas para o tratamento da dermatose, enfermidades reumáticas e alteracións do sistema nervioso e circulatorio, atraen a gran número de turistas para os que o concello conta cunha boa infraestrutura hostaleira, complementada coa apertura de varios establecementos acollidos ao programa de turismo rural. As vías principais de comunicación son as estradas locais que enlazan o Alto do Couso con Allariz e Os Milagres con Vilar de Barrio, así como a liña de ferrocarril Zamora-Ourense, que atravesa a capital municipal. Destaca tamén a estrada OU/P-1022.
Historia
A orixe da vila de Baños de Molgas remóntase á época romana. Dende esta época aproveitáronse as propiedades terapéuticas das fontes termais, feito constatado polos achados arqueolóxicos atopados nos principais mananciais, o Charca e o Quente: ases de bronce, restos de estatuas, pías e outros vestixios. Aínda se conservan restos da calzada romana que daba acceso ao balneario así como unha ponte sobre o río Arnoia, modificada na época medieval. Os investigadores sosteñen que a situación da mansión Aquis Salientibus, na beira da vía XVIII que unía Braga (Bracara) con Astorga (Asturica), queda no territorio do actual concello de Baños de Molgas. Durante a Idade Media, este territorio estivo baixo o poder do prior de Xunqueira de Ambía e dos señores de Manzaneda da Limia e Monterrei. As parroquias que integran o actual concello pertenceron durante o Antigo Réxime ás xurisdicións de Allariz, Armariz, Baños de Molgas, Figueiroa, Maceda de Limia, Nogueira de Betán e Poedo, incluídas na antiga provincia de Ourense. Coa creación dos primeiros concellos en 1813 constituíronse os concellos de Baños de Molgas, Betán e Armariz, pertencentes ao partido xudicial de Maceda de Limia e á provincia única de Galicia. En 1821, coa nova división provincial, estes tres concellos foron incorporados á nova provincia de Ourense. A división municipal de 1835 creou o concello de Baños de Molgas adscrito á nova provincia de Ourense e ao partido xudicial de Allariz. En 1965 pasou a depender do partido xudicial de Ourense. As sucesivas divisións municipais efectuadas sobre este territorio non respectaron a estrutura parroquial; as parroquias de Coucieiro e Cantoña teñen parte do seu territorio incluído neste concello, mentres que a maior parte integra o concello de Paderne de Allariz, circunstancia que persiste dende, cando menos, 1835.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos romanos mencionados, destacan a capela de Santa Eufemia de Ambía (BIC, 1931), do s XI, que conserva ventás xeminadas de influencia visigoda e restos de lápidas romanas dedicadas ás ninfas termais. No monte Medo (identificado por algúns autores como o monte Medulio, lugar onde se rexistrou o lendario e heroico episodio do suicidio colectivo dos poboadores castrexos fronte ás lexións romanas, datado no 22 a C) erixiuse o Santuario dos Milagres (BIC, 1982) de fábrica barroca (1731-1771). Entre as festas que se celebran no concello atópanse as de San Salvador en agosto e a romaría da Nosa Señora dos Milagres que se celebra en setembro no santuario do mesmo nome.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Allariz-Maceda |
| Extensión | 67 Km2 |
| Poboación Total | 1922 h |
| Poboación Homes | 942 h |
| Poboación Mulleres | 980 h |
| Densidade de poboación | 28.69 h/Km2 |