Barbanza
Periódico quincenal que saía do prelo en Noia en febreiro de 1988. Desapareceu despois do número 42, no mes de decembro de 1989. Publicado pola Asociación Cultural Barbanza, figuraba como directora Socorro Santos Lorenzo, como redactor-xefe Xosé Agrelo Hermo e a redacción estaba a cargo de Gloria Díez Fernández, Antón Avilés Vinagre e Manuel Mª Pena. Nas súas páxinas atopábanse artigos de historia, arte, literatura, cultura e política. Algunhas das seccións fixas eran “Páxina literaria” e “Recanto da Historia”; entre estas seccións habituais había unha destacable, “Pecata Minuta”, firmada por Pepe da Roca, na que o periodista lanzaba afiadas críticas contra feitos da actualidade. Os números de 1989 tiñan máis contidos políticos, amais de novas nacionais e internacionais, aínda que a cultura tivo tamén o seu papel importante.