Baztan, val de
Comarca setentrional da comunidade Foral de Navarra. É un val transversal pirenaico de relevo suave, drenado polo curso alto do río Bidasoa e polo seu afluente, o Baztan. Situada na vertente atlántica dos Pireneos, ten un clima oceánico hiperhúmido, que dá lugar a unha grande extensión de praderías e bosques de faias, castiñeiros e carballos. A poboación, maioritariamente euscalduna (de fala vasca), está bastante espallada en casaríos dispersos polos municipios de Baztan, Zugarramurdi e Urdazubi. A agricultura e a gandería (vacún, ovina, porcina e cabalar) representan os principais recursos económicos do val. O seu carácter intramontano favoreceu o illamento do val fronte ás dominacións foráneas: sen chegaren a ser romanizados, os seus habitantes aceptaron a soberanía visigoda, pero trala invasión musulmana, declaráronse independentes fundando un tipo de república democrática, baseada nuns foros que se mantiveron en vigor ata principios do s XIX, malia as tentativas de supresión dos reis navarros, entre as que destacou a creación, contra o ano 1025, por Sancho III de Navarra, do señorío de Baztan, cedido a Semen Ochoaniz, señor dos castelos de Jauregizar, Amaiur e Irurita. Non obstante , os veciños do val conseguiron -aceptando a soberanía dos reis navarros- manter a xurisdición en mans da súa xunta xeral, ratificada por sentencias como a de 1440, que declarou fidalgos a todos os seus habitantes. Durante o s XIX, ese desexo de conservar os seus privilexios forais tradicionais foi un dos elementos que máis decisivamente contribuíu á adscrición maioritaria dos veciños do val ao partido carlista nas sucesivas loitas civís. Conserva covas con restos da arte paleolítica.