Baralla

Baralla


Concello da comarca dos Ancares, situado na provincia de Luho no confín oriental da Comunidade Autónoma de Galicia (42° 53’ N- 7° 14’ O). Limita ao N cos concellos de Baleira (Os Ancares) e Castroverde (Lugo), ao O co do Corgo (Lugo), ao O e S co de Láncara (Sarria) e ao L co de Becerreá (Os Ancares). Abrangue unha superficie de 141,2 km 2 cunha 3.034 h (2007), distribuídos nas parroquias de Aranza, Arroxo, Baralla, Berselos, Constantín, Covas, Ferreiros, Francos, Guimarei, Laxes, Lebruxo, Lexo, Pacios, Pedrafita de Camporredondo, Penarrubia, Piñeira, Pol, Pousada, Recesende, Riba de Neira, San Martín de Neira de Rei, San Miguel de Neira de Rei, Santo Estevo, Sixirei, Sobrado de Picato, Teixeira, Vale, Vilachambre, Vilarpunteiro e Vilartelín. A capital municipal, Baralla, está situada a 137 km de Santiago de Compostela, a 31 km de Lugo e a 11 km de Becerreá. Está adscrito ao partido xudicial de Becerreá e á diocese de Lugo.
Xeografía física
O territorio municipal de Baralla encádrase no dominio climático oceánico de montaña. Os rexistros termopluvimétricos, e dentro deles máis especialmente os térmicos, están afectados polo factor altitude, que provoca descensos nas temperaturas respecto ás que lles corresponden a outros lugares situados nas mesmas latitudes. Deste xeito, temos unha temperatura media anual que non acada os 11°C, prolongándose a estación fría de novembro a abril. A temperatura media dos meses máis cálidos (xullo e agosto) non acada os 18°C. A temperatura media do mes máis frío queda nos 4,6°C de xaneiro. Polo que respecta ás precipitacións, estas sitúanse ao redor dos 1.450 mm anuais, cunha distribución estacional que amosa unha concentración no inverno, no que se recolle o 39% do total anual fronte ao 10% dos meses do verán, que non causan un déficit hídrico apreciable, na primavera e no outono compórtanse como verdadeiras estacións de transición recollendo o 26% de precipitación. Situado no principio das chamadas serras orientais de Galicia, polo que atinxe ao relevo, o territorio do concello de Baralla está definido pola alternancia de sectores elevados a ambas as marxes do val do río Neira, afluente do Miño, que o percorre en sentido NL-SO, encaixado nunha fractura. A litoloxía dominante está composta por cuarcitas, lousas e xistos con distinto grao de metamorfismo. O Neira formou un importante depósito aluvial que foi aproveitado para establecer o núcleo de Baralla, a 500 m de altitude. As principais aliñacións montañosas son as serras de Lagoa e do Picato, ao S-SO, e a serra do Puñago ao N. As máximas cotas son os 900 m do monte das Labradas, os 898 m do Rañadoiro, os 943 m da Fonte dos Pollos e os 841 m do Vilanova. A rede fluvial está artellada pola conca do río Neira que recolle as augas dos regos que drenan o territorio municipal.
