Barreiros

Barreiros


Concello da comarca da Mariña Oriental situado na provincia de Lugo ao NL da comunidade autónoma de Galicia (43° 32’ de latitude N e 7° 14’ de lonxitude O). Limita ao O cos concellos de Foz e de Lourenzá (da Mariña Central), ao S co de Trabada, ao L co de Ribadeo (A Mariña Oriental) e ao N co Mar Cantábrico. Abrangue unha superficie de 72,42 km 2 cunha poboación de 3.246 h (2007), distribuídos nas parroquias de Cabarcos, Celeiro de Mariñaos, Reinante, San Cosme de Barreiros, San Miguel de Reinante, San Pedro de Benquerencia, San Xusto de Cabarcos e Vilamartín Pequeño. A capital municipal é a vila de San Cosme, na parroquia de Barreiros.Situada 160 km de Santiago de Compostela, 96 km de Lugo e 23 km de Mondoñedo, está adscrito ao partido xudicial de Mondoñedo e á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
O territorio do concello de Barreiros encádrase no dominio climático oceánico húmido, caracterizado pola suavidade termopluviométrica, aínda que as súas parroquias máis meridionais (interiores) amosan trazos que indican que se trata dunha área de transición. A temperatura media do mes máis frío (xaneiro) sitúase nos 8,5°C, e a do mes máis cálido (agosto) chega aos 19,7°C. Deste xeito, a temperatura media anual queda nos 13,9°C. As precipitacións medias acadan os 1.000 mm anuais, cunha distribución estacional moi homoxénea (29% recollida no inverno, 27% na primavera, 15% no verán e, de novo, o 29% no outono) debido ás peculiaridades microclimáticas deste espazo litoral concreto e, en particular, á circulación de frontes frías sobre o Cantábrico durante todo o ano. Gracias a este réxime pluviométrico non se observa déficit hídrico estival. A litoloxía está dominada polas lousas do Precámbrico e do Cámbrico. Dúas son as principais unidades do relevo do territorio municipal de Barreiros: na costa, a rasa cantábrica (unha antiga superficie de abrasión mariña que se desenvolve paralela ao litoral cunha topografía plana), e no interior un relevo máis accidentado no que se acadan altitudes de máis de 500 m (509 m en Peñalonga). En canto á rede fluvial, está artellada polo río Masma, que recibe as achegas dos regos que drenan o seu territorio municipal e marca o límite co concello de Foz.
Xeografía humana
A poboación do concello de Barreiros experimentou no período 1887-1996 unha evolución que, á vista do seu resultado final, se inscribiu nas pautas xerais que se observan no medio rural galego, é dicir, acada o seu máximo histórico no censo de 1950, cando chega aos 5.197 h, para principiar a partir de entón un continuo declive demográfico que se mantén nas últimas catas censuais. A peculiaridade é a alternancia nos primeiros censos de ciclos que se saldan cun signo negativo e positivo, entre 1887 (4.651 h) e 1930 (4.804 h). O saldo final amosa que a poboación en 1996 representaba o 76,64% respecto da rexistrada no momento de inicio do período observado (1887) e só o 68,77% da que tivo en 1950, o que fai que o século XX se peche cun descenso demográfico do 18,66% (4.394 h en 1900). Entre 1996 e 2001 perdeu o 6,37% da poboación e o 2,98% entre 2001 e 2007. En 2006 a taxa de natalidade era do 4,1 ‰ e a de mortalidade do 16,4‰. Produto desta evolución é unha poboación moi avellentada na que as persoas de 65 e máis anos suman o 31,1% da poboación, fronte ao 9,8% que representan o conxunto de menores de 20 anos e o 59,1% do grupo intermedio. A distribución por sexos amósanos un leve desequilibrio a prol das mulleres, o 52,34%, fronte ao 47,65% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Barreiros é do 45,9% (55,3% a masculina e 37,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,6% (51,7% a masculina e 32,5% a feminina) e a taxa de paro é do 9,4% (6,6% a masculina e 13% a feminina). A distribución sectorial da poboación activa do concello de Barreiros amosa a súa vinculación económica aos concellos veciños da Mariña. O sector primario non é a primeira actividade máis que para o 28,5% da poboación ocupada, dentro da que se inclúe un 1,2% do total de activos que declaran como principal dedicación a pesca. A principal orientación das explotacións agrarias é a produción láctea, favorecida polas medidas de reforma técnica introducidas: mecanización dos labores, proceso de concentración parcelaria, incorporación de gando bovino selecto, etc. Tamén é un importante complemento das rendas familiares a explotación forestal de especies como os piñeiros e os eucaliptos. A industria dá emprego a un 10,9% dos traballadores do municipio e a construción a unha porcentaxe un pouco superior, o 14,9%. No sector servizos encontra traballo o 45,7% dos ocupados; a franxa litoral é un centro turístico estival, feito que provoca un aumento da demanda de servizos e tamén do parque de vivendas. En canto ás comunicacións, a estrada N-634 conecta Barreiros co resto dos concellos do litoral da Mariña e con Mondoñedo. Tamén percorre o concello a liña do ferrocarril de vía estreita (FEVE) que une Ferrol con Asturias e o resto do litoral cantábrico.
Historia
A presencia humana no territorio municipal de Barreiros testemúñase dende os tempos megalíticos, pola existencia de mámoas como as de Reinante. Do período castrexo temos os castros de Cabarcos e Vilamar. No Antigo Réxime as parroquias que na actualidade constitúen o concello de Barreiros pertencían ás xurisdicións de Barreiros e de Cabarcos, integradas na provincia de Mondoñedo e baixo o señorío episcopal da sé mindoniense. Estas antigas xurisdicións convertéronse en concellos co establecemento en 1813 dos primeiros municipios, adscritos ao partido xudicial de Ribadeo e á provincia única de Galicia. Coa división en catro provincias en 1822 ambos concellos foron integrados na nova provincia de Lugo. En 1840 suprimiuse o concello de Barreiros e creouse o de Reinantes, que co de Cabarcos continúan no partido de Ribadeo. En 1843 as parroquias do concello de Reinante foron agregadas ao de Cabarcos. En 1845 a Deputación de Lugo trocou o nome do concello de Cabarcos por Barreiros, trasladando a esta última parroquia a capitalidade municipal.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as igrexas de San Cosme de Barreiros (ss XVII-XVIII), San Pedro de Benquerencia (s XVI), San Xián de Cabarcos (s XVIII), Santa Cristina de Celeiro (ss Xvi e XVIII) e San Xoán Bautista en Vilamartín Pequeño (s XVII). Destacan tamén o pazo de Outeiro, a casa-torre de Pumarín, a casa de Penarrubín en Reinante e a fortaleza da Torre en Reinante. O patrimonio natural está representado polo espazos naturais das Catedrais e da Ría de Foz-Masma, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas da Pascua en Santo Estevo do Ermo, o luns de Pascua; San Caetano en Celeiro en agosto; a festa do Carme en Vilamartín en xullo, a romareía de San Bartolo en San Cosme en agosto e a gastronómica festa da Tortilla de Celeiro de Mariñaos.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Mariña Oriental, A
Extensión 72 Km2
Poboación Total 3246 h
Poboación Homes 1547 h
Poboación Mulleres 1699 h
Densidade de poboación 45.08 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias