base

base

(< lat base < gr βάσις ‘pé’)

  1. Método de codificación empregado no estándar de intercambio de textos por Internet MIME, alternativa moderna a outros sistemas como Uuencode. Nos Macintosh, a combinación de Base64 con BinHex permite codificar de forma efectiva as dúas partes de cada ficheiro (recursos e datos).

  2. s f

    Parte inferior dalgunha cousa onde esta descansa sobre o seu soporte, especialmente parte inferior dun muro, dun piar, dunha columna, dunha torre, dun cruceiro, dun hórreo, etc, diferente do resto da construción pola forma, a ornamentación, etc.

    Ex: O escultor decidiu poñer unha inscrición na base da estatua. O floreiro ten pouca base e non se equilibra ben.

  3. s f
    1. Parte máis importante que constitúe ou intervén nunha determinada cousa.

      Ex: A base da alimentación dos bebés é o leite.

    2. Cousa fundamental e imprescindible, necesaria para que se poida construír ou establecer algo. OBS: Cando vai posposto a un substantivo desempeña a función de adxectivo.

      Ex: O ministro de Traballo e os delegados sindicais asentaron as bases para chegar a un posible acordo. Moitos dos traballadores non perciben o salario base.

  4. s f
    1. Feito ou cousa que orixina algo ou que constitúe o seu principio.

      Ex: A base do seu éxito está no traballo constante e laborioso.

    2. Fundamento no que se apoia aquilo que estamos a dicir.

      Ex: A base da súa teoría non é nada realista.

  5. s f

    Conxunto de membros efectivos dunha organización formal que non ocupan cargos burocráticos nin directivos. OBS: Xeralmente se utiliza en plural.

    Ex: As bases do Partido Comunista non están de acordo coas últimas decisións tomadas pola dirección.

  6. s f
    1. [ANAT]

      Parte dun órgano que se une a outro máis céntrico.

    2. [ENTOM]

      Nas ás dos insectos, a zona próxima á unión co tórax.

  7. [ARQUIT]
    1. s f

      Parte inferior da columna, composta por molduras nas que se apoia o fuste, inmediata ao plano que a sostén. A súa forma variou segundo a orde arquitectónica, o país e a época á que pertenceu. Inicialmente tiña unha función estrutural, despois convertida en ornamental. Os exemplares máis antigos corresponden ás artes do Próximo Oriente e da India, nos que se atopan precedentes das bases gregas. Ao principio a columna grega carecía de base. Na base máis simple, o plinto, fóronse acumulando outros elementos (os toros, as escocias, etc) que constituíron os diversos tipos de base grega. As bases gregas, a través da arte romana, foron imitadas pola arquitectura medieval, e no estilo gótico acadaron unha altura notable. A arquitectura renacentista volveu ás antigas formas clásicas.

    2. base ática

      A formada por dous toros separados por unha escocia e dous filetes.

    3. base corintia

      A formada por dúas escocias, dous toros e un astrágalo.

    4. base toscana

      A formada por un filete e un toro.

    5. base xónica

      A formada por un toro e dúas escocias separadas por filetes.

    1. s f

      Complexo de instalacións destinadas ao cumprimento de determinadas misións militares, científicas, etc.

      Ex: Asentaron a base preto do seu obxectivo: o Everest.

    2. s f

      Lugar onde hai este complexo de instalacións.

    3. s f [ASTRON]

      Zona destinada ao lanzamento de foguetes de sondaxe atmosférica, balísticos ou espaciais. Consta dun conxunto de instalacións (centro de control, estruturas de lanzamento, sistemas de seguimento e de localización, etc). Convén que as bases de lanzamentos espaciais estean situadas preto do ecuador terrestre para poder aproveitar a maior velocidade tanxencial, causada pola rotación da Terra, en beneficio da velocidade conseguida polo foguete, e tamén para ter unha maior liberdade na elección da inclinación da órbita dos satélites artificiais que deben ser lanzados desde a base. A latitude xeográfica do lugar corresponde á mínima inclinación de órbita que se pode alcanzar.

    4. base aérea [BÉL]

      Conxunto de instalacións (pistas, torres de control, hangares, etc) e de servicios (provisión de combustible e pezas, mantemento dos avións, servicios contra incendios, médicos e de iluminación, etc) destinado a facilitar a acción das unidades aéreas militares.

    5. base de operacións [BÉL]

      Zona do terreo onde están reunidos os recursos máis inmediatos e pouco movibles, necesarios para unha campaña ou unha serie de operacións.

    6. base militar

      Complexo de instalacións militares que constitúe o aloxamento habitual de diversas unidades militares e que dispón dos servicios necesarios (de mantemento, loxística, sanitarios, etc) para realizar as súas actividades. Poden estar situadas no propio país ou nun país estranxeiro para ter un control estratéxico sobre determinados sectores.

    7. base naval / [MAR/BÉL]

      Porto ou ancoradoiro, defendido militarmente, onde poden permanecer os barcos de guerra para ser reparados ou fornecidos de provisións, para o descanso da tripulación, etc. Nas bases navais principais adoita haber instalacións de estaleiros. Polo xeral, a base naval secundaria constitúe o arsenal.

    8. base orbital [ASTRON]

      Satélite artificial proxectado como instalación destinada a laboratorio de investigacións ou como plataforma de lanzamento para futuras viaxes espaciais.

    1. s f

      alor predeterminado tomado como referencia nunha comparación, nunha medida ou escollido como unidade.

    2. s f [ECON]

      Prezo usado como unidade ou termo de comparación para calcular outros prezos.

    3. s f [MAR]

      Distancia comprendida entre as dúas aliñacións que determinan a milla medida.

    4. s f [XEOG]

      Distancia entre dous puntos medida directamente con aparellos especiais (aparello de Bessel, aparello de Jäderin) situados nun lugar pouco accidentado para facilitar a medida; a partir da base estrutúrase toda unha triangulación.

    5. base de velocidade [AERON]

      Distancia prefixada escollida para determinar a velocidade dunha aeronave respecto ao Sol.

    6. base dos índices [MAT]

      alor empregado como denominador das expresións que permiten o cálculo dos índices numéricos, correspondente á intensidade ou á media da intensidade dun determinado fenómeno nun lugar e durante un certo período de tempo.

    7. base impoñible [DER]

      Contía do capital, da renda, a utilidade ou o gasto, que foi fixada legalmente e sobre a que recae un tributo determinado.

    8. base liquidable [DER]

      Contía que resulta de practicar na base impoñible as reducións fixadas legalmente propias de cada tributo. Se se aplica a base liquidable ao tipo impositivo resulta a cota do imposto.

    9. base quilométrica [TRANSP]

      Prezo de transporte por tonelada ou por persoa e quilómetro, fixado para establecer as tarifas ferroviarias.

  8. s f [ARQUEOL]

    Na terminoloxía empregada na análise tecnolóxica, extremidade oposta á parte que se supón activa dun útil.

  9. [DEP]
    1. s

      En diversos deportes de equipo con balón, especialmente no baloncesto, xogador que organiza o xogo ofensivo.

    2. s f

      No deporte do béisbol, cada un dos catro ángulos do terreo de xogo, que constitúen as metas que teñen que acadar os xogadores nas súas carreiras para non ser eliminados e acadar un tanto a prol do seu equipo, no caso de percorrer completo todo o perímetro.

  10. s f [DER]

    Principio xeral establecido por unha lei de bases, por unha lei marco ou por unha lei estatal nos casos de competencias lexislativas compartidas coas comunidades autónomas.

  11. s f [FILOS]

    Infraestrutura.

  12. s f [FÍS]

    Electrodo intermedio dun transistor empregado correntemente como electrodo de control e, polo tanto, análogo á reixa dos tubos electrónicos.

  13. [LING]
    1. s f

      Elemento que queda dunha palabra variable cando se lle separan os afixos e os elementos flexionais. Así, por exemplo, se no adxectivo incómodas separamos o prefixo privativo in-, o morfema de xénero feminino -a e o morfema de número plural -s, queda como base da palabra o elemento -comod-.

    2. base baleira

      Termo sintáctico asemántico destinado a servir de soporte dunha construción que, doutra maneira, sería equívoca ou inviable. A gramática xenerativo-transformacional utiliza a miúdo as bases baleiras abstractas ou elementos mortos (dummy elements) que, na descrición estrutural dunha frase matriz, marcan as posibilidades de inserción doutras frases transformadas.

    3. base de alternancia

      Segmento fundamental da palabra, oposto aos sufixos e aos elementos de flexión, que está suxeito ao fenómeno morfonolóxico da alternancia. En galego existe base de alternancia nalgúns verbos nos que alternan as vocais tónicas pechadas e abertas. Así, por exemplo, no verbo comer, alterna no presente de indicativo a vocal tónica pechada [o] da primeira persoa de singular e da primeira e segunda de plural, coa vogal tónica aberta [O] da segunda persoa de singular e da terceira de plural.

    4. base do sintagma

      sintagma.

    5. base morfolóxica

      Na descrición dunha lingua, forma tomada como punto de partida para obter as outras formas dun paradigma de flexión ou dunha familia de derivación. Por exemplo: sent-ir, sent-ido, sent-imento.

    6. base morfolóxica virtual

      Segundo a terminoloxía de Trnka, base que só acepta un único morfema. Por exemplo, en inglés a palabra flabby ‘frouxo’ está formada polo sufixo by e a base flab ‘graxa’; só pode recibir o sufixo -by e, polo tanto, non pode formar máis palabras.

    7. base radical

      Elemento que permanece cando se sacan dunha palabra os morfemas temáticos, chamada tamén raíz. Por exemplo: cant-ø-o, cant-a-s, cant-a-mos.

    8. base sufixal

      Elemento que permanece cando non se sacan dunha palabra os morfemas temáticos, chamado tamén tema.

  14. s f [LIT]

    Na métrica clásica, pé inicial dun verso que, por anacruse, non conta na escansión.

  15. [MAT]
    1. s f

      Grupo de elementos dun conxunto que permite expresar outro elemento do conxunto nos termos daqueles; a estrutura alxébrica do conxunto especifica a forma en que a base xera os elementos do conxunto: base dun espazo vectorial, base dun espazo topolóxico, etc.

    2. base canónica

      Base principal dun espazo vectorial. Se K é un corpo, K n é un espazo vectorial sobre K. Os vectores e 1 = (1,0...,0), e 2 = (0,1, 0,...,0),..., e n = (0,...,0,1) forman unha base de K n que se denomina base canónica.

    3. base de Hilbert

      Base dun espazo de Hilbert.

    4. base directa

      Nun espacio vectorial, dúas bases B e , teñen a mesma orientación se det(A)>0, sendo A a matriz do cambio de base entre B e . Escollida unha orientación, todas as súas bases chámanse bases directas.

    5. base dual

      Nun espazo vectorial E de dimensión finita, se [e 1 ,..., e n ] é unha base de E, nese caso, o conxunto de formas lineais f i : E K, con imaxes sobre o corpo K do espazo vectorial definido por f i ( e j)jj, sendo δij=0 se i*j, δii=1, forma unha base do espazo dual E*, e que se denomina base dual da inicial.

    6. base dunha álxebra

      Base do espazo vectorial subxacente á álxebra.

    7. base dun espacio vectorial

      Conxunto de vectores linealmente independentes que xeran o espazo vectorial mediante combinacións lineais, de xeito que calquera vector v do espazo pode estar expresado dunha maneira unívoca como combinación lineal dos vectores da base: v = Σa i e i . Todo espacio vectorial ten unha base (consecuencia do axioma de Zermelo). Se o espacio E ten unha base formada por un número finito de elementos, o espazo é de dimensión finita; nese caso, todas as bases teñen o mesmo número de elementos, número que se denomina dimensión do espacio, dimE. Dúas bases relaciónanse mediante unha matriz de cambio de base. Efectuar un cambio de base é obter as coordenadas da base B’ dun vector calquera v a partir das súas coordenadas na base B.

    8. base dun módulo

      Conxunto linealmente independente de elementos do módulo que se xera mediante combinacións lineais.

    9. base ortogonal

      Nun espacio vectorial cun produto interno, base B = [e 1 ,..., e n ] na que os elementos son ortogonais entre si, é dicir, que satisfán (e i e j )=0 se i¹j. En R2 e R3, base formada por vectores perpendiculares dous a dous.

    10. base ortonormal

      Nun espacio con produto interno, base ortogonal formada por vectores de norma unidade.

    11. base retrógrada

      Nun espazo orientado, base correspondente á orientación contraria á base directa.

  16. [MAT]
    1. s f

      Número do que son función todos os números dunha táboa nun sistema numérico e que serviu para construíla.

    2. s f

      Número tomado como fundamento de certos sistemas de notación ou de determinadas teorías matemáticas.

    3. base dun sistema de numeración

      Dado un número enteiro p ? 2, todo número enteiro positivo x pode estar expresado en forma dun polinomio en p:xa k p k , sendo 0£a k £p-1. Por exemplo, se p=10, a expresión anterior leva ao desenvolvemento das cifras do número x no sistema de numeración decimal: 1525=1x10 3 +5x10 2 +2x10 1 +5x 10 0 . No caso xeral dun número enteiro p>2 calquera, obtense o desenvolvemento do número x no sistema de numeración de base p. Os coeficientes a k son as cifras de x no sistema numérico posicional de base p. O número 2 é a base do sistema binario, o 8 a base do sistema octal e o 16 a base do sistema hexadecimal, moi usados en informática. Por exemplo, a expresión do número 13 (decimal) nestas bases é, respectivamente: 13) 2 =1101,13) 8 = 15(13 = 1x8 1 ;+5x1 0 ) e 13) 16 =c (xa que cómpre completar as cifras 0,1,2,....,9 con seis letras a,b,......,f.

    4. base dunha potencia

      Número que hai que tomar como factor tantas veces como indica o expoñente co que está afectado: en 18 4 , 18 é a base e 4 o expoñente.

  17. s f [MAT]
    1. Cada un dos lados ou das caras dunha figura xeométrica enriba da que se pode considerar que descansa.

    2. En certas figuras xeométricas, a liña ou o plano paralelos á base. Por exemplo: as dúas barras dun trapecio, dun cilindro, etc.

    1. base de contornos dun punto

      Nun espazo topolóxico, parte B do conxunto de contornos deste punto x, de xeito que todo o contorno de x contén un elemento de B.

    2. base dun espacio topolóxico [MAT]

      Nun espazo topolóxico (E τ), familia de intervalos abertos B 0 τ, de maneira que todo intervalo aberto de B é reunión de elementos de B.

    3. base dun filtro [MAT]

      Familia F non baleira de partes dun conxunto E, de maneira que Æ Ï F e que a intersección dun número finito de elementos de F pertence a F.

  18. s f [QUÍM]
    1. Conxunto de substancias activas que causan a acción principal e característica dun preparado cosmético.

    2. Familia de hidrocarburos que forma a porcentaxe máis importante ou característica da composición dun petróleo. En xeral, os petróleos dunha rexión determinada presentan unha mesma base.

    3. Elemento ou ingrediente principal ou esencial dunha mestura, dun composto, dun medicamento, etc.

    4. Conxunto de ingredientes que definen o tipo dun preparado cosmético.

    5. Cada un dos compoñentes esenciais da pólvora.

  19. s f [QUÍM]

    Cada unha das substancias caracterizadas quimicamente polas seguintes propiedades: provocar o cambio de color ou a viraxe de determinadas substancias orgánicas chamadas indicadores, e producir cos ácidos reaccións de neutralización nas que se forman os sales. O concepto de base desenvolveuse paralelamente ao de ácido. A primeira teoría moderna sobre ácidos e bases foi a de Arthenius, que define as bases como as substancias que en solución acuosa dan ións O - . Esta interpretación ten a dificultade de explicar o comportamento tipicamente básico dalgúns compostos que non conteñen osíxeno na súa molécula. Posteriormente, a teoría de Brōnsted e Lowry definiu como base toda substancia capaz de captar ións hidróxeno ou protóns, como os ións O - , todos os anións dos ácidos débiles, e tamén compostos como o amoníaco e as aminas. Chámase base de Lewis toda substancia capaz de ceder unha parella de electróns.

  20. base de adherencia [PINT/TECNOL]

    Superficie tratada sobre a que se aplica, posteriormente, unha pintura ou un revestimento metálico.

  21. base de analoxía [LING]

    Palabra que provoca unha acción analóxica.

  22. base de articulación [LING]

    Denominación do conxunto de hábitos articulatorios que conforman a pronuncia característica dunha lingua. Algúns autores parten da colocación dos órganos articulatorios en posición de repouso para definir esta base, ás veces mal considerada como produto de condicionamentos biolóxicos. A base de articulación determina as tendencias da evolución fonético-fonolóxica ao longo do tempo. Por exemplo, o aumento da frecuencia e da tensión a partir dun comezo débil é propio das linguas románicas, fronte á base decrecente, contraria á anterior, que amosa en xeral a familia xermánica.