Xeografía humana
A poboación do concello de Baralla experimentou nos últimos dous séculos unha evolución inserida na liña xeral que observaron a maior parte dos concellos do interior da comunidade autónoma, é dicir, un crecemento sostido ata mediados do s XX, e a partir de entón, declive pronunciado ata chegar a unha situación de grave esmorecemento vexetativo. Deste xeito, partindo de 5.234 h en 1887, experimentou un moderado crecemento ata a década de 1950, data na que se rexistrou o máximo censal do período analizado, con 7.148 h. Dende entón, e seguindo as pautas xerais que acabamos de describir, iniciou un progresivo descenso ata chegar aos 3.488 h de 1996, o que significa que a poboación da última data representa o 66,64% respecto da rexistrada no momento de inicio do período observado, porcentaxe que se reduce ao 58,57% respecto ao comezo do s XX (5.955 h en 1900) e só ao 48,79% respecto a 1950, o momento de maior volume poboacional. Entre 1996 e 2001 a poboación descendeu nun 5,2% e entre 2001 e 2007 un 8,19%. En 2006 a taxa de natalidade era do 3,7 ‰ e a de mortalidade do 20,2 ‰. O resultado deste proceso é unha poboación cun elevado grao de avellentamento na que as persoas de 65 en diante representan o 34,5% do total, fronte aos menores de 20 anos que son tan só o 10,5%, e o 55% do grupo intermedio. A distribución por sexos amosa un desequilibrio a prol dos homes, que son o 5105% do total, fronte oa 48,94% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Baralla é do 45,5% (54,5% a masculina e 36,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,8% (14,9% a masculina e 32,4% a feminina) e a taxa de paro é do 10,3% (16% a masculina e 10,9% a feminina). A economía do concello de Baralla é de base agraria, cunha porcentaxe do 4.,5% da poboación ocupada incluída no sector primario, sendo o tamaño medio das explotacións de 13,10 ha. O réxime de tenencia baséase na pequena propiedade labrega, na que os titulares das leiras son tamén os traballadores directos. A principal orientación destas unidades, á parte do autoconsumo doméstico, é a gandería bovina (5.083 cabezas, 1999) cunha clara vocación pola produción láctea. A maior parte da superficie municipal dedicase ao cultivo de especies forraxeiras, cando non son prados. A industria dá traballo ao 8,5% e a construción ao 10,1%. A porcentaxe de empregos rexistrados no sector servizos, o 37,9%, explícase en boa parte pola mellora da accesibilidade provocada pola construción da Autovía do Noroeste, que permite os desprazamentos dos traballadores do concello á cidade de Lugo, alterando as prácticas tradicionais de uso do espazo. A autovía A-6 ou Autovía do Noroeste, comunica o concello de Baralla coa cidade de Lugo, atravesándoo en dirección L-O. Para as comunicacións cos concellos do seu contorno, dispón das estradas locais LU-710 a Castroverde, e a LU-621 á Terra de Sarria.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento de Baralla son os restos castrexos atopados en Lebruxo, Berselos e Santa Cruz e os exvotos romanos dedicados á Xúpiter e á deusa Tutela atopados en Aranza.As parroquias que integran o actual concello de Baralla pertenceron no Antigo Réxime ás xurisdicións de Neira de Xusá, Neira do Rei, (ambas as dúas do Conde de Lemos), Pacios de Neira de Xusá e Picato, e aos coutos redondos de Pedrafita de Camporredondo, Piñeira e Vale. Todos estes señoríos estaban adscritos á antiga provincia de Lugo. Ao establecérense os primeiros concellos en 1813, creáronse no actual territorio municipal dous concellos, o de Neira de Xusá e o de Neira de Rei, pertencentes á provincia única de Galicia. Estes dous concellos mantivéronse nas sucesivas reformas ata integrarse na nova provincia de Lugo en 1822. En 1840 o concello de Neira de Rei foi suprimido e as súas parroquias incorporáronse ao de Neira de Xusá. Ata o 7 febreiro de 1975, cando o consello de ministros acordou aprobar o cambio de nome do concello, non houbo alteración ningunha e o termo municipal conserva os mesmos límites dende 1840.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as pegadas románicas dos capiteis da igrexa de Covas e a portada de Berselos. Destaca tamén a igrexa de San Miguel, construída sobre un antigo castro con pedras dunha fortaleza. A arquitectura pacega está representada na casa-torre de Castelar, no pazo de Aranza e no pazo da Condomina. Destacan tamén a ponte de Covas, cunha posible orixe romana, e a ponte dos Mazos. Celébranse, entre outras, as festas de San Vitorio de Baralla no mes de agosto.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Ancares, Os
Extensión 141 Km2
Poboación Total 3034 h
Poboación Homes 1549 h
Poboación Mulleres 1485 h
Densidade de poboación 21.52 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias