Bautista

Bautista
[ONOM]

Prenome masculino procedente do latín Baptista, e este do grego Baptistés (βαπτιστ ή ς) ‘bautista, o que bautiza’: Foi o alcume de san Xoán, chamado o Precursor, por ser quen bautizou a Xesús de Nazaré e o proclamou Mesías. O seu culto é un dos máis antigos da Igrexa e, polo menos, dende o Emperador Constantino, fóronlle dedicados numerosos santuarios e altares; a este santo consagróuselle a igrexa de Letrán, en Roma, fundada por Constantino, e moitos baptisterios, como os de Ravenna, Parma, Aix, Pisa e Florencia. Dun himno da liturxia de Xoán Bautista proceden os nomes das notas da escala musical, ao descubrir Guido de Arezzo no s XI que cada versículo empezaba nunha nota cada vez máis alta seguindo exactamente a escala diatónica: “Vt queant laxis, resonare fibris, mira gestorum, famuli tuorum, solve polluti, labii reatum, Sancte Ioannes”. O ut modificouse posteriormente en do por eufonía e o si procede das iniciais de Sancte Ioannes. A súa festividade celébrase o 24 de xuño, data do seu nacemento, agás en Sas de Penelas (Castro Caldelas) onde se conmemora o 29 de agosto, data do seu martirio.