Bayerische Motoren Werke
Empresa alemá con domicilio central en Múnic (Baviera, Alemaña) dedicada á fabricación de motocicletas de gran potencia e de automóbiles. As súas orixes remóntanse ao 1898; sen embargo, non comezou a fabricar motocicletas ata 1923 e automóbiles ata 1927, ano no que tamén deseñou motores para a aviación. En 1929 lanzouse o primeiro automóbil da BMW, o modelo Dixi 3/15. En 1932 desenvolveuse na factoría muniquesa o modelo 3/20 e, ao ano seguinte, o modelo 303, co primeiro motor de seis cilindros do mercado automobilístico. En canto ás motocicletas, a BMW R 12 foi a primeira cunha pinza de brazos telescópicos e amortecemento hidráulico, aparecida en 1935. Xa no ano 1994 comprou o grupo Rover, mentres mantiña unha relación directa coa compañía Rolls Royce para a fabricación de motores. En 1999, o grupo BMW estaba composto por BMW, Rover, Land Rover, MG, Mini e Rolls Royce. En canto aos automóbiles, a Nova serie 3, a serie 5 (520d de 136 CV e o 525d de 163 CV), o X5 e mailo Z8 de 400 CV, e as motocicletas R1150GS e F650GS, xunto á C1, son os modelos máis avanzados sobre os que traballa BMW. En maio do 2000 chegou a un acordo coa empresa norteamericana Phoenix para a venda de Rover.