  23. base de comparación [LING]

    Característica común existente en dous termos dunha oposición e que constitúen a súa base de comparación. Así, por exemplo, na oposición /t/ /d/ tómase como base de comparación o feito de que os dous fonemas teñen en común ser oclusivos e dentais; só se diferencian no grao de sonoridade: /t/ é xordo e /d/ sonoro. Dous fonemas que non posúen base de comparación non poden formar oposición.

  24. base de datos [BIBLIOT]

    Conxunto de datos bibliográficos (datos secundarios), que remiten a unidades documentais primarias, que se almacenan na memoria dun ordenador. O ordenador chámase ordenador distribuidor de base de datos ou ordenador hoste.

  25. [INFORM]
    1. base de datos

      Conxunto de datos non redundantes e estruturados, organizados independentemente das dúas aplicacións e almacenados en soporte informático, de tal xeito que entre eles se poida localizar rapidamente unha determinada información e que, ademais, se poidan empregar con diversas finalidades, como por exemplo no envío automatizado de cartas ou na elaboración de nóminas.

    2. base de datos distribuída

      Base de datos instalada nun contorno de rede no que os seus compoñentes residen en máis dun sistema. Permite a entrada e modificación do seu contido desde calquera dos sistemas con acceso a ela. Tamén se chama base distribuída.

    3. base de datos plana

      Aquela que consta dunha única táboa realizada con fileiras e columnas, que posibilita cruzar a información que se encontra nelas. Tamén se chama base plana.

    4. base de datos relacional

      Aquela que consta de varias táboas realizadas con fileiras e columnas. Unha operación importante nunha base de datos relacional é enlazar dúas táboas, é dicir, facer entre elas unha referencia cruzada da información. Tamén se chama base relacional.

  26. base de evolucións [TÉXT]

    Orde na que, nun atado ou debuxo, se combinan os inicios e remates de cada fío do urdido con todas as pasadas do traxecto, ou de cada unha destas pasadas con todos os fíos.

  27. base de fogos [BÉL]

    Elemento de fogo constituído polas armas pesadas dun batallón de infantería que reforza e complementa os fogos de artillería ou dun grupo de combate de sostemento directo.

  28. base de logaritmos [MAT]

    Número positivo e diferente do 1 sobre o que se constrúe un sistema de logaritmos; a base a elevada ao logaritmo na base a dun número calquera x, dá este número x: aloga (x) = x.

  29. base de tempos [FÍS]

    Dispositivo que produce un sinal periódico, cunha onda que adoita ter forma de dente de serra, co fin de obrigar ao feixe de electróns dun tubo de raios catódicos a efectuar un varrido determinado.

  30. base documental [INFORM]

    Aquela que está composta por documentos completos e non por datos individualizados.

  31. base económica [ECON]

    Conxunto de actividades produtivas dunha rexión ou zona que exporta produtos ou servicios.

  32. base nitroxenada [BIOQ]

    Composto básico que contén hidróxeno; especialmente, composto anelado orgánico como a adenina, a citosina, a guanina, a timina e o uracilo, constituíntes dos ácidos nucleicos.

  33. parella de bases [BIOQ]

    Relación de enlace entre as bases purínicas e pirimidínicas dos nucleótidos de cadeas complementarias do ADN e do ARN. Esta relación é específica. No ADN fórmanse dous tipos de parellas: adenina-timina (A-T), unidas por dous enlaces de hidróxeno, e guanina-citosina (G-C), unidas por tres enlaces. No ARN as parellas que se forman son: adenina-uracilo (A-U), con dous enlaces, e guanina-citosina (G-C), con tres.

Frases feitas

  • a base de loc prep

  • 1 Expresa o elemento principal dos que constitúen unha cousa. Ex: O biscoito está feito a base de ovos da casa e fariña.

  • 2 Expresa o medio co que se consegue algo. Ex: Acadou a praza na universidade a base de moito estudio.

Palabras veciñas

basculante | bascular | Basdevant, Jules | base | base | Base64 | baseado -da